Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Gran presentación da novela ‘Dalia, a modista’ no Gaiás

É a adaptación da serie de TVG creada por CTV que se estreou en 2016 con enorme éxito // O acto terá lugar mañá na Sala Eisenman

A produtora CTV, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a CRTVG presentarán en rolda de prensa mañá, 15 de setembro, a novela Dalia, a modista. O acto celebrarase ás 11.30 horas na Sala Eisenman do Centro de Emprendemento Creativo da Cidade da Cultura de Galicia.

Presidirán o evento o produtor executivo de CTV e guionista da serie de televisión Dalia, a modista, Ghaleb Jaber Martínez; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez; o director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias, e a autora da novela e guionista da serie de televisión Dalia, a modista, Noe Martínez.

Dalia, a modista é unha serie de TVG creada por CTV, que se estreou en 2016 cun grande éxito de audiencia e crítica. É a primeira ficción en galego que viaxou a outros países de Europa, Estados Unidos e América Latina, e está protagonizada por María Mera, David Seijo, Xoán Fórneas, Machi Salgado e Rebeca Stones. Aproveitando a publicación da novela, TVG2 programou a serie Dalia, a modista para mañá mércores-14, o xoves-15 e o venres-16 a partir das 17.30. Tamén está dispoñible na sección Á carta, Galicia en series da web https://www.crtvg.es/en-serie/as-nosas-series/dalia-a-modista. CTV, produtora pioneira do audiovisual español, lidera o prime time galego desde 1985 e é recoñecida internacionalmente pola serie O sabor das margaridas, dispoñible en Netflix.

13 sep 2022 / 22:28
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito