Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Edita a RAG o epistolario entre Carballo Calero e Otero Pedrayo

O volume foi presentado no Parlamento de Galicia, onde se conserva o arquivo do autor ferrolán // As misivas do outro persoeiro proceden da Fundación Penzol

Ricardo Carballo Calero (1910-1990) coñeceu a Ramón Otero Pedrayo (1888-1976) na primavera de 1927, cando con só 16 anos escoitou o escritor ourensán na Festa da Prosa celebrada en Santiago de Compostela.

O admirado intelectual galeguista e o novo membro do Seminario de Estudos Galegos cadrarían en diante en actos culturais e políticos e irían afianzando unha amizade que se estendeu ata o pasamento do primeiro, en 1976.

O volume Polos camiños das horas. Epistolario de Ricardo Carballo Calero e Ramón Otero Pedrayo foi presentado onte no Parlamento de Galicia, onde se conservan, no arquivo persoal de Ricardo Carballo, as misivas que recibiu de Pedrayo, e está editado pola Real Academia Galega co gallo do Día das Letras Galegas 2020 dedicado ao autor ferrolán.

O epistolario complétase coas que aquel lle mandou a este, custodiadas na Fundación Penzol, e suma en total 167 textos datados entre 1949 e 1974, editados por Patricia Arias Chachero, Adrián Estévez Iglesias e Nélida Cosme. Patricia Arias Chachero e Adrián Estévez Iglesias asinan ademais o estudo introdutorio e as notas do libro, coordinado polo académico Henrique Monteagudo.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, presentou o epistolario no Hórreo xunto ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; Victoria Carballo-Calero, filla do protagonista das Letras Galegas 2020; Román Rodríguez, titular da Consellería de Cultura -que colabora tamén na publicación-, Henrique Monteagudo e Patricia Arias Chachero.

Víctor F. Freixanes salientou a importancia das cartas para entender a historia e, sobre todo, a intrahistoria, “esa parte do iceberg que case sempre permanece debaixo da superficie da auga e que non conta, mais que explica moitas cousas”. Deste xeito, “a través deste diálogo entre dous xigantes podemos reconstruír, ou cando menos enriquecer, algúns capítulos significativos na historia da cultura galega do pasado século XX”.

En opinión do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, trátase dun libro “necesario e esclarecedor” que contribúe a render tributo a “dous dos grandes persoeiros da nosa historia contemporánea”, Otero Pedrayo e Carballo Calero, ao que, “con toda xustiza”, se dedicou o Día das Letras Galegas de 2020, e reiterou que o material que integra a biblioteca e o arquivo de Carballo Calero, que o Parlamento “custodia con verdadeira devoción” está permanentemente a disposición do mundo cultural e académico.

Pola súa parte, o titular de Cultura da Xunta, Román Rodríguez, subliñou a importancia deste libro na medida en que afonda na figura de persoeiros “imprescindibles” da literatura galega como foron Ricardo Carballo Calero e Ramón Otero Pedrayo; e as 167 cartas recollidas neste volume “son documentos valiosísimos á hora de afondar na intrahistoria da literatura galega do século XX”, ao tempo que constatan “a boa relación que mantiñan” ambos.

“Trátase dun traballo de gran valor para todos aqueles investigadores e estudosos da nosa cultura, e tamén para o conxunto da sociedade” e que “resulta fundamental para entender algúns fitos relevantes da nosa cultura” como foi a posta en marcha da editorial Galaxia ou o impulso da Cátedra de Lingua e Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela, explicou Román Rodríguez.

historia da cultura de Galicia

Profunda relación. O epistolario cruzado destes dous grandes da cultura galega, permite profundar na relación que retomaron tras a Guerra Civil, mais ofrece tamén información de primeira man para coñecer a intrahistoria da cultura de Galicia e de institucións como a Universidade de Santiago de Compostela, a Editorial Galaxia ou a propia RAG, da que ambos foron membros de número. A xeración Nós tamén está presente nas cartas a través das mencións a figuras como Castelao, Cuevillas ou Vicente Risco. Nas primeiras misivas don Ramón dá conta do delicado estado de saúde do escritor e artista rianxeiro, que morrerá en Bos Aires a comezos de 1950.

16 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.