Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Galardóns a dous innovadores usos da tecnoloxía na escola e no Camiño

O Cpeig premia ao CEIP Ponte dos Brozos na categoría de Iniciativa no Ensino e ao Camino de los Satélites na de e-Inclusión

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (Cpeig) outorga o premio Iniciativa Tecnolóxica no Ensino ao CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo e o galardón e-Inclusión ao proxecto Camino de los Satélites.

Estas distincións forman parte das dez categorías dos premios desta edición, nun evento onde os colexiados recoñecen as iniciativas e as persoas destacadas no ámbito da enxeñería en informática. A entrega dos galardóns celebrarase o vindeiro 28 de xuño no Hotel Monumento San Francisco de Santiago.

Por un lado, Iniciativa Tecnolóxica no Ensino é unha nova categoría creada este ano para distinguir o traballo realizado polos centros de ensino e o seu profesorado en prol da difusión da tecnoloxía.

O primeiro en facerse con este mérito foi o CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo, un dos sete seleccionados pola Unesco para aparecer nunha publicación sobre as mellores prácticas de aprendizaxe móbil.

Grazas a esta selección, Begoña Codesal e Verónica García, dúas profesoras do centro, tiveron a posibilidade de presentar a experiencia levada a cabo nas aulas na Mobile Learning Week, unhas xornadas que xiraban en torno á intelixencia articial e que foron celebradas na sede central da Unesco en París.

Actualmente, existen diferentes grupos de traballo que investigan sobre a intelixencia artificial e sobre o seu emprego na educación, ensinando ao alumnado como crear e educar un bot que funcione na Google Home. Durante os recreos existe un Club de Ciencia onde o alumnado pode aprender a programar utilizando unha aplicación que se chama Cospaces, que permite tamén crear universos en 3D.

Para conseguir estes resultados, Patricia Galán Gómez, directora do colexio, explica que é preciso contar cun profesorado "ilusionado, motivado, preparado e disposto a asumir grandes retos e horas de formación", ademais dun equipo directivo que favoreza o traballo e unha institución como o Concello de Arteixo, que a través do proxecto Arteixo Innovación financia gran parte do equipamento necesario. Fernando Moreno, coordinador Tic do centro, asegura que son o exemplo de que "no ensino público de Galicia se poden facer grandes cousas".

Por outro lado, o premio e-Inclusión foi parar ao proxecto Camino de los Satélites, un conxunto de accións que buscan dar apoio tecnolóxico e fomentar o uso sostible a todas as persoas que atopen barreiras á hora de facer o Camiño, facéndoo accesible para todo o mundo. Así, está especializado en persoas con risco de exclusión tecnolóxica, maiores, con diversidade funcional e con necesidades fóra do común.

A actividade central deste ano da iniciativa, levada a cabo pola Fundación Tecnología Social (Funteso), consistirá en percorrer o Camiño Francés en trece etapas, dende o 28 de setembro ao 20 de outubro.

Empregarase a bicicleta para fomentar o uso deste medio de transporte, aplicando tecnoloxía responsable para facer máis fácil o percorrido, as paradas, o acceso a cultura, ao comercio local e a hostalería.

Ademais, participarán un tándem, unha hand bike e algunha outra bici especial para persoas con diversidade funcional, así como bicicletas estándar ata completar o grupo de Bicigrinos. Para o seguimento deste equipo, contarase coa tecnoloxía de G-ME, un sistema novidoso, preciso e eficaz de seguimento de persoas e animais.

Varela Couceiro

Presidente de Funteso

"A iniciativa é un banco de análise de recursos onde as distintas empresas e profesionais poden colaborar"

17 jun 2019 / 21:12
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito