Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Homenaxe da RAGC a Juan Rof Codina como científico galego do ano

Foi un impulsor da veterinaria en España e modernizador do sector agropecuario galego

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) homenaxeará ao veterinario Juan Rof Codina como Científico Galego do Ano, decisión que se anunciou no acto de apertura do curso académico 2022 o pasado 22 de febreiro.

A RAGC valorou detidamente a figura de Rof Codina e salientou a súa contribución á modernización do sector agropecuario na nosa comunidade a e á difusión do concepto de asociacionismo entre os gandeiros galegos.

Aínda que o acto académico central de homenaxe terá lugar o 6 de outubro co gallo do Día da Ciencia en Galicia, programaranse durante todo o ano diversas actividades para dar a coñecer a súa figura e as súas contribucións.

Juan Rof (El Prat de Llobregat, 31 de agosto de 1874–Lugo, 31 de agosto de 1967) foi un dos principais impulsores da veterinaria en España.

Terceiro fillo dunha modesta familia catalá, na que seu pai, Pablo Rof Xirinachs, tiña un taller de ferrería e de labores de cerralleiro, Rof viuse obrigado a deixar a escola para axudalo no taller.

Animado pola súa nai, Micaela Codina Portillo, desprazouse a Madrid para estudar na Escola Superior de Veterinaria, traballando de mancebo nunha farmacia para costearse os gastos.

Obtivo o posto de tenente veterinario militar en 1898 e foi destinado a Lugo, onde naceu o interese polos problemas gandeiros de Galicia. O seu introdutor neste ámbito foi o veterinario Ramón Carballo, co que estableceu unha relación máis que profesional ao casar coa súa filla Concepción Carballo Lameiro.

Xunto a outros técnicos agropecuarios da época, Rof Codina traballou arreo a prol da renovación técnico-produtiva da agricultura galega ao longo do século XX, destacando dous campos: a aplicación e divulgación de novidades zootécnicas e a posta en práctica de medidas de hixiene pecuaria para a mellora substancial do continxente gandeiro, para o que comeza a escribir artigos de difusión de boas prácticas, e a organización e valorización da profesión veterinaria en España.

A súa presenza na Galicia rural permítelle familiarizarse coas enfermidades máis difundidas na época, como o gripo – glosopeda ou febre aftosa– e a nacida –carbunco bacteriano–, converténdose no primeiro divulgador dos traballos de Pasteur sobre estas enfermidades.

En canto a aspectos organizativos, foi un decidido agrarista e participou en varias iniciativas destinadas a difundir o asociacionismo agrario, axudando na creación de sociedades de seguros mutuos.

Defensor do patrimonio natural e cultural. En 1901, tras un problema disciplinario cun superior, é trasladado a Granada, pero conseguirá regresar a Lugo ao ano seguinte e, despois de ascender ao grao de capitán, solicitou a excedencia. Xunto ao seu cuñado Jesús Carballo abriu en 1905 a primeira clínica veterinaria galega, que foi a primeira do Estado no seu xénero, chamada a Gran Clínica Veterinaria de Lugo, que conseguiu a representación exclusiva das vacinas do Instituto Pasteur para Galicia e Asturias.

Así, liderou as campañas de vacinación chegando a vacinar el mesmo a 250 cabezas de vacún nun só día.

Sería tamén un dos máis destacados participantes do famoso faladoiro do Hotel Méndez Núñez, xunto a outros recoñecidos lucenses como Ánxel Fole, Luis Pimentel ou Manuel María.

Foi un defensor do patrimonio natural e cultural de Galicia. O seu papel foi decisivo para preservar a Muralla de Lugo, fronte a unha iniciativa para o seu derrubo.

10 mar 2022 / 17:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.