Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Especial coas versións históricas do tema ‘Negra Sombra’, de Juan Montes

O Consello da Cultura Galega eloxia a obra do compositor

Juan Montes (Lugo, 1840-1899) foi un compositor, organista e director de música galego, famoso especialmente por ser o autor da versión musical do poema Negra Sombra de Rosalía de Castro. Este martes 13 de abril, cando se cumpren 181 anos do seu nacemento, o Consello da Cultura Galega (CCG) incorpora a súa entrada no Ábum de Galicia.

Ofrece cinco versións históricas procedentes da colección de lousas do Arquivo Sonoro de Galicia do CCG. Estas gravacións, editadas entre 1924 e 1931, están interpretadas por coros galegos e por voces solistas do exterior, o que evidencia a popularidade desta composición.

Juan Montes (1840-1899) foi un compositor, organista e director de banda e orfeóns. Foi un autodidacta, iniciou a súa carreira sacerdotal no Seminario de Lugo, que abandonou en 1863 para dedicarse á súa vocación musical. Gran coñecedor da música popular e dos estudos de Inzenga, Antonio Noguera e Eduardo Ocón, desenvolveu un imporante labor como folclorista.

Preocupouse moito pola recollida de materiais populares, que lles cedeu a estudosos como Castro Sampedro ou Felipe Pedrell, nos seus respectivos Cancionero musical de Galicia e Cancionero musical popular español.

Foi un pianista habitual nos círculos culturais de Lugo, que reorganizou por encargo do Concello.

Creou en 1879 o Orfeón Lucense, que pasaría a chamarse posteriormente Orfeón Gallego. A partir de aí comeza unha carreira de recoñecementos e premios en certames musicais de toda España na súa faceta de compositor e tamén de director de orfeón. Como compositor, cómpre citar, ademais dunha prolífica produción relixiosa, as obras baseadas na música popular e nos poemas de autores galegos. A entrada biográfica de Juan Montes no Álbum de Galicia foi elaborada por Ilduara Vicente Franqueira, investigadora que está a rematar a súa tese de doutoramento sobre o compositor lucense. As imaxes de Juan Montes foron cedidas polo Museo Provincial de Lugo.

Negra Sombra é un dos poemas máis soados de Rosalía de Castro. Catro estrofas que condensan o seu pesimismo vital, o seu temor á morte e ao seu implacable proceder. Un himno musical para todos os galegos e galegas que, segundo Ilduara Vicente Franqueira, procede da composición Fantasía para gran orquestra que Montes presentou a un certame promovido pola sociedade Aires d’a Miña Terra na Habana.

Esta peza tivo posteriormente unha versión para orfeón e, “nun dos movementos da dita fantasía, Montes incluíu un tema ao que finalmente lle daría protagonismo sendo unha obra independente para voz e piano: a recoñecidísima Negra Sombra, a cal presentaría a certame en Pontevedra” explica na súa entrada no Álbum de Galicia. Foi en 1897 cando a imprenta coruñesa de Canuto Berea, co que Montes tiña gran relación, publica as Seis baladas gallegas para canto e piano, as seis alfaias máis estimables do compositor.

13 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.