Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Consello da Cultura recrea 'Alba de Gloria', de Castelao, con realidade virtual

Empregan recreacións sonoras e visuais // Os visitantes poden vivir unha experiencia e mergullarse na historia de Galicia da man do escritor rianxeiro

Alba de Gloria foi un discurso representativo para a cultura galega por numerosos motivos. Primeiro porque recrea unha singular "santa compaña", ­unha grande procesión das figuras determinantes na creación da identidade de Galicia. Segundo, porque é o mellor e máximo expoñente da retórica en lingua galega. Pero tamén porque é o último gran discurso que pronunciou Castelao en vida.

Cando se cumpren os setenta anos da súa alocución, o Consello da Cultura Galega (CCG) recupera a súa significación na exposición Alba de Gloria, e faino dun xeito inédito. A través de sistemas de realidade virtual e recreacións sonoras e visuais, os visitantes poderán vivir unha experiencia e mergullarse na historia de Galicia da man do propio Castelao.

A mostra, co comisariado de Manuel Gago, inaugurarase o 7 de novembro en San Domingos de ­Bonaval.

Entre Prisciliano, ao que Castelao chama o "heresiarco decapitado" e o "Gran Don Ramón (Valle Inclán)" trázase a poderosa imaxe visual dunha santa compaña, que dá forma narrativa a unha enumeración de figuras relevantes para a historia do noso país. Son un total de sesenta e unha personalidades e figuras ás que Castelao gozou de gran plasticidade e forza visual. Nesa nómina de personaxes figuran nomes recoñecidos como Alfredo Brañas, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal ou Diego Xelmírez, xunto con outros menos coñecidos como Benito Vicetto, Alberto García Ferreiro, San Dámaso.. Todos eles plasmados por Castelao ao xeito dunha procesión de inmortais ao xeito de santa compaña da mitoloxía popular, cuxo ton se recupera na propia exposición.

O discurso encerra así mesmo outros valores, xa que Castelao destaca a importancia desas grandes figuras da historia ao tempo que indica que é no pobo, na tradición, onde reside o pouso da verdadeira ­identidade da ­cultura ­galega.

Un dos aspectos máis destacados da mostra é a conceptualización, xa que non se trata dunha exposición de paneis, senón que emprega tecnoloxía avanzada para ofrecer unha experiencia, unha inmersión no ­universo plástico e simbólico que percorre Castelao no seu discurso.

Para a exposición Alba de Gloria apostouse por converter á igrexa de San Domingos de Bonaval nun espazo que permite coñecer as orixes e os significados do discurso e compartir a emoción dos asistentes á súa primeira lectura en 1948.

A través de interpretacións dramatizadas, dun labirinto coas figuras do discurso a tamaño real, de infografías interactivas e dun sistema de ­realidade virtual inmersiva, os ­asistentes mergullaranse nas ideas, nas figuras e no relato da historia galega realizado por Castelao.

Entre o desafío tecnolóxico da exposición está a reconstrución da propia figura de Castelao, que ­interactuará cos visitantes na experiencia virtual.

Para a súa realización, empregouse toda a documentación gráfica, ­audiovisual e plástica dispoñible sobre a súa figura ata crear un modelo ­tridimensional e dixital moi preciso do Castelao do ano 1948.

Canda el, moitas outras figuras da historia de Galicia mencionadas no discurso tamén son recreadas e animadas na ­experiencia, aínda que cun menos nivel de detalle.

A inauguración. Alba de Gloria foi o último gran discurso que pronunciou Castelao en vida. Tivo lugar no festival do Centro Gallego realizado no Teatro Argentino co gallo do Día de Galiza, un 25 de xullo de 1948.

Cúmprense agora os setenta anos dese discurso que se traslada á cidadanía cun discurso expositivo diferente e empregando novidosa tecnoloxía ­multimedia para mergullarnos nese universo plástico recreado por Castelao.

Esta mostra poderá verse ata o vindeiro 3 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres en San Domingos de Bonaval.

03 nov 2018 / 21:56
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito