Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Homenaxe no CGAC a traxectoria de La Ribot con ‘Manuel de uso’

A mostra, inaugurada onte por Anxo Lorenzo, esta comisariada por Iñaki Martínez Antelo

Santiago. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou onte no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) a mostra Manuel de uso, un proxecto no que se recolle a traxectoria artística de La Ribot e que se enmarca no festival de artes performativas Plataforma que se celebra en Santiago de Compostela desde o pasado día 10 co apoio da Xunta de Galicia.

Durante o acto de presentación, o secretario xeral de Cultura salientou a traxectoria artística de La Ribot e celebrou que se leven a cabo iniciativas como esta que serven para poñer en valor o seu traballo a través dos distintos espazos do museo, desde a entrada ata o salón de actos, pasando polo vestíbulo e o soto, mentres se establece un diálogo coa arquitectura de Álvaro Siza.

Neste contexto, Anxo M. Lorenzo precisou que na exposición se intúe a pegada que en distintos soportes ­–fotografías, vídeos, instalacións ou documentos– van deixando as súas pezas coreográficas, “aínda sabendo que nada substitúe a experiencia de ver a La Ribot en vivo”, engadiu.

Comisariada por Iñaki Martínez Antelo e visitable ata febreiro de 2020, a mostra inaugurada onte supón unha unión compacta da danza coas artes visuais movéndose entre os teatros, auditorios, salas de exposicións, museos e feiras de arte.

La Ribot é coreógrafa, bailarina e artista visual. Actualmente vive e traballa en Xenebra e as súas obras presentáronse tanto en museos e galerías de arte como en teatros, desde a Tate Modern de Londres, ao MNCARS de Madrid, o Centre Pompidou ou o Théâtre de la Ville de París.

No ano 2000 foi galardoada co Premio Nacional de Danza e coa Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes en 2015. ECG

19 sep 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.