Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

‘Incombustibles’ interésase pola economía das persoas maiores

‘Vivir Aquí’ amosará hoxe como se tratan nos balnearios galegos os efectos da covid persistente // Manuel Gago, no programa ‘Zigzag’

No programa desta semana do magazine interxeracional Incombustibles falarase da economía. Os vellos e as vellas teñen poder adquisitivo? Axudan os maiores coa economía? Que é a economía prateada? É mellor gastar ou aforrar? Como están as pensións? Poden traballar os vellos e as vellas despois de xubilarse?

Desde o humor e a información, Teté Delgado, Manolo Botana e Luísa Veira falarán destas e doutras cuestións relacionadas coa economía nun programa que contará coa presenza da responsable da área de I+D de Balidea, María del Carmen López.

‘VIVIR AQUÍ’. Era visto que os balnearios serían os lugares axeitados para tratar aos afectados por secuelas da covid. O espazo Vivir Aquí comprobarao hoxe no de Augas Santas de Pantón, en Lugo. Neste establecemento, como noutros de Galicia, xa desenvolveron ferramentas específicas para paliar os efectos que deixa a covid, sobre todo en persoas maiores.

Outra consecuencia da pandemia provocada polo coronavirus foi que o mercado da vivenda se alterara de tal forma que se desprazou a demanda ás vivendas unifamiliares e preferentemente en zonas rurais. Pero eses efectos parece que están remitindo e as zonas céntricas das cidades volven ser as máis caras. O espazo da TVG confirmarao en en Eirís, na Coruña, e responderá a cuestións como a de quen e como se decide que criterios converten un barrio no máis caro.

‘ZIGZAG’. O espazo cultural Zigzag remata a semana coa visita de Manuel Gago, comisario da exposición Ferrol no tempo, a segunda das mostras que conforman o amplo proxecto Cidades no tempo, que ten como protagonistas ata o ano 2024 as sete principais urbes galegas, co obxectivo de reivindicar a cultura urbana como compoñente clave da identidade galega en xeral.

No caso de Ferrol, esta mostra, que se pode ver na sede de Afundación da cidade departamental, explora a interacción entre o urbanismo, a sociedade e o territorio nunha urbe caracterizada por ser un dos mellores casos de urbanismo ilustrado na Península Ibérica. Así, Ferrol no tempo somerxe os visitantes nunha viaxe a través da historia naval, obreira e ilustrada desta cidade.

LUNS. E xa na xornada do luns, a Televisión de Galicia ofrece o filme documental de Xavier Villaverde María Casares. A muller que viviu mil vidas, que se presentou na Seminci e que hai uns días se estreou en pantalla grande na Coruña, coincidindo co centenario do nacemento desta muller tan fascinante como descoñecida para moitos.

Este filme ten como obxectivo reivindicar a súa figura e achegarlles aos espectadores a vida e o legado dunha muller extraordinaria, que se converteu nunha das intérpretes máis aclamadas do cinema e o teatro francés.

27 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.