Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA
Javier Mur. Profesor de Primaria e licenciado en Psicopedagoxía

“É importante saber dividir por dúas cifras, pero bastante máis ser persoa”

{Actual, divertida e emotiva} Hoxe o cinema Numax recibirá a visita de Javier Mur Isaiz, o profesor no que está inspirado o filme ‘Uno para todos’, que se estreou onte. Será o propio Javier quen presente a película nas dúas sesións desta tarde (17.50 e 20.00 horas) e comparta co público un pequeno coloquio no primeiro pase. É esta unha luminosa historia de superación, que nos mostra o poder da docencia.

Javier, a túa historia é marabillosa. Que che sucedeu cando soubeches que un dos teus alumnos non ía poder ir a clase por culpa dun cancro?

O primeiro que pensei foi que non podía quedarme como se nada pasase. Busquei en Internet e non atopei ningunha práctica realizada en casos semellantes, e decidín que algo tiña que facer.

Partindo do aprendido no curso anterior, sabía que o potencial do alumnado era moi alto, e decidín que sería o grupo o que ía levar o proceso de acompañamento. Faciliteilles o espazo de traballo que permitiu que axudasen ao compañeiro explicándolle todo o que facíamos na aula dun xeito máis cercano e no formato que decidiran.

Eles organizáronse en grupos de catro ou cinco e cada dúas semanas enviábanlle ao compañeiro ausente algún material para permitirlle non desconectar do que pasaba na aula malia que non puidera vir. Durante sete meses as compañeiras e compañeiros foron os seus docentes e ao mesmo aprenderon e reforzaron o que aprendían na clase. Gañaron todos.

Ademais, os seus compañeiros eran remisos a que volvese. Existe aínda moito tabú entre os nenos coa enfermidade?

No meu caso non eran reacios a que volvera, todo o contrario. A historia que se narra no filme é ficcionada totalmente. Ten o gromo inicial na nosa historia, pero todo o que se conta é froito das guionistas.

No tocante á enfermidade, penso que a sociedade avanzou moito, xa non existe apenas xente que busque culpables ou responsables. Asúmese que é algo que nos pode pasar a calquera e hai que avanzar, naturalizar a situación para favorecer que a xente se abra a ser axudados.

Que significa para ti ser profesor, Javier.

Unha gran responsabilidade. O presente e o futuro de moita xente está nas nosas mans, e debemos axudarlles a medrar como persoas. Temos que estar dispostos a escoitar, e romper coa idea do docente subido nunha tarima que todo o sabe e todo o controla. Hai que baixar mesmo por debaixo para acompañar ao alumnado. Un docente debe ofrecer ao seu alumnado as ferramentas para descubrir o mundo, para ter criterio e para poder emanciparse a todos os niveis.

Nos malos momentos, viches unha oportunidade para alegrarlle a vida a un neno e que seguise case coa súa vida normal. Sempre hai algo positivo cando non brilla o sol?

Temos que facer o esforzo por velo. Non é que non o haxa, é que moitas veces non somos capaces de mirar coa suficiente amplitude para ver que sempre se poden facer lecturas diferentes. Dun mesmo feito sempre hai opinións subxectivas e temos que aprender a que esa perspectiva busque o lado positivo das cousas.

Pasa o mesmo co alumnado, todas as persoas poden ensinarnos cousas, unhas no tocante ao académico, pero non nos esquezamos do humán, do cultural, do interior...

Non podemos deixar de buscar o positivo no alumnado; se non se atopa, hai que seguir buscando.

Conseguiches involucrar a todos os alumnos. Tiveches que lidar unha situación moi difícil. Pero realmente, se hai vontade pódense facer pequenas grandes cousas por alguén que o necesita.

Non vou negar que foi unha situación moi complicada, pero como dis, tiña a vontade de querer que o alumno fose un máis do grupo. Xa di o refrán que fai máis o que quere que o que pode.

Aquel curso imaxino que foi unha aprendizaxe para todos. Cambiouche a vida?

Tanto como a vida, non. Se teño que destacar algo dese ano é que me axudou a estar máis seguro no que facía. Serviume para confirmar en que as veces hai que deixarse levar pola intuición e polo compromiso de querer axudar a formar persoas e non tanto polo que pon nos papeis oficiais.

Sen dúbida desde aquel ano dou aínda máis prioridade ao humano que ao académico. É importante saber dividir por dúas cifras, pero bastante máis ser persoa, ainda que entendo que non todo o mundo comparta isto.

Díxoo Mandela: “A educación é a arma máis poderosa para cambiar o mundo”. E necesitamos armarnos máis, verdade?

Totalmente. É preciso investir máis en Educación. Non é comprensible que no momento actual non se baixe o número de alumnos por aula en Infantil e Primaria. Os espazos pódense buscar fóra da escola, é unha oportunidade. Non hai que ter medo a abrir a escola ao exterior, porque se non abrimos as portas máis alá, non conseguiremos que eses cambios cheguen ao mundo.

Estréase a película no Numax e cun pequeno coloquio, esta mesma tarde ... estás nervioso?

É unha ficción que se inspira na nosa historia, faime ilusión.

Forza de vontade

A historia. O filme, dirixido por David Ilundain e protagonizada por David Verdaguer, conta a historia dun profesor interino que asume a tarefa de ser titor de sexto de Primaria nunha vila completamente descoñecida para el. Cando descubre que ten que integrar un alumno enfermo na aula atópase cun problema aínda maior: ningún dos seus compañeiros quere que volva á aula.

Premiado. Javier Mur naceu en Monzón (Huesca) en 1986. É mestre de Educación Primaria e Licenciado en Psicopedagoxía. Durante o seu segundo ano como docente en Monzón realizou o Proxecto Guillén, co obxectivo de integrar a un alumno que non podía asistir ao colexio por mor dunha enfermidade. Esta experiencia recibiu o premio Francisco Giner de los Ríos que outorga o Ministerio de Educación en 2016. Na actualidade vive en Pontevedra.

19 sep 2020 / 00:04
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.