Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Fuxan os Ventos e o Consello da Cultura Galega presentan un libro

No mesmo recóllense os 50 anos de historia da formación musical, desde o 1972 ata o 2022, para a celebración do aniversario dun clásico cultural de Galicia

Corría o ano 1972 cando un grupo de mozos e mozas participan no Festival das San Lucas de Mondoñedo cunha canción titulada Fuxan os Ventos. Con ela gañaron o certame e foi tamén o nome dunha das iniciativas musicais galegas máis emblemáticas do país. A súa historia completa recóllese no libro Fuxan os Ventos. 50 anos de historia. 1972-2022 que acaban de editar o Consello da Cultura Galega (CCG) e Fuxan os Ventos. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a vicepresidenta da Deputación de Lugo e concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Maite Ferreiro; a integrante de Fuxan os Ventos, Carmen Vázquez; a cantante, Uxía Senlle; e a comisaria da mostra da que parte a publicación, Sabela Fraga participaron esta mañá no Vello Cárcere de Lugo na presentación deste libro que constitúe un fito máis na formación que vén de cumprir 50 anos de vida.

“Fuxan os Ventos é moito máis ca un grupo musical” afirmou Rosario Álvarez ao que engadiu “somos moitos os que con Fuxan nos recoñecemos como parte dunha longa tradición cultural, os que recuperamos e fixemos nosas música e letras tradicións que nos eran descoñecidas”. Desde 1976 editaron nove traballos discográficos e algúns dos seus temas son hoxe himnos da cultura galega. É parte do legado que ten a recoñecida formación que cumpriu en 2022 medio século de vida. “Foi unha sorte de milagre; un proxecto artístico, talento musical, compromiso irrenunciable coa lingua e a cultura galegas, proximidade ao pobo e ao seu problemas, reivindicación social, implicación dos poetas; espontaneidade e empatía”. Unha historia que se inclúe na publicación que xa está dispoñible para descarga de xeito gratuíto desde a web do CCG.

A publicación. O volume constitúe o catálogo da exposición homónima que se pode ver no cárcere de Lugo ata o vindeiro domingo. A parte central da publicación é a propia mostra que recompila documentos de todo tipo para detallar a historia que vai desde o a orixe no coro feminino do Colexio Menor Santísimo Sacramento, de Lugo ata o ano 2022 en que actúa na homenaxe a Darío Xohán Cabana ou recibe o galardón honorífico dos Premios Martín Códax da Música. Tamén recolle imaxes da montaxe da exposición no vello Cárcere de Lugo, a cronoloxía da formación, un mapa que localiza as preto de 200 actuacións que Fuxan os Ventos realizou nestes cincuenta anos de historia e instantáneas da inauguración do pasado 22 de outubro.

Tralas presentacións institucionais, a cargo da presidenta do CCG, Rosario Álvarez; do conselleiro de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades, Román Rodríguez; e da vicepresidenta da Deputación de Lugo, Tareixa Antía; a publicación inclúe catro artigos que axudan a explicar desde a historia da formación ata a súa singularidade.

Ían os soños cantando é o texto escrito polos membros do propio colectivo que conta, a partir das lembranzas de persoas que pasaron polo grupo. Aínda que recoñecen que non se consideran estudoso da tradición galega, recoñece que ter recollido moito material para adaptalo ao seu propio estilo. “A nosa maior fonte de información e inspiración foi sempre a música tradicional e a literatura de tradición oral recollidas directamente das moitas persoas, fundamentalmente mulleres, dispostas a transmitirnos unha cultura que, co abondo do rural, ía esvaecéndose pouco a pouco” recollen na publicación. Neste tempo foron combinando textos de produción propia como O lelo, Brazos pra seitura ou Compañeira da autoría de Mini, con cancións que collen palabras de poetas como Celso Emilio, Rosalía, Cabanillas, María Victoria Moreno, Díaz Castro e tanos outros, e encargas a Manuel María , Darío Xohan Cabana ou Marica Campo, ou ata o Sementeira do xornalista Luís Álvarez Pousa musicado por Mini.

A cantante Uxía Senlle no seu artigo titulado Fuxan os Ventos: medio século sementando alegrías e cantares destaca, ademais do compromiso e dignificación da lingua e cultura galega, a creación dun arquivo de canto. Ademais, asegura Senlle “o grupo marcou estilo, recitando e cantando con voces a coro moi ben empastadas, afinadas, unha instrumentación rica e variada e uns arranxos moi limpos e delicados”.

Xoan Manuel Estévez é o autor do artigo Unha voz plural que contextualiza o fenómeno musical. “Con eles viñeron agromar os primeiros intentos dunha expresión artística que xurdía seguindo o facho da entón nova cançó catalá” explica no texto. Pola súa banda, Sabela Fraga, comisaria da exposición, destacou na publicación que “Fuxan os Ventos mantén ese difícil equilibrio entre o pensar-facer. O compromiso de ser fiel a unha idea e facela posíbel manténdoa viva ao longo de medio século”.

21 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito