Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

FEST Galicia apoia a trece festivais de música e dous deles faránse en Santiago

Baixo o lema ‘Un destino musical seguro’, no marco da celebración do plan Xacobeo 21-22

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou onte a nova temporada da marca FEST Galicia que inclúe o patrocinio de 13 coñecidos festivais baixo o lema Un destino musical seguro, no marco da celebración do Xacobeo 21-22. Trátase dun sector ao que a Xunta de Galicia destina un total de 840.000 euros para e que con esta medida dá continuidade a iniciativa posta en marcha hai catro anos para promover unha serie de eventos caracterizados pola calidade das súas propostas e a profesionalidade na súa organización, ademais de por achegar valores engadidos á experiencia musical relacionados co turismo, o medio ambiente, a cultura, o patrimonio e tamén a concienciación social.

Na presentación, o responsable de Cultura do Goberno autonómico salientou a calidade da oferta e a súa capacidade para dinamizar o sector e xerar emprego, riqueza e valor diferencial. “En Galicia os festivais forman parte do noso ADN cultural e por iso apostamos por un esforzo coordinado para asegurar a continuidade dos espectáculos e ofrecer eventos desde os que gozar da cultura de xeito seguro”, afirmou.

Nesta mesma liña, agradeceu o labor dos organizadores “para adaptar as condicións dos seus festivais ás necesidades actuais” ao tempo que pediu “sentidiño” para os que asistan como público a estas citas. “Costounos moito recuperar a celebración destes eventos e por iso, polo ben de todos, pido que actuemos con sentidiño para garantir a súa continuidade”, precisou.

ESTES SON OS EVENTOS PRESENTES. Os eventos adheridos a esta iniciativa, a partir da convocatoria publicada o pasado mes de xuño, son Atlantic Fest en Vilagarcía de Arousa, Caudal Fest en Lugo, Festival de la Luz en Boimorto, Maré Compostela, PortAmérica en Caldas de Reis, Resurrection Fest en Viveiro, Revenidas en Vilagarcía, 17º Ribeira Sacra Festival en Chantada, Monforte de Lemos e Sober, Sinsal Son Estrella Galicia na illa de San Simón (Redondela), SonRías Baixas en Bueu, Underfest en Vigo, Vive Nigrán e WOS Festival x Son Estrella Galicia (cita na capital galega). Os seus representantes acompañaron o conselleiro na presentación que tivo lugar este mediodía no Parque do Lago da Cidade da Cultura de Galicia e na que tamén interviñeron Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Raquel Seijo, presidenta da Asociación Empresarial Festivais de Galicia, e Susana Laya, codirectora do Atlantic Fest. Contouse, ademais, coa achega musical da violonchelista viguesa Margarida Mariño, quen interpretou os temas Alcume e Enxame.

Asistiron tamén Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade, e Sagrario Pérez, directora xeral de Calidade Ambiental, dando conta así da implicación dos diferentes departamentos da Xunta nesta iniciativa transversal.

O seu obxectivo é funcionar como distintivo de calidade para recoñecer e visibilizar os grandes eventos musicais galegos que, ademais do impacto económico nas súas respectivas comarcas e no conxunto da nosa industria musical, son tamén plataforma para a proxección da imaxe de Galicia no exterior, así como da profesionalidade neste ámbito cultural que tamén ten os seus pontes cara o eido do turismo galego.

2020-2021
Aumento do 25%

··· FEST Galicia refórzase este ano cun aumento da súa dotación económica nun 25% respecto a 2020 co obxectivo de contribuír á recuperación dun sector moi afectado pola crise sanitaria no marco do Plan de reactivación para o sector cultural. A Xunta retomou este ano a convocatoria específica de subvencións a festivais de música, suspendida en 2020 ante a imposibilidade de levar a cabo os eventos nos seus formatos habituais. Esta liña de axudas, agora en proceso de tramitación cara á súa próxima adxudicación, distribuirá outros 340.000 euros entre os encontros beneficiarios.

igualdade
Aposta pola cultura

··· Para a adhesión á marca dos devanditos 13 festivais tívose en conta tanto a súa traxectoria e a calidade das súas propostas artísticas e actividades paralelas, como a súa implicación cos territorios nos que se celebran e as boas prácticas empresariais. As medidas para a redución do seu impacto medioambiental e para avanzar na igualdade, así como o seu compromiso cos artistas e grupos galegos, foron tamén elementos determinantes nesta selección, segundo sinala a mesma Xunta na súa nota, onde salientan a aforte aposta pola cultura.

20 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito