Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

‘O sabor das Margaridas’, novo serial na canle pública galega

Dirixida por Miguel Conde, está protagonizada polas actrices Nerea Barros, María Mera e Ricardo de Barreiro

A CRTVG fai unha nova aposta pola ficción desta volta en coprodución con CTV, empresa especializada na creación e produción de contidos de entretemento e ficción para televisión.

O sabor das margaridas” é un thriller policial de seis episodios con localizacións exteriores en Abegondo, A Estrada, Vedra e Santiago, e nos propios estudios de CTV en Teo.

Dirixida por Miguel Conde (director de Serramoura, Seis irmás e Bajo suspenso), a serie está protagonizada polas actrices Nerea Barros -gañadora do Goya á mellor actriz revelación por A illa mínima e María Mera (Matalobos, Dalia, a modista), e os actores Ricardo De Barreiro, coñecido polo seu extenso traballo en cine e recentemente en Fariña, e Tony Salgado destacado polas súas interpretacións en cine, teatro e televisión como na serie Pazo de familia.

Como debutantes na pequena pantalla participan no proxecto os talentosos Sara Sanz e Jimmy Núñez. A rodaxe finalizará o próximo 22 de xuño e a súa estrea en TVG está prevista para este outono.

A estética, a paisaxe e a evolución das personaxes serán os trazos distintivos da serie, na que os segredos e a sede de vinganza manterán ao espectador pegado á pantalla.

Con O sabor das margaridas, a CRTVG e CTV dan un paso máis en canto a calidade técnica e artística coa vista posta tamén no mercado internacional gracias aos seus estándares de calidade, temática e estética.
É unha serie “evento” de 6 capítulos e de final pechado seguindo as novas liñas e hábitos de consumo dos telespectadores.

Sinopse DESTA NOVA TRAMA Rosa Vargas, unha muller forte, con recursos e que arrastra un pasado traumático. É unha axente da policía xudicial da Garda Civil que chega a un pequeno pobo para investigar a desaparición dunha rapaza conflitiva e sen familia á que ninguén parece interesado en buscar. Nas súas pesquisas contará coa colaboración de dous axentes locais cos que a relación non sempre será fácil. O que parece un caso sinxelo vai complicarse e volvéndose máis escuro e perigoso cando a investigación da desaparición de Marta vai sacando á luz outros segredos, misterios, asasinatos, chantaxes, drogas, prostitución… que ata ese intre permaneceran ocultos na vila “onde nunca pasa nada”.

28 may 2018 / 21:04
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito