Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Galicia nomeada abre a recolleita de microtopónimos á cidadanía

Esta nova aplicación presentada pola RAG e a Xunta promove a recompilación colaborativa de nomes de leiras, fontes, camiños, penedos, regos ou praias

Galicia é un país dunha riqueza toponímica extraordinaria. Os seus 29.574 quilómetros cadrados representan o 6 % de todo o Estado e acubillan un terzo das entidades de poboación, máis de 38.000 con cadanseu nome. Todos eles conforman a toponimia maior xa rexistrada no actual Nomenclátor de Galicia, mais fican aínda milleiros de microtopónimos tradicionais vivos na memoria das persoas de máis idade que urxe recompilar.

Nomes de leiras, fontes, camiños, regos, devesas ou penedos, e da franxa intermareal e mesmo do fondo do mar que funcionaron como localizadores xeográficos durante séculos.

Recompiláronse máis de 478.000, pero calcúlase que poderían superar os dous millóns, o que dá conta da "excepcionalidade dun patrimonio inmaterial que constitúe unha parte fundamental da nosa memoria histórica", salienta o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.

O Seminario de Onomástica da institución leva moitos anos traballando na súa conservación e divulgación, o obxectivo co que nace agora a nova ferramenta dixital Galicia nomeada.

A RAG e a Xunta presentaron onte esta plataforma na que colaboran, que facilitará a cooperación cidadá interxeracional para a recolleita da microtoponimia. O espazo virtual permitirá aos usuarios xeorreferenciar os nomes do territorio da súa contorna e acompañalos de fotografías, textos e gravacións coa súa pronuncia, lendas asociadas ou descricións.

Conta cunha versión de escritorio e ofrece unha aplicación para móbiles Android e iOS. Os topónimos introducidos polos usuarios serán supervisados por un equipo de especialistas do Seminario de Onomástica da RAG, responsable dos contidos da plataforma, desenvolvida ao abeiro dun acordo coa Xunta no que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia asumiu a parte tecnolóxica.

A plataforma chega acompañada da actualización do portal Toponimia de Galicia, no que colaboran ambas institucións.

Esta web, desde a que se poderá acceder tamén a Galicia nomeada, enriquécese con novos contidos divulgativos elaborados polos especialistas da RAG co propósito de ser o espazo de referencia para todos os amadores da toponimia.

O proxecto conta co financiamento do proxecto Georpad, como acción integrada no Interreg.

"O Seminario de Onomástica da RAG leva moitos anos traballando na recuperación do patrimonio histórico que significan os nomes de lugares e entidades de poboación, accidentes xeográficos etc. Ser conscientes do seu valor é unha maneira de ser conscientes da nosa significación histórica", expresou Freixanes. O valor dos novos recursos dixitais, engade o responsable da academia, é dobre: "Por unha banda, permiten avanzar na recuperación do patrimonio da nosa lingua referido aos nomes do noso territorio, extraordinariamente poboado durante séculos en comparación con outros territorios de Europa, e por outra banda pretenden implicar a poboación na defensa, no coñecemento, na fixación e na divulgación deste tesouro", detalla.

Galicia nomeada facilitará "un diálogo activo entre xeracións", no que os maiores exercerán como informantes da riqueza que custodian, e animou á participación cidadá. "Todos eles son axentes activos esenciais para facer realidade esta experiencia da que podemos sentirnos orgullosos polo seu carácter pioneiro", concluiu.

A Lei do patrimonio cultural de Galicia compromete a Xunta e demais institucións de Galicia na preservación da toponimia tradicional, que é recoñecida tanto polo seu "valor identitario" como pola súa función de "instrumento para a concreción da denominación xeográfica dos pobos e dos seus bens".


Verificación. Freixanes interveu na presentación canda o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda; a directora xeral da Amtega, Mar Pereira; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director do Instituto de Estudos do Territorio, Guillermo Ramón Evia; e Vicente Ares Feijoo, coordinador do equipo técnico de toponimia da RAG, que explicou os detalles da ferramenta colaborativa. Tras os traballos de verificación, os nomes formarán parte do banco de topónimos normalizados de toda Galicia e estarán dispoñibles a través do visor de topónimos do renovado portal.

20 dic 2019 / 22:17
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito