Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Extremos

    O KL (Konzentrationslager) Auschwitz tiña un sistema milimetrado de entrega e recepción do material humano, cun cumprimento horario e de prazos moi rigoroso (ao xeito alemán, xa vostede sabe), o cal garantía que os anciáns, mulleres non aptas para o traballo e nenos, nada máis chegaren, fosen directamente ás cámaras de gas, co que isto supoñía de aforro en aloxamento e manutención de efectivos inútiles. A cadea industrial, fluída e altamente rendible, que, grazas ao Zyklon B, os nazis aplicaron ao exterminio tiña, ademais, outra gran vantaxe, para alivio dos xerarcas da SS, a quen o gran xefe encomendara a nada doada tarefa de limpar de xudeus o planeta: evitaba á tropa o desagradable labor de metrallar mulleres e nenos, cousa que conducía moitos ao alcohol, o desespero ou, mesmo, ao suicidio, pobriños.

    Unha vez agasallei a meu pai cun exemplar de Víctimas de la guerra civil (1999), un libro terrible que, baixo a coordinación do enorme historiador, en paz estea, Santos Juliá, dá conta, tan desapaixonadamente como o exercicio da Historia (a maiúscula é miña) esixe, do millón longo de almas que, froito da vesania colectiva, se afundiron na nada entre 1936 e 1939. Papá, soldado que fora do exército nacional na Guerra, con toda a delicadeza da que foi quen, díxome que me agradecía moito o detalle e tal, pero que, tras as primeiras páxinas, axiña concluíu que non podía seguir lendo, a tal punto o libro lle representaba lembranzas aínda tinguidas de dor, feridas da ausencia, sinais indelebles da máis inaudita crueldade.

    Hai lecturas tremendas, en efecto, que botan a sonda na maldade humana e non tocan fondo, obras coa capacidade de evocaren o peor e talvez por iso especialmente necesarias. O libro de Hannah Arendt, Eichmann en Xerusalén (1963), que relata polo miúdo o xuízo que tivo lugar en Israel contra o SS Hauptsturmführer Adolf Eichmann, correponsable directo da solución final, leva un subtítulo sinistro: Un informe sobre a banalidade do mal. Dezaoito anos despois da fin do Holocausto, Eichmann era incapaz de percibir en si mesmo remordemento ou escrúpulo algún pois simplemente non tiña conciencia algunha do mal que causara, un mal, ao cabo, banal pois, para alén de cumprir ordes, o exterminio dos xudeus era apenas un problema loxístico, de correcta organización dunha complexa cadea.

    Que lle pasa á humanidade? Como é posible oscilarmos entre extremos tan afastados? Entre unha deshumanización tan brutal e tanto exceso de humanización (si, a humanización tamén ten excesos) en lapsos tan breves de tempo? A menos de 80 anos da fin de tanto horror, dotámonos de leis que proporcionan ás mascotas un benestar que xa quixera para si calquera inquilino de Auschwitz; de leis que facultan un meniño ou meniña a decidiren se son home, muller ou calquera das posibles combinacións de sexo-xénero, ou ningunha delas, e solicitar da Administración os cambios pertinentes. Hai pouco alguén amosoume o abano de posibles menús infantís dun colexio público, en función da particularidade concreta de cada pícaro: normal (¿?); celíaco; mastigación doada; hipocalórica-colesterolemia; laxante; sen lactosa/proteína do leite; sen carne; sen porco; sen frutosa; sen froitos secos; sen ovo; sen leguminosas; sen peixe; sen proteína de vaca e sen sal. Permítanme evocar un neno con pixama de raias e imaxinar o que, con moitísima sorte, comería no KL Auschwitz. Acaso pague a pena unha reflexión. Non quero, nin podo, dar leccións a ninguén pero non será que pedimos habitar unha sociedade analxésica, na que o menor sufrimento é un tabú, onde toda excepción imaxinable ten cabida e reclama inmediata atención? Ao mellor os excesos do benestar facilitan soterrarmos baixo sete capas a nosa fraxilidade (e esquecérmonos da nosa forza contra a fraxilidade, algo tan humano). Talvez entre Esparta, nun extremo, e, no outro, Kiwoko, a teoría queer e os quince menús dun colexio infantil existan espazos intermedios.

    19 nov 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.