Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Incorpóranse setecentas publicacións á Biblioteca Dixital de Galicia, Galiciana

De orixinais que se conservan na Cidade da Cultura e na Miguel González Garcés, están dispoñibles para a súa consulta de balde

Acaban de incorporarse á Biblioteca Dixital de Galicia, Galiciana, preto de 700 novas publicacións, monografías, folletos, mapas, carteis e postais dixitalizados que están xa dispoñibles para a súa consulta de balde. Inclúense desde obras de Emilia Pardo Bazán ata pezas singulares como unha colección de billetes impresos durante a Guerra Civil en diferentes localidades.

As obras dixitalizadas nesta ocasión pola Xunta proceden de orixinais conservados na Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura e na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés.

Ao abeiro deste traballo, por unha banda incrementouse o rango cronolóxico dalgunhas publicacións periódicas xa presentes en Galiciana. Ademais, dixitalizáronse 33 títulos do Fondo Bibliográfico Abanca, incrementándose ata 210 as obras accesibles no micrositio dedicado a esta importante colección dispoñible en Galiciana.

Neste sentido, destaca o único exemplar coñecido da obra Estimvlo para bien obrar‎‎: el qval es vtil y prouechoso para todo buen christiano, compuesto por el Licenciado Francisco de Lara. Procede do Colexio Imperial, centro de ensino da Compañía de Xesús, establecido en Madrid a finais do século XVI.

Este colexio formou a biblioteca máis importante que houbo en Madrid ata o século XVIII, con materiais de estudo, obras de consulta, de investigación, manuscritos das obras que redactaban os xesuítas, donativos e legados de diversos benefactores.

Xa dentro da colección de patrimonio bibliográfico da Biblioteca de Galicia, véñense de dixitalizar 94 títulos de monografías e folletos, os 15 novos títulos dixitalizados de obras de Pardo Bazán, entre eles a edición de 1916 de La última fada, ou as novelas cortas La gota de sangre e Finaprol, publicadas na colección Los Contemporáneos, que saíu a rúa en Madrid na primeira década do século XX.

Todo o fondo bibliográfico dixitalizado ata o momento relacionado con Emilia Pardo Bazán pódese consultar nun micrositio propio dentro da biblioteca dixital, e suman un total de 90 títulos e máis de 23.000 imaxes.

Para conmemorar o centenario do pasamento desta figura fundamental das letras españolas, no 2021 se transformaron a formato ePub para a súa lectura en dispositivos electrónicos doce das súas obras máis destacadas, como El príncipe amado (1884), La Tribuna (1882), De mi tierra (1888) ou La Quimera (1905).

Galiciana. Patrimonio Dixital de Galicia é o proxecto impulsado pola Xunta de Galicia que recompila desde prensa histórica dixitalizada ata recursos das diferentes bibliotecas e arquivos de Galicia.

Inclúe unha parte para os arquivos e outra para as bibliotecas. Nesta, dá acceso xa a 8.667 títulos do patrimonio bibliográfico galego que suman 2.600.000 imaxes.

Dentro delas, a colección de prensa histórica galega dixitalizada alcanza xa as 600 cabeceiras, con algo máis de 1.700.000 páxinas transformadas a formato dixital.

Os títulos de monografías e os folletos son xa máis de 5.200 e outras seccións como a de materiais gráficos están a ser incrementadas, como as 1.019 postais de fondo antigo dixitalizadas ou os 140 carteis que se poden consultar de balde desde a web Galiciana.

cartografías e fotografías
Planos e guías turísticas

···Do fondo Núñez de las Cuevas, especializado en cartografía e ciencias da terra, dixitalizáronse dous folletos editados na Guerra Civil polo bando republicano, con indicacións para os soldados sobre a interpretación de mapas e planos. Outro grupo constitúeno as guías turísticas de Galicia e folletos de festas, editados a principios do século XX e ilustrados con imaxes de artistas como Román Navarro ou Rafael Barros. Outros materiais gráficos obxecto de dixitalización foron 57 carteis do Depósito Legal custodiado na Biblioteca Pública da Coruña e do fondo de materiais especiais da de Galicia.

Postais dixitais de localidades de toda a nosa comunidade autónoma
Inclúense pezas únicas como unha colección de billetes impresos durante a Guerra Civil

Santiago. As postais dixitalizadas recollen fotografías de localidades de toda Galicia saídas dos estudios fotográficos de autores como Lucien Roisin Besnard, fotógrafo francés establecido en Barcelona, ou a saga de fotógrafos tamén franceses, Avrillon, establecidos estes na Coruña.

Orixinario así mesmo de Francia era José Sellier, introdutor do cinematógrafo na nosa comunidade, con estudio na Coruña, do que saen fotografías en formato postal que se poden consultar desde agora en Galiciana.

Ademais, véñense de dixitalizar pezas únicas como unha colección de billetes impresos durante a Guerra Civil española polas Casas del Pueblo de diferentes localidades, destinadas a suplir a falta de moedas que se deu durante este período de tempo rn España, xa que se precisou de todo o metal para destinalo á industria de guerra.

En canto aos carteis, destacan os centrados sobre todo na temática teatral e os dediferentes festas.

A provincia da Coruña queda especialmente retratada neste tipo de documentos gráficos daquela época: as festas populares, os espectáculos e as diversas competicións deportivas que se celebraron nesta provincia a partir do ano 1959 teñen un gran peso neste apartado. redacción

03 abr 2022 / 16:44
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.