Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Gago fala da transición ecolóxica e o cambio climático ao entrar na RAGC

O catedrático en Vigo de Facenda Pública ingresou como novo académico numerario

Santiago. A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou este mércores no Pazo de San Roque de Santiago o acto de ingreso do doutor en Economía pola Universidade de Santiago (USC) e catedrático de Facenda Pública na Universidade de Vigo (UVigo), Alberto Gago Rodríguez. Intégrase na institución como académico numerario da Sección de Ciencias Económicas e Sociais.

Alberto Gago pronunciou o seu discurso de ingreso, titulado Economía, Cambio Climático e Políticas Públicas, que foi contestado en nome da Academia polo membro numerario e presidente da Sección de Ciencias Económicas e Sociais, o catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña (UDC) José Ramón Cancelo de la Torre.

O presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, abriu o acto ao que asistiron outros académicos da institución, así como a directora Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Xunta de Galicia, Mª Sagrario Pérez; o reitor da USC, Antonio López; o vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Vicente Pérez Muñuzuri; a vicerreitora do Campus de Ourense da UVigo, Esther de Blas Varela; o reitor da UDC, Julio E. Abalde; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; entre outras autoridades.

O presidente da RAGC comezou o seu discurso lembrando a figura de Luis Caramés, académico falecido recentemente, que foi un forte promotor da incorporación do profesor Gago como académico. Engadiu que Gago ocupará na Academia un espazo do máximo interese. “A defensa do medio ambiente e a loita contra o cambio climático necesita dun esforzo colectivo e pluridisciplinar, abordando aspectos normativos, técnicos, sociais e económicos, unha visión holística que permita considerar todas as facetas dun problema poliédrico tan complexo e tan urxente”, manifestou.

A pesar de que os temas noticiosos están na actualidade centrados na pandemia da covid-19, Alberto Gago sinalou ao inicio do seu discurso de ingreso que o cambio climático segue a ser o principal reto da civilización neste século, e na contención do seu compoñente antropoxénico, engadiu que a economía ten unha enorme responsabilidade na análise, avaliación e mitigación dos seus efectos máis nocivos, pois “está na nosas mans dar resposta a este reto”, comentou e sentenciou decindo que, “a UE pide acción e ten razón, porque canto máis tardemos, máis rápido teremos que movernos no futuro e moito máis caro será o custo da transición”.

En definitiva, Gago aseverou que a economía tal vez respondeu con pereza diante do problema do cambio climático no século pasado, pero nas dúas últimas décadas está reaccionando con intensidade. “Sabemos o que está a ocorrer e que sendas seguir para asegurar a transición ás economías descarbonizadas. En certo sentido, a pandemia veu a reforzarnos neste empeño, porque demostrou que temos unha enorme capacidade social para adaptar hábitos e procesos, para mobilizar elevadas sumas de fondos e para acelerar a innovación cando nos enfrontamos ao maior reto posible: a sostibilidade da nosa civilización”, dixo. ECG

15 dic 2021 / 19:35
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.