Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Gran homenaxe da Ragba a Laxeiro na Coruña polo Día das Artes Galegas deste ano

A academia conmemorará este venres na súa sede un acto institucional e abrirá unha mostra de fotografía comisariada por Xurxo Lobato

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrará esdte venres o Día das Artes Galegas cun acto institucional en lembranza do pintor José Otero Abeledo, coñecido como Laxeiro, persoeiro homenaxeado neste 2022.

O evento comezará ás 19.30 horas coa inauguración da exposición de fotografía Acción Laxeiro, comisariada polo académico numerario da Ragba e fotógrafo Xurxo Lobato, no hall da Academia.

Ás 20.00 h., no salón de actos da institución, procederase coa celebración institucional do Día das Artes Galegas 2022 dedicado a Laxeiro.

Contará coa asistencia da alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane; Rebeca Blanco en representación do Consello da Cultura Galega; o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e coleccionista de arte, Xosé Ramón Pousa, e o presidente da Ragba, Manuel Quintana Martelo.

Acudirán ademais outros académicos e autoridades como o expresidente da Xunta de Galicia, Fernando González Laxe; o cantante, escritor, artista multimedia e director de cine, Antón Reixa; o avogado Xoán Antón Pérez Lema; a concelleira de Cultura de Vilagarcía de Arousa, Sonia Outón; a concelleira de Cultura de Lalín, Begoña Blanco; o concelleiro de Educación da Coruña, Jesús Javier Celemín; representantes dos grupos municipais da Coruña; a deputada do BNG da Comisión de Cultura do Parlamento de Galicia, Mercedes Queixas; o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, e o presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou; así como representantes da Fundación Laxeiro.

A Ragba determinou dedicar o Día das Artes Galegas 2022 a Laxeiro (Lalín, 1908 –Vigo, 1996), concibido como un ano para afondar e espallar esta figura decisiva para o desenvolvemento e difusión da arte galega no pasado século, cuxa obra moderna e renovadora estivo sempre comprometida coa realidade do contexto sociocultural que lle correspondía ao seu tempo.

O deseño do cartel do Día das Artes Galegas deste ano foi de Menchu Lamas, académica numeraria da Sección de Pintura e Gravado da RAGBA, que realizou un cartaz baseado nun debuxo do propio Laxeiro.

Nacido en 1908 no concello pontevedrés de Lalín, a nenez de Laxeiro transcorre nun contexto tipicamente rural galego que non facía supoñer que se convertería no grande artista que foi.

Dotado dunha imaxinación desbordante e dun espírito libre, pronto contactou co Grupo de Os Novos, os encargados de modernizar a arte galega, e que se movían na esfera do Partido Galeguista.

A súa estancia no Madrid republicano dos anos 1931-33, como alumno da Real Academia de San Fernando, posibilitoulle coñecer nos faladoiros de café a personaxes destacados da cultura daqueles anos, como García Lorca, Castelao, os irmáns Dieste, Gómez de la Serna, etc., ademais de visitar o Museo do Prado con asiduidade.

Catalizador da cultura tradicional galega, soubo plasmar coma ninguén os aspectos populares da Galicia menos compracente, utilizando linguaxes que estaban en sintonía cos movementos das vangardas internacionais.

En Pontevedra
Estudantes de primaria

···A Deputación de Pontevedra celebrará o Día das Artes Galegas, este 1 de abril, cun encontro pictórico de estudantes de primaria de Lalín, Vigo e Pontevedra en recoñecemento a Laxeiro, tal e como informa Europa Press. Nun comunicado, a Deputación de Pontevedra explicou que o acto terá lugar no Pazo Provincial ás 12.00 horas e que os escolares serán de terceiro de primaria dos centros CEIP Xesús Golmar de Lalín, CEIP Pintor Laxeiro de Vigo e CEP Campolongo de Pontevedra, tres de lugares vinculados ao artista. O alumnado deste último colexio acudirá presencialmente ao evento.

01 abr 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.