Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Inclúe 16 galegos unha guía da excelencia da artesanía europea

A ‘Homo Faber’ recomenda profesionais especializados en coiro, cerámica, madeira, iluminación, téxtil ou na elaboración de zocos

Un total de dezaseis obradoiros da marca Artesanía de Galicia forman parte xa das recomendacións da guía Homo Faber, unha plataforma online que selecciona a excelencia da artesanía de todo o continente europeo.

Nesta guía pódense descubrir os mellores artesáns de cada país de Europa, así como artistas, tendas, museos, galerías, talentos emerxentes e experiencias vinculadas á artesanía de alta calidade.

A Homo Faber é unha plataforma que propón descubrir Europa a través da visita aos espazos de traballo dos artesáns, galerías, museos e experiencias vinculadas á artesanía de alta calidade.

Os artesáns que aparecen nesta guía están recomendados pola Fundación Michelangelo para a Creatividade e a Artesanía e por membros da súa rede internacional ou embaixadores designados, persoas ou institucións de referencia vinculadas aos ámbitos da artesanía, da creatividade e do deseño, como é o caso do interiorista Tomás Alía ou de Fundesarte, en España, entre outros.

Ata o momento, os obradoiros de Artesanía de Galicia que forman parte desta guía online de recomendacións de artesanía europea son a cesteira Idoia Cuesta (Outeiro de Rei), recoñecida entre outros galardóns co Premio Artesanía de Galicia 2021, co de Artesanía Contemporánea 2021 da Asociación SacCo e co Premio Produto nos Premios Nacionais de Artesanía 2014.

Canda ela, están incluidos tamén o ebanista Frank Buschmann (Corcubión), Premio Artesanía de Galicia 2019 e Antón Fraguas da Deputación da Coruña, na categoría de artesanía tradicional; a zoqueira Elena Ferro (Vila de Cruces), do obradoiro Eferro, Premio Nacional de Artesanía 2019 e Premio de Artesanía Antón Fraguas 2010, na categoría de Artesanía contemporánea; a ceramista Ana Tenorio, do obradoiro Witchneeds (Vigo), Premio Artesanía de Galicia 2018, e o Obradoiro de Gaitas Seivane (Cambre), galardoado co Premio Traxectoria 2021 nos Premios Artesanía de Galicia, co Nacional de Artesanía 2013 e recoñecido coa Medalla Castelao 2014.

Tamén forman parte desta plataforma a ceramista Paula Ojea de Ojea Studio (Vigo), Premio Produto nos Nacionais de Artesanía 2019 e galardoada coa Bolsa Eloy Gesto nos Premios Artesanía de Galicia 2017; a artesá Mercedes Vicente (Brión), especializada en esculturas téxtiles, finalista do Loewe Craft Prize 2018; a ceramista Loaira Pérez, do obradoiro Raposiñas (A Pobra do Caramiñal), Premio Bolsa Eloy Gesto 2020 nos Premios Artesanía de Galicia, e o obradoiro de coiro Santiago Besteiro (Monterroso), finalista dos Premios Artesanía de Galicia nas edicións de 2020 e 2021.

Así mesmo, están recoñecidos na Homo Faber a tecedeira Inés Rodríguez, do obradoiro Rir&Co Deseño Textil (Allariz), gañadora do I Certame de Materiais Innovadores de Galicia, na categoría Artesanal, e do II Premio de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación; o obradoiro especializado en iluminación Lago: Monroy (Nigrán); o de tecido en baixo lizo Belategui Regueiro (Cambre); o ceramista Nano Unzueta, do taller Cerámica Unzueta (Brión), o obradoiro Lorenzo Design (Santiago), de obxectos de madeira enfocado á gastronomía; a ceramista Laura Delgado (Cambre), e Sonia Degerónimo, do taller Degerónimo (Compostela), que está especializado na creación de obxectos con corda de algodón.

Exposición en Venecia
Mostras de Europa e Xapón

···A Fundación Michelangelo organiza a segunda edición do evento ‘Homo Faber’, unha exposición internacional que promove o talento artesanal e que está aberto ao público ata o 1 de maio en Venecia. Baixo o título ‘Tesouros vivos de Europa e Xapón’ amósanse quince mostras de artesanía que permiten descubrir a conexión entre Europa a Xapón. O obradoiro de coiro de Santiago Besteiro é un dos participantes nunha desas mostras, ‘Next of Europe’, a través de Domus, unha peza decorativa elaborada en coiro e granito coa que xa resultou finalista do Premio Europeo de Artesanía 2021. O evento complétase cunha ampla variedade de materiais, técnicas e habilidades a través de demostracións en vivo, experiencias dixitais e visitas a talleres artesanais.

18 abr 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.