Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Galicia, invitada no Festival de Teatro Clásico de Almagro

Permitirá, segundo o conselleiro de Cultura, dar maior visibilidade ao talento galego na escena

Galicia será a comunidade convidada de honra na 45 edición do Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro, segundo anunciou este venres o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, nunha rolda de prensa na que tamén participaron o director do evento, Ignacio García; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; o director do Centro Dramático Galego (CDG), Fran Núñez, e o presidente da asociación Escena Galega, Santiago Cortegoso.

Na presentación, o conselleiro avanzou os espectáculos de artes escénicas galegas que ofrecerá a Xunta no festival, no marco dun “ambicioso proxecto innovador en xéneros e formatos” e nunha “aposta pola pluralidade e a proxección exterior da creación teatral de Galicia”.

“O obxectivo é que o gran público coñeza o Século de Ouro galego e acceda á nosa cultura en todas as súas expresións”, engadiu.

Segundo destacou, a programación inclúe a estrea absoluta de La Toffana, de Vanessa Montfort e con dirección de María Herrero, unha coprodución do Centro Dramático Galego con La Quintana Teatro e Proyecto Barroco.

Ofreceranse tamén as pezas Arte sen guión, de Galeatro, e A barca do inferno, de Moving Compass, estreadas o mes pasado no ciclo Clásicas desfeitas coproducido pola Cidade da Cultura de Galicia e o CDG. A primeira delas rescata a temática medieval e a segunda inspírase no Auto da barca escrito polo portugués Gil Vicente no século XVI, mediante a técnica de manipulación de obxectos.

Producións Teatrais Excéntricas representará Estrela do día, estreado o pasado ano no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios, con dramaturxia de Quico Cadaval a partir das Cantigas de Santa María de Alfonso X O Sabio e dirección de Marcos PTT. Carballido.

A música chegará da man de Xoán Curiel e Xosé Lois Romero, cun concerto centrado nas cantigas de amigo e textos galegos do Século de Ouro. Nel presentarase, no marco do Xacobeo 21-22, unha versión musicada das Décimas ao Apóstolo Santiago, escritas por Martín Torrado Mariño en 1627.

Galicia convértese así na terceira comunidade convidada “nunha das citas fundamentais do ano, non só para os amantes do teatro en xeral e do clásico en particular, senón de todos os entusiastas da cultura”, dixo Rodríguez.

Segundo o conselleiro, a participación nun festival de renome como o de Almagro “abre as posibilidades para que o talento que atesouran as nosas compañías goce de maior visibilidade e que o noso rico patrimonio teatral chegue máis lonxe”.

Neste sentido, o titular de Cultura agradeceulle á organización do evento os seus esforzos por abrir diálogos de intercambio cultural, así como o traballo desenvolvido polos distintos axentes culturais, como a asociación Escena Galega, para facer posible esta colaboración.

Referiuse tamén ás diferentes liñas de acción que está a desenvolvero seu departamento a prol da difusión do teatro galego, como a presenza das coproducións do CDG en festivais internacionais e diferentes países, ou a liña de axudas á difusión directas ás empresas, que en 2021 lles facilitaron a máis de 60 proxectos teatrais a realización de xiras e a participación en eventos fóra de Galicia.

22 abr 2022 / 16:07
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.