Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Homenaxe a Rosalía coa plantación dunha puga da súa figueira centenaria

O acto levouse a cabo nos xardíns do Parlamento de Galicia este mércores, coincidindo co aniversario do nacemento da escritora

Representantes de distintas institucións públicas participaron este mércores nun acto conmemorativo organizado con motivo do Día de Rosalía, que este ano consistiu na plantación dunha puga da figueira centenaria de casa-museo da poeta no xardín do Parlamento.

No acto participaron o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, entre outras autoridades.

“Galicia é Rosaliana porque Rosalía deunos a coñecer a nosa terra, a importancia da nosa xente e a relevancia de ter unha cultura e un idioma propios. A súa obra foi a semente do frondoso bosque que é a nosa linguaxe”, declarou Feijóo no seu discurso, no que lembrou que a escritora entendeu “que a nosa linguaxe non nos encerra nin limita, senón que “nos proxecta” e, a través dela, “podemos construír unha identidade aberta que non coñece fronteiras”.

“Rosalía de Castro demostrou que hai xestos que non se constrúen sobre o poder político ou militar, senón sobre o sempre insondable poder da palabra”, destacou o líder da Xunta, que manifestou que Galicia é un pobo de “palabras” grazas a que “en tempos escuros para o galego, Rosalía conformou unha obra de raíces profundas, de calidade indiscutible e que é universal”.

Ademais, na súa intervención Feijóo destacou á poeta e escritora como “a nai fundadora da literatura galega contemporánea” e “unha valedora do galego como lingua de cultura”.

Doutra banda, o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira asegurou que dado os tempos difíciles que vivimos “é necesario máis que nunca celebrar a Rosalía na rúa, na escola, no traballo e na casa e tamén nas institucións”.

“No medio destas circunstancias tan adversas, ela, que desde logo tamén as viviu, sinalounos o camiño. Na súa casa sempre arde e arderá un lume na que todos podemos quentarnos”, declarou o presidente da Fundación.

No seu discurso, Angueira quixo lembrar o “apoio entusiasta” que esta iniciativa veu recibindo desde a hostalería, un sector “castigado” pola pandemia, así como o sector cultural.

Para Angueira detrás da poeta está “a orixe humilde” do pobo galego: “Están todas as mulleres e nais que ao longo da nosa historia, con practicamente nada nos deron todo. Nos reconfortaron e fixéronnos felices. É o exemplo da épica doméstica e invisible”, declarou.

“Que esta figueira pequena da casa comunal de Rosalía creza ditosa no horto do Parlamento de Galicia e que ditosos sexan tamén os traballos desta casa igualmente común para que creza tamén con forza hoxe e sempre a esperanza para o noso pobo, para a nosa cultura e para a nosa lingua”, finalizou.

Pola súa banda, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, manifestou que Galicia ten motivos para celebrar a Rosalía “todos os días do ano”, para lembrar cantando, día tras día, “as moitas Rosalías que se concentran nunha soa”.

“Todas e todos nos atopamos e recoñecémonos nalgunhas desas moitas rosalías”, afirmou Álvarez, que sinalou que mentres uns ven representados en “a Rosalía melancólica, cantora dos espazos vitais que nos conmoven” outras ven en “a Rosalía que se rebela, que clama indignada pola xustiza”.

Rosalía representa o ser da nosa identidade. Ben está que plantemos a figueira chegada desde a súa casa e que o fagamos neste ano 2021, cando aínda estamos a loitar xuntos comunitariamente contra as adversidades da pandemia”, sinalou.

Para Álvarez a figueira, “símbolo da eternidade que é sempre capaz de reproducirse e seguir en pé” representa a “resistencia e supervivencia”, do mesmo xeito que Rosalía, que ben pode ser “o símbolo perdurable da Galicia dos tempos de covid que non se vende, que loita por un futuro colectivo e pola súa identidade, lingua e cultura”.

Por último, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, asegurou que aínda que non é “frecuente” que se planten árbores no Parlamento, este acto representa un acto “singular” porque con el dáse testemuño do “inquebrantable compromiso rosaliano do Parlamento de Galicia” e de todos os que forman parte do mesmo “onte, hoxe e mañá”.

Tras os seus discursos, Angueira, Álvarez, Santalices e o propio Feijóo plantaron xuntos a pequena figueira nos exteriores do xardín do Parlamento, momento tras o cal o gaiteiro Olimpio Giráldez interpretou a composición “A alborada”, que deu fin ao acto conmemorativo.

SANTIAGO. EFE

24 feb 2021 / 12:38
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.