Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Historias orais: O rei que impartiu xustiza na beira do Tambre

Propiamente, a historia que lles vou contar non é unha historia oral. Un dos veciños aos que preguntei hai unhas décadas, nado en 1904, nada sabía dela, e coma el, todos os maiores aos que consultei. É unha desas lendas que quedaron por escrito e non se conservaron na tradición oral. As causas non me atrevo a razoalas, porque a distancia temporal cos feitos acaecidos ou a súa completa ou parcial veracidade, non son argumentos probatorios de ningún xeito.

A primeira vez que souben da “Justicia del rey Alfonxo VIII” andaba pola biblioteca do instituto Xelmírez desta cidade, a piques de ser bacharel. Un libro publicado por Espasa-Calpe, na súa Colección Austral, “Las leyendas tradicionales gallegas”, de Leandro Carré Alvarellos contiña esta lenda histórica. En honor á verdade, nese momento non considerei verosímil que un rei viñese en persoa, de Toledo a Galicia, máis de 650 km, a cabalo, a atender as demandas dun labrador. Deixei pasar os anos nunha escala diferente a como pasan no Tambre, ata que decidín investigar onde se documentara o intelectual coruñés. Dei coa súa fonte primaria por non dicir exclusiva (coinciden nun 99%), aclarando, iso si, que a lenda recollida por Luciano Cid Hermida é máis extensa, e por tanto ofrece moitos máis datos. O escritor e xornalista compostelán presenta esta historia entre outras, cada unha adicada a un personaxe relevante e contemporáneo seu. A que nos ocupa, “Una terrible justicia del rey Alfonso VIII”, ten como subepígrafe ou dedicatoria: “Al infatigable entusiasta fundador de la Biblioteca Gallega, D. Andrés Martínez Salazar”, e figura entre outras achegas históricas, na súa obra: “Leyendas, tradiciones y episodios históricos de Galicia”, (pp. 75-95) publicada a finais do s. XIX (1891) e de doada consulta por estar dixitalizada:

http://biblioteca.galiciana.gal/pt/consulta/registro.cmd?id=6314

A lenda sitúanos fronte ao abuso dun infanzón galego, Pedro Albar, que secuestra e estupra a Marcela, filla dun vasalo do lugar chamado Blas Pérez. Son moitos os datos que se dan. O ano, 1209. A localización: un castelo sobre o monte Pica “entre los pueblecillos y aldeas de Javestre, Barros y Trazo (...) inmediato a Javestre y dominando la vertiente del Tambre, en la comarca de Grijoa (...) hasta el punto que hoy se conoce con el nombre de Puente Albar, destacábase el castillo de D. Pedro...” e ademais, coa axuda das mesnadas do arcebispo compostelán, D. Pedro Suárez de Deza, na toma do castelo e posterior sentenza e condena deste nobre galego. Unha historia novelada a que nos presenta D. Luciano Cid Hermida, que remata coa toma do castelo, coa fuxida do nobre polos canóns do Tambre, o seu apresamento e aforcamento público e a expresa orde real de non deixar pedra sobre pedra para non quedar vestixio algún da súa memoria: “Algunos días más tarde volvieron a verse en el país los soldados del arzobispo para cumplir las órdenes del monarca, demoliendo las murallas del castillo y cegando sus fosos, no quedando a la posteridad más recuerdo de estos sucesos que la justicia ejercida por Alfonso VIII, consignada en la historia de su reinado, y el nombre de Puente Albar, que aun hoy existe sobre el río Tambre” (p. 95)

Pero, na pescuda de tantos datos históricos na procura da veracidade, faremos a primeira parada, antes das crónicas latinas máis achegadas aos feitos, na figura do historiador, prelado e cronista de Felipe III, Prudencio de Sandoval. En dúas das súas obras: “Crónica del ínclito emperador de España don Alonso VII” (Madrid, 1600, pp. 152-153):

https://books.google.es/books?id=hB1WKQIy4R4C&pg=PP1&redir_esc=y#v=onepage&q&f=false

e “Historia de los reyes de Castilla y León o Historia de los cinco reyes” (Pamplona, 1634, II, pp. 299-300): https://bibliotecadigital.jcyl.es/es/consulta/registro.cmd?id=16929 recóllese un feito con certas similitudes. Pero, o rei que se despraza ata Galicia é Afonso VII e non Afonso VIII, e polo tanto os feitos suceden no ano 1151, ou como rezan as crónicas no 1189 da era Hispánica (resultado da suma de 38 anos polo cómputo que parte do ano 716, Ab urbe condita, é dicir do 38 a. C.) e non no 1209.

Nestas dúas obras hai unha epígrafe sobre a toma e cerco de Xaén e o casamento do rei con dona Rica/Rikilda. Pero, nunha marxe aclaratoria anótase o “gran zelo de justicia del emperador D. Alonso” coa súa correspondente exposición narrativa no texto da crónica. Nada hai na biografía de Alfonso VIII de Castela sobre este particular episodio xusticieiro nin na do arcebispo galego D. Pedro Suárez de Deza. Sen meternos en fonduras no galimatías dos reis casteláns e leoneses, algunhas voces reclaman, con certo criterio, unha reordenación dos ordinais. Sobre este punto consúltense algúns dos artigos de Joaquín Cuevas Aller: “Sancho II debe ser llamado Sancho I de Castilla, Sancho III, debe ser llamado Sancho II; Alfonso VIII debe ser llamado Alfonso I de Castilla. Asimismo, Alfonso IX debe ser llamado Alfonso VIII de León. El Rey Fernando el Santo debe ser llamado Fernando I de Castilla y III de León y Alfonso X el Sabio debe ser llamado Alfonso II de Castilla y IX de León”.

https://www.diariodeleon.es/articulo/tribunas/aclarando-datos-historia-leon/201908120402291929260.html

A seguinte parada nesta mirada retrospectiva correspóndelle á “Estoria de España” / Primera Crónica General”. Aquí, o episodio xa ten un capítulo propio e específico, dentro da crónica do rei Alfonso VII, “El capítulo de la iusticia del emperador”, (pp. 659-660): https://archive.org/details/primeracrnicage01sancgoog/page/n676/mode/2up

“Este don Alfonsso, emperador de España, era princep muy iusticiero, et de como vedava los furtos et los males en su tierra puédese entender por esta razon que diremos aquí. Un infançón que morava en Gallizia, et avíe nombre don Fernando, tollió por fuerça...”

Xa estamos moito máis preto das fontes latinas, pero convén aclarar que tanto esta crónica alfonsí, como as recollidas por Sandoval no s. XVII, non concordan no rei nin aclaran a causa da xustiza nos mesmos termos que Luciano Cid Hermida e Leandro Carré Alvarellos. Si se fala dunha afronta de poder sobre unha “heredat” e dunha inxuria persoal. Alfonxo VII envía unhas letras para que o meiriño do lugar actúe no seu nome, pero o infanzón, de nome Fernando, e non Pedro Albar, desóeas e ameaza de morte ao labrador. É nesta segunda visita a Toledo, no momento en que o rei está preparando o ataque a Xaén, cando volve o labrador a queixarse de que non lle fan xustiza. Entón, “quando el emperador esto oyó, llamó sus privados de su cámara, et mandóles que dixiesen a los que viniessen demandar por el, que era dolient et que estava flaco, et que non desaxassen a ninguno entrar en su cámara; et mandó a dos cavalleros muy en poridad que guisassen luego sus cavallos et yrien con el, et fuesse luego muy encubiertamientre con ellos pora Gallizia...” É dicir, o rei vai persoalmente a facer xustiza.

Das fontes primarias ou latinas, non figura esta lenda nin na “Chronica Adefonsi Imperatoris” (CAI), (1153-1157), nin na “Chronica latina regum Castellae” (1223-1237). Nas dúas fontes máis importantes para a historiografía medieval, si figura no “Chronicon Mundi”, (1238?), de Lucas de Tui, o Tudense (bispo de Tui), e non na “De Rebus Hispaniae” (1243?) do arcebispo de Toledo, D. Rodrigo Jiménez de Rada, o Toledano.

“Quam sedulus fuerit in iustitia facienda, et superborum audacitare et contumacia extirpanda, ex hoc potesta adverti, quod cum quidam nobilis in Gallaeciae partibus nomine Fernandus, cuidam rustico haereditatem suam auferens ei iniuriam intulisset, ipse Toletum ad Imperatorem properans de dicto milite querimoniam fecit (...) Et stans ad ostium militis, misit ad eum dicens: Egredere, quia vocatte Imperator. Quod miles ut audivit, nimio timore perterritus, intelligens quod futurum erat, fugere paravit; sed praeventus a ministris Imperatoris captus est, et eo iubente in ostio domus suae suspensus. Tunc Imperator manifestavit se in Gallaecia, et totam patriam ipsam pacificavit. Tantus inuasit terror omnes magnates totius imperii ex hoc facto, videntes zelum et animositatem Imperatoris in iustitia facienda, ut nullus esset qui minimo vel magno inferrer iniuriam, quin statim ei satisfacere sestinaret”. (Cfr. Hispaniae Ilustratae, André Schott, IV, Chronicon Mundi, p. 104), dixitalizado:

https://books.google.es/books?id=ee5FAAAAcAAJ&hl=es&pg=PA1#v=onepage&q&f=false

(Que dilixente en facer xustiza e desarraigar o orgullo dos soberbios. Isto pódese advertir nun nobre de Galicia, de nome Fernando, que tomou a herdade dun labrador, provocándolle dolosa inxustiza e afronta. El mesmo presentouse en Toledo, diante do Emperador, para presentar denuncia do sobredito cabaleiro (...) E, diante da porta do cabaleiro enviou a este (soldado), dicindo: sae! que te reclama o teu Rei. E nada máis oílo o cabaleiro, espantado de medo, temendo e aventurando o futuro que lle esperaba, botou a fuxir. Pero atallárono os soldados do Rei e prendérono, e por orde súa foi aforcado diante da porta da súa casa. Entón o Emperador deu boas mostras en Galicia, pacificando toda esa terra. Gran medo entrou en todos os grandes (nobres) de todo o imperio por este feito, vendo o celo e animosidade do Rei en impartir xustiza, que non quedou ninguén que inflixise inxuria ou dano algún, a grande ou pequeno, que non se aviñese a emendar).

En conclusión: salvo que D. Luciano Cid Hermida empregase unha fonte indirecta ou unha fonte primaria, que un servidor descoñece, o rei que imparte xustiza é Alfonso VII, o emperador, e non Alfonso VIII. Hai dos Alfonsos VIII convivindo no tempo. Ambos son primos. Alfonso VIII de León, (coñecido por Alfonso IX) e Alfonso VIII de Castela, co alcume das Navas ou o Nobre. Alfonso VIII de Castela non pode impartir xustiza nun territorio que non domina. En todo caso, sería o outro Alfonso VIII-IX, quen podería facelo, pero nada hai nas crónicas que apoie ese feito. Galicia depende de León e será máis tarde, con Fernando III o Santo, 1230, fillo de Alfonso IX, cando se unifiquen as dúas coroas. En tempos de Alfonso VII, acúñase por parte de Menéndez Pidal o termo a “España dos cinco reinos”, e Alfonso VII proclamarase no 1135, Imperator totius Hispaniae. Curiosamente, tanto Alfonso VII como Alfonso IX (Alfonso VIII de Léon) teñen moito que ver con Galicia. O primeiro é galego de berce. Nado en Caldas, tutelado por Pedro Froilaz, conde de Traba, estivo moi vinculado a Galicia desde a súa infancia. Contaba cuns sete anos cando foi coroado rei de Galicia na catedral compostelá, (1111). O segundo, que morre en Galicia, demostra o costume de seguir criando os infantes da coroa de León en terras galegas, baixo tutela da nobreza galega. O Conde Fernando Pérez de Traba fará de aio do rei Fernando II, e o seu xenro, Xoán Arias, será o encargado da formación de Alfonso IX-VIII de León), alcumado “el gallego” na corte leonesa, por ser a lingua máis usada polo rei. Unha corte itinerante, dado o perfil belicoso da época. Alfonso VII está soterrado en Toledo, porque lle sobreveu a morte vindo de Almería, pero expresara a Xelmírez, en 1127 e a Berengario, no 1140, o seu firme desexo de soterrarse xunto con seu pai, Raimundo de Borgoña, no panteón real da catedral de Santiago. Si está no panteón real catedralicio compostelán, Alfonso IX-VIII de León, o rei que convocou (1188) as primeiras cortes democráticas de Europa e do mundo. Unha “Curia plena”, onde se ten constancia de representantes de todos os estamentos, incluído o pobo. Os “Decreta” deste rei galego-leonés son anteriores á Carta Magna de Xoán Sen Terra, 1215, tal e como recoñeceu a UNESCO, no 2013.

O Tambre, como raia fronteiriza entre dominios, foi testemuña dunhas vistas previas entre Xelmírez e o conde de Traba para argallar o nomeamento como rei de Galicia de Alfonso Raimúndez (Alfonso VII), e notario (pacto do Tambre) no acordo ou pacto de non agresión entre nai e fillo, uns anos despois. Se hai trinta anos non vía verosímil o desprazamento dun rei tantos quilómetros por mor da petición de xustiza dun labrego, hoxe, teño que confesar, logo da lectura do Proemio do “Chronicon Mundi”, que algún rei ben puido interiorizar o seu papel no mundo. En palabras do Tudense, son cinco os requisitos que ten que ter un bo rei (Rex dicitur a regendo, quod se et alios bene regat, cui specialius quinque sunt necessaria): “primo videlicet creatorem et Regem suum, patrem et filius et spiritum sanctum...” (primeiro, coñecer ao Criador...); “secundo fidem catholicam moribus et verbis confitere”, (segundo, confesar a súa fe e referendala nos costumes, feitos e palabras); “tertio regnum in pace omnimode conservare”, (terceiramente, manter e preservar a paz no reino); “quarto sine acceptione personarum unicuique iustitiam exhibere”, (cuarto, impartir xustiza a todos por igual); “quinto vero hostes viriliter contemptis cunctis laboribus expugnare”, (derrotar ao inimigo con valentía, e batallar ata o último alento).

Descoñezo se Luciano Cid Hermida atopou outra fonte máis precisa, pero ten toda a lóxica para pensar que a herdade dun labrego galego do século XII non son as súas terras, que non posúe en propiedade, senón que a súa filla é a herdade máis querida. É un segredo a voces que os reis galego-leoneses non son tratados por igual nas crónicas castelás. Sen ir máis lonxe temos o exemplo nestes dous Alfonsos de León, moi vinculados a Galicia. Afonso VIII de León foi excomungado en dúas ocasións, rexeitou acudir ás Navas de Tolosa e non se respectaron as súas últimas vontades coas súas fillas, ás que seu medio irmán, “o santo”, apartou de reinar en León e Galicia. Se me permiten, quizais sexa hora de reclamar un imposible, como unha cuestión de estado inter-autonómico, que o sartego do rei galego, Alfonso VII, volva a Galicia. El nunca quixo ser soterrado en Toledo, senón na catedral da cidade na que o coroaron de neno e máis preto do río Tambre, onde veu ex professo a impartir xustiza, vai xa para 900 anos.

Historias orais: O rei que impartiu xustiza na beira do Tambre

Por Xosé Antonio Grela / Doutor en Filoloxía Románica

22 oct 2021 / 19:02
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito