Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Gran impulso ao termalismo europeo en Estados Unidos

Baltar aboga por crear unha alianza supracontinental na cita do comité da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais

O presidente da Deputación Provincial de Ourense, Manuel Baltar, presidiu este luns a primeira reunión do novo Comité Executivo da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais (EHTTA), logo da asemblea xeral celebrada o pasado 5 de maio na localidade catalana de Caldes de Montbui e na que foi reelixido por unanimidade como máximo representante da entidade termal para un novo mandato que, por primeira vez na historia desta asociación, terá unha vixencia de catro anos (2022-2026).

No encontro, Manuel Baltar trasladou á dirección da EHTTA os avances que se están a conseguir para consolidar “o termalismo como un eixo estratéxico de desenvolvemento”, aproveitando as sinerxias que xera a colaboración público-privada dentro deste sector e maila condición da asociación como Itinerario Cultural do Consello de Europa. Non obstante, destacou a súa aposta por unha “alianza supracontinental” para promover o termalismo europeo no mercado dos Estados Unidos, iniciativa para a que teñen previsto poder contar co apoio da European Travel Commission.

O presidente da EHTTA lembrou así a reunión internacional prevista na cidade estadounidense de Saratoga Springs, localidade pertencente ao estado de Nova York e cunha gran tradición na culura da saúde e o benestar.

Un encontro, aprazado no seu momento como consecuencia da pandemia do coronavirus, “que nos permitirá presentar ao público americano a nosa experiencia, as bondades do termalismo segundo a tradición europea e produtos turísticos que revelarán as posibilidades terapéuticas e de benestar das nosas augas e dos nosos balnearios”, engadiu ao respecto.

Neste contexto en concreto, para Manuel Baltar a palabra máxica é “saúde”.

O termalismo, salientou, revélase como un recurso indispensable para o benestar, ademais de turístico, “polo que en tempos de pospandemia ten que recobrar a súa presenza e relevancia, un obxectivo no que traballamos todas as administracións que conformamos a asociación”, considerou o presidente.

“Estamos absolutamente convencidos das posibilidades do termalismo”, dixo, salientando nesta liña o papel fundamental que xoga a EHTTA como a asociación “máis importante desde o punto de vista da administración pública que existe no mundo en torno á auga termal e ás súas propiedades mineromedicinais”.

Así mesmo, e entre outros puntos do día da reunión deste luns pola mañá, avanzouse nos detalles de preparación do Congreso Internacional de Turismo Termal, que ten previsto celebrarse en Ourense durante os próximos 28 e 29 de setembro, ademais de abordar a entrada na Asociación Europea de Cidades Históricas Termais da cidade ucraína de Truskavets.

31 may 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.