Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Elefante Elegante presenta ‘Alma de tigre’, gran éxito na súa creación escénica

É unha obra de teatro sen palabras que transita entre as artes visuais, a danza e o cine mudo // Destacada acollida na súa estrea

A compañía galego-portuguesa Elefante Elegante rexitrou un gran éxito na estrea absoluta da súa nova proposta escénica: Alma de tigre, unha creación na que o colectivo codirixido por Gonçalo Guerreiro e María Torres segue a explorar e desenvolver a súa singular linguaxe teatral, baseada na xestualidade e o movemento. A presentación tivo lugar este pasado venres ás 20.30 horas, no Teatro Jofre de Ferrol.

Alma de tigre é un espectáculo que transita entre as artes visuais, a danza e o cine mudo. Afonda nunha ensoñación a partir da historia de dous irmáns e unha irmá que, logo de anos sen contacto, se reencontran na casa familiar após a morte da súa nai, unha figura que se revela fortemente autoritaria. Tres adultos que non lograron cortar o cordón umbilical cos seus pais loitan agora por se desfacer do seu pasado, cada quen a súa maneira, e sandar as súas feridas.

A memoria, os afectos, a herdanza e o futuro dan corpo a esta nova creación de teatro sen palabras e que parte da premisa de que a vida é un soño que se pode transformar, facilmente, nun pesadelo. Acontece así que o corpo, parte visible, é susceptible de agochar unha alma que se manifesta como de tigre: un animal carnívoro, salvaxe, fermoso pero implacable.

A través da relación da música co movemento e a interacción cos elementos da escenografía, revelaranse todos os segredos dunha posta en escena que se fundamenta na dinámica plástica da narrativa teatral. O absurdo, el ridículo e o poderoso efecto cómico das situacións creadas esconden o fondo tráxico que a realidade humana transporta.

“Sobre as táboas, cunha poética luminosa, presentamos unha historia cotidiana e universal. Desde a ironía, queremos poñer en cuestión o modelo tradicional de familia, eses patróns que se repiten xeración tras xeración e ese fondo tráxico que a realidade humana transporta en si mesma”, explicou Gonçalo Guerreiro, creador e director da peza.

Alma de tigre é unha obra construída de forma simbólica e onírica, con imaxes de forte impacto visual, inspiradas en autores como Klimt, Botticelli ou Caravaggio. A través da música, do movemento e da escenografía, revelaranse segredos que cuestionan a realidade humana, con gran beleza plástica e moito humor absurdo.

O teatro físico e a danza, rasgos identitarios de Elefante Elegante, póñense ao servizo da imaxe nun espectáculo que coquetea co barroco no visual e tamén no acústico. A unha escenografía en constante transformación engádese unha música que fuxe do simbolismo e que serve para impulsar a acción.

Alén da creación e dirección da peza, Guerreiro asume a escenografía nunha produción que conta no seu reparto con Pablo Sánchez, Julia Laport, Mario Domínguez e María Torres, responsable tamén da dirección artística. Completan o equipo técnico Carolina Díguele (produción de arte), Nacho Martín (deseño de iluminación), Diego Valeiras (vestiario), Manuel Fonte (Espazo Sonoro), Sabela Domínguez (coreografía) e Lilian Portela (produción e distribución).A nova creación escénica de Elefante Elegante tivo unha gran acollida este pasado venres no Teatro Jofre de Ferrol, recinto no que a compañía realizou tamén unha residencia técnica nos días previos á súa estrea absoluta.

10 abr 2022 / 01:56
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.