Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Eleonora, unha vampira moderna e afoutada con estética punkie

Ledicia Costas (Vigo, 1979), autora que conta no seu haber con numerosas obras infantís e xuvenís e galardóns, a nivel autonómico e nacional, basea a súa produción literaria nunha serie de trazos recorrentes como son unha imaxinación desbordante, a creación de universos ficcionais, o humor, a innovación temática, a intertextualidade co cine e a literatura e a riqueza e importancia das personaxes femininas na trama, que se debuxan sempre fóra dos estereotipos establecidos e empoderadas.

O pasado ano, ademais de realizar un proxecto literario do máis novidoso nas redes sociais a oito mans (grazas á Ledicia, María Lado, Daniel Landesa e O Hematocrítico) titulado Caramomia, publicou xusto na saída do confinamento a obra Vampira de biblioteca (Xerais, 2020), que xa vai pola segunda edición e que conta con tradución ao castelán, grazas a Anaya.

Nela, unha vampira moi moderna e afouta con estética punkie e steampunk, moi do gusto da autora, como xa fixera anteriormente en Escarlatina, a cociñeira defunta e A señorita Bubble, debe loitar, acompañada dos seus amigos morcegos e coa axuda dun avó moi enxeñoso, contra unha tropa de bichos que pretenden devorar os libros do seu fogar, a vella biblioteca de Coímbra. Malia o que se poida imaxinar o lector, a vampira de Costas, chamada Eleonora, non é un ser demoníaco que suxire medo e que se alimenta de sangue, máis ben ao contrario, chucha tinta, ademais de ter uns peiteados moi transgresores, como se reflicte por medio das fermosas ilustracións do debuxante Víctor Rivas (Pontevedra, 1965) que acompañan a trama.

Desde o inicio da narración, apelando aos medos do lector, mediante un xogo de empatía, e co uso da voz en primeira persoa, introdúcenos nunha historia moi divertida na que tamén hai certa dose de crítica, caso do abuso das novas tecnoloxías e os dispositivos móbiles e que supón a perda da calidez das relacións sociais e familiares, pois tanto os netos como a filla e o xenro de Marciano, aínda que vive con eles, téñono totalmente invisibilizado.

Ademais é de salientar a reivindicación do traballo en equipo, que permite exterminar dunha forma moi divertida coas couzas que querían acabar co extraordinario legado bibliográfico, e da importancia da lectura, como fonte de goce, de coñecemento e de transmisión da cultura; sen esquecer as referencias explícitas ao universo do Xabarín Club da TVG. Unha divertida proposta para o lectorado de 9 anos en diante na colección Merlín.

m.fboo@udc.es

25 ene 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito