Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Entrega dos primeiros premios á excelencia do turismo e a hostalería da provincia de Lugo

José Tomé presidiu o pasado domingo a gala dos galardóns e tivo unhas palabras de apoio para os traballadores de Alcoa

O presidente da Deputación de Lugo e do Consello Provincial de Turismo, José Tomé Roca, xunto á deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presidiu este domingo, no Día Mundial do Turismo, a entrega dos primeiros premios Lugo Cambia ao Turismo Lucense e ...E para Comer, Lugo á Gastronomía Lucense á asociación de desenvolvemento rural da Serra do Courel, a Fundación Uxío Novonveyra, o Concello do Vicedo, a aplicación Xantarda e o restaurante Cantábrico da Fonsagrada.

O acto tivo lugar no Salón de Actos do Pazo de San Marcos e contou coa presenza de deputados e deputadas provinciais, do concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego de Lugo, Mauricio Repetto, do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, e dos propios membros do Consello de Turismo. Alberte Cabarcos moderou a gala, que se retransmitiu por streaming na canle dos Servizos Audiovisuais da Deputación de Lugo.

Cada un dos premiados recibiu un diploma e unha peza de cerámica de Gundivós que acredita este recoñecemento público que lles fai o Consello Provincial de Turismo, un órgano consultivo e de participación para favorecer a gobernanza turística da provincia que foi promovido e está presidido pola Deputación de Lugo.

José Tomé Roca abriu o acto cunha intervención onde puxo de manifesto a intención e a orixe coa que xurdiron estes galardóns. “Buscamos darlle ao sector turístico e gastronómico da provincia de Lugo unha ferramenta de proxección que axude a loitar e sobrepoñerse ante os moi graves efectos da crise sanitaria, pero tamén queremos que estes premios se asenten e tras esta veñan moitas edicións máis”.

Tomé Roca reiterou o recoñecemento ao sector pola súa actitude e a súa capacidade de reacción durante a pandemia e lanzou mensaxes con perspectiva de futuro. “Os cinco premiados nesta primeira edición, cada un dende o seu ámbito e coa súa propia receita, comparten algúns trazos que compoñen un plan de traballo cara o futuro. Un plan de traballo que penso que se pode resumir en tres grandes ideas: natureza, tradicións e innovación”. O presidente tivo palabras para cada un dos premiados e loou o seu incansable traballo e dedicación, tendo en marcha iniciativas propias que os fan competitivos e diferentes a ollos do visitante.

O mandatario provincial tivo unhas palabras de apoio e solidariedade para os traballadores de Alcoa e das empresas auxiliares que se manifestaban á mesma hora do acto en Xove en defensa dos seus postos de traballo, onde Tomé Roca asegurou que lle gustaría estar de non coincidir con esta cita en recoñecemento da hostalería e turismo lucense.

A gala estivo amenizada polo músico lucense Bruno Villamor, que tocou varias pezas coa súa zanfona.

30 sep 2020 / 00:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.