Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Herminia Domínguez ingresa na RAGC e trata a biorrefinería como avance na sostibilidade

A catedrática de Enxeñaría Química pronunciou o seu discurso nun acto en Santiago // Abondou no aproveitamento da biomasa vexetal

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou este mércores no Pazo de San Roque de Santiago, o acto de ingreso da catedrática de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo (UVigo) no Campus de Ourense, Herminia Domínguez González (San Xoán de Río, 1965). Intégrase na institución como académica numeraria da Sección de Ciencias Técnicas. Pronunciou o seu discurso de ingreso Biorrefinerías, multifactorías verdes, que foi contestado en nome da Academia polo membro numerario da Sección de Ciencias Técnicas, o catedrático emérito de Ciencias dos Materiais e Enxeñaría Metalúrxica da UVigo Pedro Merino Gómez.

O presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, inaugurou o acto ao que asistiron outros académicos da institución, así como o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade da Universidade de Santiago (USC), Gumersindo Feijoo; o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña (UDC), Salvador Naya; e a vicerreitora do Campus de Ourense da UVigo, María Esther de Blas; entre outras autoridades.

O presidente da RAGC deu a benvida á institución á profesora Herminia Domínguez, “unha persoa brillante, aínda que modesta nas formas, con ilusión no seu traballo, que sabe crear no seu arredor unha atmosfera de traballo amable, eficiente e eficaz”. Destacou que a nova académica ven enriquecer a sección de Ciencias Técnicas e ao conxunto da Academia, sendo ademais a primeira muller académica desta sección e a primeira procedente do Campus de Ourense. Lema quixo sinalar tamén que para el é unha satisfacción especial o ingreso de Herminia xa que tivo a honra de axudala nas primeiras etapas da súa carreira investigadora, naquel momento centrada na extracción de aceite de sementes de xirasol ou soxa sen empregar disolventes orgánicos, “un traballo orixinal, visionario e ambicioso, que mesmo mereceu o II Premio Europeo IQS Industrial Enzyme Applications, e premonitorio do que sería unha brillante traxectoria investigadora”.

MOTOR NECESARIO NO PROGRESO ACADÉMICO. Tamén Juan Lema lembrou os inicios de Herminia Domínguez no Campus de Ourense, formando equipo co profesor Juan Carlos Pajaró ata o día de hoxe para dar forma a unha carreira investigadora que situou a Facultade de Ciencias de Ourense nunha esfera internacional de gran relevancia. “O tándem entre Herminia e Carlos foi un motor que permitiu lanzar proxectos, dotar de infraestruturas e formar un moi significativo número de científicos e tecnólogos. Desenvolver o seu traballo nun dos chamados campus periféricos non foi unha eiva, senón un reto que souberon vencer brillantemente”, dixo.

Herminia Domínguez: sinalou que: “Debemos ampliar e aplicar os coñecementos científicos que permitan desenvolver tecnoloxías máis limpas e eficientes para o fraccionamento e a conversión da biomasa renovable nas futuras biorrefinerías”

A nova académica centrou a súa disertación na necesidade de facer un aproveitamento racional e completo da biomasa vexetal, especialmente da que está infrautilizada ou da que se considera un residuo, para “avanzar cara a sostibilidade” non só porque reduce o seu impacto medioambiental, senón porque pode converterse nunha materia prima renovable, “contribuíndo á xeración de riqueza local”.

Segundo explicou, os procesos baseados no concepto de biorrefinería, como ferramenta clave para a economía circular, permiten a obtención sostible de diversos produtos, materiais e enerxía, nunha alternativa aos procedentes de fontes non renovables. “É necesario progresar no desenvolvemento de procesos ecoeficientes, flexibles e válidos para distintas escalas de operación, posto que as biorrefinerías actuais aínda non teñen o grao de madurez das refinerías baseadas en recursos fósiles, que xa foron optimizadas no pasado século”, sinalou a académica.

Finalmente, Herminia Domínguez agradeceu o privilexio de ser académica á Real Academia Galega de Ciencias, ademais de lembrar con agarimo á súa familia, aos investigadores cos que se formou e traballou durante estes anos, aos seus compañeiros da Facultade de Ciencias e do Campus Auga do Campus de Ourense da UVigo, aos compañeiros do Departamento de Enxeñería Química e aos compañeiros de Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO).

UN EXTENSO E EXCELENTE CURRÍCULO. O académico Pedro Merino deu resposta, honrado e agradecido por esta designación da RAGC, á disertación de Herminia Domínguez. Merino tentou facer unha síntese do extenso e excelente currículo de nova académica. “A profesora Herminia Domínguez acredita unha extraordinaria traxectoria científica, tanto pola súa contribución á creación de coñecemento e capacidade de formación como polo impacto da súa investigación e capacidade de transferencia. Como resultado dos seus traballos, está a ser recoñecida coma unha das investigadoras de máis prestixio no seu campo”, afirmou.

17 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito