Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Retroceso do cinema en Galicia: descenden os espectadores e a cantidade recadada

A baixada prodúcese debido ás novas formas de consumo audiovisual // O gasto medio por habitante é de 8,5 euros

O cinema tradicional perdeu durante o último ano tanto espectadores (100.000 usuarios menos) coma recadación (900.000 euros menos). Non obstante, en Galicia hai máis empresas e fanse máis traballos en galego.

Estes datos, recollidos polo Consello da Cultura Galega e publicados nun documento de traballo titulado O cine en Galicia, indican que a baixada concorda co que aconteceu no resto de España. Deste xeito, o número de películas vistas por cada habitante segue lonxe da media estatal (2,2 puntos), situándose en 1,4. Por debaixo están as comunidades de Asturias, Estremadura e Ceuta e Melilla.

Tal e como se indica no estudo, esta baixada correspóndese coas novas formas de consumo audiovisual, que camiñan da man das diversas plataformas de pagamento.

Centrándonos nos números, recadáronse un total de 22,9 millóns de euros, 900.000 menos que o ano anterior. Por provincias, A Coruña representa a metade (11,3 millóns), mentres que Pontevedra ocupa o segundo lugar e, xa moito máis lonxe, se sitúan Lugo e Ourense.

O gasto medio por habitante tamén descende, atopándose en 8,5 euros ao ano, moi por detrás dos 11 que se gastan en Madrid. Non obstante, o gasto medio por espectador mantense estable nos últimos catro anos en 5,9 euros.

En canto a tendencias, en 2018 as películas españolas contaron con 100.000 asistentes máis, en detrimento das películas estranxeiras, 200.0000 menos.

eventos de cine. A festa do cine, iniciativa promovida pola Federación de Asociaciones de Productores Españoles (Fapae), a Federación de Distribuidores Cinematográficos (Fedicine) e a Federación de Cines de España (FECE), tamén perdeu importancia no conxunto nacional, pasando de 532.275 euros en 2016 a 319.430 en 2018.

En canto ó territorio galego, o número de festivais deste tipo varía en función da fonte consultada polo que é complexo fixar unha evolución. Mentres que para o ICAA o número de festivais permanece estable, para a Academia Galega do Audiovisual houbo un descenso, de catorce en 2016 a oito en 2018. Nesa oscilación tamén se pode encadrar a política de apoio da Xunta. A través da Agadic, en 2018 apoiáronse oito festivais cunha contía de 118.882 euros.

A investigación inclúe tamén a análise dos responsables da Academia Galega do Audiovisual, a Asociación Galega de Produtoras Independentes, a cooperativa de creación e difusión cultural Numax e a Axencia Galega das Industrias Culturais.

Estas agrupacións destacan a alta calidade dos profesionais do sector audiovisual galego, o incremento de “óperas prima” e o avance significativo da presenza das mulleres dentro deste campo, aínda que segue a ser escasa.

A nivel de produción faise fincapé na necesidade de incorporar novas medidas fiscais, ademais da petición de volver considerar esta área como estratéxica.

Pola súa banda, a situación da distribución é unha tarefa complicada que actualmente están a realizar os cines pequenos, que precisan dun apoio decidido da Administración.

Neste sentido, dende Agadic consideran a pertinencia de iniciativas como Cinemas de Galicia e alertan da polarización do cinema en películas case feitas de modo artesanal e outras que teñen a consideración de industriais. Ademais, destacan como punto forte a mellor proxección no panorama internacional das creacións galegas.

Audiovisual en Galicia no ano 2018

En 2018 operaron 18 empresas produtoras de cine, sumando un total de 389. Dende o 2014, esta cifra incrementou nun 45,7 %.

Dende 2013 a 2018 producíronse 141 proxectos audiovisuais. No último exercicio producíronse 25 filmes (15 longametraxes e 10 curtas).

O xénero predominante é a ficción, coa excepción do ano 2017, no que se fixeron máis documentais.

O 38,3 % das producións realizadas no período analizado están en galego. Das 25 do ano anterior, 13 estaban exclusivamente en galego e unha en galego/castelán.

Entre 2011 e 2018 os filmes nos que se fala galego recibiron máis de 2,3 millóns de euros; os de fala en castelán, 1,9 millóns.

08 jul 2019 / 23:02
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito