Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ecoloxistas en Acción reclama ambición na recuperación da lagoa de Antela

Lanza unha campaña audiovisual na que pide que a intervención anunciada polo Goberno central abranga polo menos toda a extensión que era de titularidade pública ou monte comunal antes do desaugamento

Ecoloxistas en Acción lanza unha campaña audiovisual, coa colaboración do realizador de documentais Adrián Vilas, para reclamar ao Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico que sexa ambicioso co proxecto de recuperación da lagoa de Antela (Ourense) e a actuación aprobada abranga polo menos toda a extensión que era de titularidade pública ou monte comunal antes do desaugamento.

A organización ecoloxista sinala a importancia ecosistémica de recuperar os humidais e agarda que esta actuación sexa o primeiro paso para recuperación integral da lagoa de Antela.

Sobre este desaugado humidal cóntanse fermosas lendas como a de Antioquía: poderosa urbe na antigüidade que, como castigo do deus cristián por adorar o galo, foi asolagada na súa totalidade dando lugar á lagoa. A ira divina fixo desaparecer a herética cidade pero o galo, símbolo sacro e iniciático dos celtas, aínda destaca nas torres e campanarios das igrexas e pazos de Galicia. Sobre as augas da Limia pesa tamén a antiga lenda de que todo aquel que as surque ou se digne a beber delas perderá a memoria para sempre.

O pasado 2 de xaneiro, Día mundial dos humidais, o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico anunciou a recuperación dunha parte da lagoa de Antela en Ourense. Con anterioridade ao anuncio do Miteco, tanto a Sociedade Galega de Historia Natural, como a Asociación de Amigos da lagoa da Janda en Cádiz e a Asociación de Naturalistas Palentinos, pola lagoa da Nava en Palencia, expuxerámoslle ao Ministerio a posibilidade de recuperar estas tres lagoas que eran o tres máis grandes do interior da península.

A lagoa de Antela, un dos tres máis grandes do interior de España, alcanzaba máis de 40 km de perímetro e ocupaba 4.000 hectáreas na chaira da comarca da Limia. Innumerables foron os intentos de desaugalo. Un dos intentos serios foi o dos romanos. Pobo alarife por excelencia e sempre tan dispostos aos alardes arquitectónicos abordaron a drenaxe do humidal coa construción dun emisario principal e unha tupida rede de pequenas canalizacións. Este emisario principal que medía 26 quilómetros de longo e 17 metros de ancho.

Na época moderna houbo varios intentos no século XIX, pero non foi ata a escura era franquista cando se consumou a desecación En 1956 o réxime franquista publicou unha lei que declaraba de “alto interese nacional” as obras de desecación e a posterior concentración parcelaria e en 1958 comezaron as obras, que moi rapidamente fixeron desaparecer a lagoa. O desastre ecolóxico estaba servido, a desecación eliminou unha parte moi importante da rica diversidade animal e vexetal do humidal carrexando efectos moi negativos sobre a calidade dos chans.

Ecoloxistas en Acción agarda que o anuncio do Ministerio sexa consistente e leve a cabo de xeito ambicioso máis pronto que tarde. A actuación será beneficiosa para a comarca desde un punto de vista socio económico, pola necesidade de mellorar a calidade e cantidade das augas e, por suposto, para garantir un hábitat para a biodiversidade.

O documento audiovisual está protagonizado pola aves, quen son o mellor expoñente da biodiversidade que aínda estamos a tempo de salvagardar cunha actuación decidida. As protagonistas segundo a súa orde de aparición son: Cegoña branca, Conícora europea, Mergullón cristado, Garza da Noite, Picanzo vermello, Peto real, Rula común, Escribenta das canaveiras e Ganso Bravo.

24 jun 2021 / 10:36
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.