Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Forte impulso ao audiovisual galego co novo catálogo ‘Films from Galicia’

A publicación recolle este ano 58 títulos que ofrecen unha imaxe competitiva para a promoción exterior// En 2022 as axudas autonómicas ao sector ascenden a 7,3 millóns

A Xunta lanzou este mércores unha noa edición do seu catálogo Films from Galicia, que este ano recolle un total de 58 produccións de cine e televisión para a súa difusión nos principais mercados e ferias do sector a nivel mundial.

Publicada en inglés e acompañada dun vídeo promocional, con música do artista Baiuca, a publicación recompila las producións finalizadas e as que aínda están en desenvolvemento no ano 2021-2022.

O secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, presentaron en Santiago este novo catálogo Films from Galicia 2022, editado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade para contribuír á promoción internacional da máis recente produción galega para cinema e televisión, así como para poñer en valor a súa calidade artística e técnica. Os 58 títulos ofrecen unha completa panorámica da actualidade do noso sector audiovisual, deixando testemuño da variedade da oferta galega, ademais de contribuír a difundir a nosa Comunidade como escenario de rodaxe.

O secretario xeral de Cultura explicou que Films from Galicia e Shorts from Galicia son as marcas impulsadas pola Xunta para apoiar a difusión dos traballos das produtoras e creadores galegos en destacados mercados, foros de negocio e festivais internacionais. Ambas renovan contidos anualmente, concretándose na edición de cadanseu catálogo físico e dixital e na produción dos seus respectivos vídeos, que transmiten a puxanza do sector na nosa Comunidade a través dunha imaxe competitiva e global que, porén, non renuncia aos valores culturais propios.

Música de Baiuca. A coordinadora de Política Audiovisual da Agadic, Dolores Meijomín, interveu tamén na presentación que tivo lugar este mediodía no Salón Teatro de Santiago e para a que se contou coa interpretación musical en directo de Baiuca. O grupo asina a música do novo vídeo de Films from Galicia, no que o tema Luar acompaña unha dinámica montaxe cos fotogramas das producións recollidas no catálogo.

Esta publicación mantén a súa estrutura habitual en catro grandes bloques: Pics para longametraxes de ficción, con 22 producións e proxectos; Docs para documentais, con 19; Toons para a sección de animación, con 6, e TV para series, miniseries e películas para televisión, con 11 títulos. Dos 58 traballos recompilados, a partir dunha convocatoria dirixida a todas a produtoras galegas, 35 están xa rematados, mentres que os 23 restantes atópanse aínda en proceso. No catálogo destacan longametraxes de ficción como Malencolía, de Alfonso Zarauza, que se estrea en salas esta semana; ou películas como Código Emperador, de Jorge Coira, que inaugurará o Festival de Málaga.

Tamén destacan títulos xa estreados como Tres, de Juanjo Giménez; Cuñados, de Toño López; ou Jacinto, de Javi Camiño; ademais de películas pendentes do trinque como Matria, de Álvaro Gago ou Corpo Aberto, de Ángeles Huerta.

Pola súa banda, Shorts from Galicia tamén renovou contidos en 2022 coa edición física e dixital dunha escolma de sete curtas xa en distribución e dous work in progress.

O apoio do Goberno autonómico ao audiovisual galego reflíctese en moitas destas fitas, beneficiarias nos últimos anos do programa de subvencións da Xunta para acompañalas economicamente en todo o proceso audiovisual: desde a promoción do talento na creación e a preprodución, ata a produción, a difusión e a comercialización.

Efecto multiplicador das subvencións autonómicas Neste sentido, o Consello da Xunta aprobou a pasada semana as bases e a próxima publicación da principal liña de apoio do devandito plan de axudas: a convocatoria para producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, que nos dous últimos exercicios consegiu un retorno económico global de máis de 26 millóns de euros, resultantes da suma dos seus respectivos orzamentos.

Ademais, durante o período 2021-2023 este programa de fomento compleméntase coas diferentes iniciativas postas en marcha pola Xunta ao abeiro do Hub Audiovisual da Industria Cultural, de xeito que en 2022 as convocatorias de ambas vías de apoio sumarán unha inxección duns 7,3 millóns de euros en adxudicacións a produtoras, festivais ou creadores.

O audiovisual galego, en Málaga. A edición destes catálogos reforza a política de internacionalización do audiovisual galego, no marco da que este ano se está a retomar a presenza física nas principais feiras profesionais. Este calendario arrancou o pasado mes de febreiro no Festival Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand (Francia) e continúa a semana que vén no MAFIZ, o mercado que se desenvolve en paralelo ao Festival de Málaga e ao que a Xunta acudirá por vez primeira con expositor propio para a difusión do cinema galego.

17 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito