Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Homenaxe a Domingo de Andrade no Día das Artes Galegas

A RAGBA organiza un acto institucional este xoves en Santiago

SANTIAGO. A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebra este xoves un acto institucional en lembranza do arquitecto Domingo de Andrade, persoeiro homenaxeado en 2020 e 2021 no Día das Artes Galegas que se conmemora precisamente o 1 de abril coincidindo este ano o Xoves Santo. O evento será ás 13.30 horas na Capela da Concepción da Catedral de Santiago, lugar onde está soterrado Andrade, e contará coa asistencia do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o deán da Catedral de Santiago, José Fernández Lago; o director da Fundación Catedral e académico numerario da RAGBA, Daniel Lorenzo; e o presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo.

Ademais, asistirán ao evento membros da Xunta de Goberno da Academia e diversos académicos; así como o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela Louzán; e o arquitecto do Plan Director da Catedral de Santiago, Javier Alonso de la Peña.

O cartel para a celebración do Día das Artes Galegas en homenaxe a Domingo de Andrade foi deseñado polo académico de número da sección de Artes da Imaxe, Xosé Díaz Arias de Castro, a partir do retrato de Domingo de Andrade que se atopa na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, obra do pintor e académico Felipe Criado (1928-2013), quen fora membro numerario da Sección de Pintura e Gravado desta Institución.

O Día das Artes Galegas foi creado pola RAGBA en 2015, celebrando ao Mestre Mateo, quen nesa data do 1 de abril de 1188 dirixiu a colocación dos linteis do Pórtico da Gloria na Catedral compostelá, segundo consta nos mesmos. Na última edición de 2019 a figura homenaxeada foi Luis Seoane, teórico da arte, creador, deseñador, caricaturista, debuxante e pintor, esencial no Laboratorio de Formas de Galicia. Mentres en anos anteriores homenaxeáronse figuras como a de Alejandro de la Sota (2018), Maruja Mallo (2017), e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (2016). ECG

31 mar 2021 / 11:49
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.