Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Forte aposta polos servizos culturais de proximidade

Román Rodríguez defende que os veciños de cada municipio poidan contar cun sistema bibliotecario robusto e accesible

Configurada como unha actuación estratéxica para seguir impulsando os servizos culturais de proximidade e “facelo adaptándonos ás novas necesidades dos veciños para contar cun sistema bibliotecario robusto e accesible”, así definiu este sábado o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, a firma dun convenio de colaboración coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, para a reforma integral da biblioteca municipal.

O convenio, dotado con 250.000 euros, permitirá unha modernización da biblioteca con recursos vinculados á innovación e dixitalización. Tamén se reforzará a sustentabilidade con medidas de aforro enerxético co uso de enerxías alternativas.

“Con este convenio damos continuidade á estratexia da Xunta por dotar a Galicia dunha rede sólida de bibliotecas repartidas por todo o territorio, nas que buscamos mellorar os seus servizos e tamén a atención de proximidade”, expresou o conselleiro.

De feito, como recordou, a Xunta vén de aprobar o II Mapa de Bibliotecas Públicas de Galicia, a ferramenta posta a disposición dos concellos que amosa unha radiografía e permite facer diagnose.

De xeito global identifícanse avances en eidos como as coleccións, os espazos para os públicos infantís ou as condicións de apertura. Entre as prioridades fixadas nesta nova folla de ruta inclúense as melloras de accesibilidade e a aposta pola dixitalización.

Como engadiu Román Rodríguez, “a reforma integral da biblioteca de Mos permite dar resposta a estas necesidades e seguir dando pasos para adaptarse ao futuro”.

Deste xeito, está previsto que ao abeiro deste novo convenio a biblioteca de Mos transforme os seus espazos adaptándoos ás necesidades dos veciños, incluíndo unha zona infantil de lectura, unha sala de estudo, así como zonas de informática.

E se dotará de novo mobiliario que incluirá cadeiras e mesas ergonómicas para as zonas de estudo e adaptadas ás dimensións dos nenos. Mellorarase a iluminación individual das zonas de traballo, acondicionarase un espazo pechado de estudo e a zona infantil con chan téxtil e teito acústico. E incluirase un novo sistema audiovisual con proxector e pantalla para presentacións e exposicións.

A biblioteca municipal de Mos levará agora o nome de Biblioteca Municipal María Magdalena, na honra da poeta moense María Magdalena Domínguez finada en 2021.

É un referente para os habitantes tanto do concello como dos limítrofes ao dispor dunha base documental de máis de 22.100 exemplares.

Neste edificio sitúase o único lugar con ordenadores de acceso gratuíto na zona, o que supón unha grande axuda para os que non teñen dispoñibilidade de acceso á rede de internet nos seu fogares.

A Xunta descentralizando a actividade cultural estendéndoa ao rural. Un aspecto que está a realizar a través de liñas de apoio para a mellora das infraestructuras culturais.

Axudas ás bibliotecas públicas
Novidades editoriais

···A liña de axudas para a adquisición de novidades editoriais en formato físico impulsada pola Xunta con 200.000 euros beneficia este ano a 181 entidades locais titulares de bibliotecas ou axencias de lectura integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia. O obxectivo é facilitarlles a estes espazos a dispoñibilidade de novas publicacións en galego no momento da súa entrada no mercado. As contías, establecidas en función da poboación que atenden os respectivos servizos bibliotecarios, van desde os 392,15 ata os 2745,09 euros, segundo recolle o Diario Oficial de Galicia. Do total de espazos beneficiarios, 70 pertencen á provincia da Coruña, 33 á de Lugo, 28 á de Ourense e outros 50 á de Pontevedra.

28 may 2022 / 17:31
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Mos
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.