Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Grandes artistas a nivel mundial nunha mostra no ‘Marcos Valcárcel’

Obras de Picasso, Dalí, Rembrandt, Chagall ou Tapiès poderán verse en Ourense en breve

Santiago. O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense está ultimando os detalles da exposición O amante do papel, na que se recolle unha selección de 45 traballos en papel de artistas como Picasso, Rembrandt, Durero, Marc Chagall, Rubens ou Toulouse-Lautrec, en debuxos, gravados, litografías ou serigrafías.

Esta mostra, comisariada por Rosario Sarmiento e que se inaugurará o vindeiro xoves, 12 de maio, amosa unha selección de obras dunha colección privada formada por máis de dúas mil pezas que o seu propietario foi adquirindo ao longo dos anos, e que ven de ceder temporalmente de xeito gratuíto á Deputación de Ourense para a súa exposición pública.

Manuel Baltar visitou os primeiros preparativos de instalación da mostra, acompañado polo asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar, e o director do Centro Cultural Marcos Valcárcel, Francisco González.

O presidente da Deputación resaltou que “a oferta do Marcos Valcárcel experimenta unha nova velocidade coa exposición das obras de grandes nomes da arte”. Auténticas iconas, engadiu, que os ourensáns terán a oportunidade de contemplar no centro cultural, “pero que tamén se converten nun motivo máis para achegarse ata Ourense, a pouco máis de dúas horas da capital de España”.

O amante do papel trátase, segundo inciden dende o centro, dunha ocasión “única para ver xuntos a un elenco de artistas de tan elevado nivel, con obras que van dende os séculos XV e XVI ate artistas máis contemporáneos, dos séculos XIX, XX e XXI”.

Entre os artistas máis modernos da mostra, poderanse ver obras de Oscar Kokoschka, Max Ernst, Salvador Dalí, Antoni Tápies, Wilfredo Lam, Johnny Friedlaender, Jorge Castillo ou Penck.

O amante do papel completa a actual oferta expositiva do Centro Cultural Marcos Valcárcel, “que nestes días vive as súas mellores galas”, dixo Manuel Baltar, coa exposición Universo ao redor dos Beatles, a maior e máis completa que se ten feito ata o de agora en España e a exposición do Alpinche, a obra icónica de Estanislao Reverter reivindicada, a través de ser a imaxe da Ourense ICC Week na última edición, coma auténtico referente da creatividade ourensá. redacción

06 may 2022 / 17:44
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.