Galardoadas nos Celtic Media ‘Auga seca’ e ‘A illa das mentiras’
As ficcións galegas impuxéronse nas categorías de mellor serie e mellor película

Santiago. A ficción galega acaba de recibir un novo recoñecemento internacional. A serie da Televisión de Galicia Auga seca e a película A illa das mentiras, participada pola corporación pública, resultaron premiadas nos Premios Celtic Media 2021, nas categorías de mellor serie e mellor película, respectivamente.
A illa das mentiras impúxose na súa categoría ás películas presentadas pola BBC e a canle France TV, e a Ordinary love, actualmente nos cines de Reino Unido e Irlanda e protagonizada polo coñecido intérprete Liam Neeson.
A cinta, dirixida por Paula Cons, e producida por Agallas Films foi gañadora de cinco Mestre Mateo e está inspirada libremente en feitos reais, no afundimento do buque Santa Isabel fronte ás costas da illa de Sálvora en 1921.
Pola súa parte, a serie Auga seca gañou fronte a producións da canle de Gales S4C e da BBC Escocia.
É un thriller policial enmarcado no universo do tráfico de armas e as súas conexións co mundo empresarial, e foi a primeira serie en lingua galega en incorporarse ao catálogo de HBO. Esta ficción foi realizada para a TVG e a RTP polas produtoras Portocabo e a portuguesa SP-i.
Ao igual que en 2020, o certame de producións celebrouse de xeito virtual. O Celtic Media promove a cultura e as linguas dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios e ten lugar desde hai 42 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualles e a Bretaña francesa. redacción