Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Infancias truncadas polos conflitos bélicos

Na Atención! O volume que se presenta a continuación só poder ser lido por aquelas persoas que dispoñan da autorización pertinente, xa que se trata de documentación requisada polo Comisariado do Pobo para Asuntos Internos como material probatorio sobre dous cidadáns soviéticos. Esta contén materiais requisados dos imputados Víktor Nikoláievich Danilov e Nadia Nikoláievna Danilova.

Por fortuna para nós, a editorial Sushi Books permítenos o acceso a estas páxinas que abrollaron do maxín de Davide Morosinotto. O escritor italiano baseouse en acontecementos históricos da segunda guerra mundial para crear unha ficción coa fin de recordar a crueza dos conflitos bélicos e “loitar para que nunca se repita”. A obra, que leva por título A cegadora luz de dúas estrelas vermellas. O caso dos cadernos de Víktor e Nadia, está destinada a lectorado mozo e foi vertida ao galego por Moisés Barcia.

Nunha coidada e especial edición, reprodúcense os cadernos de Víktor e Nadia, xemelgos de doce anos nados en 1928 en Leningrado. Nestes mesmos narran as súas vivencias logo do ataque das tropas alemás á URRS en 1941, cando deben coller un tren para, por seguridade, abandonar a súa cidade. Por accidente, parten en trens diferentes: a Nadia asígnanlle o tren 76, que vai até Mga; e a Víktor, o 77, no que chega até Kazán. Alí, instalarase nun kolkhoz, mais non por moito tempo, posto que o rapaz está decidido a acudir na complicada busca da súa irmá.

Os cadernos que cada un foi escribindo pola súa conta, funcionan case a modo de epístola que exerce de testemuño das vivencias de cada un en paralelo. Ademais do escrito polos rapaces, achéganse fotos, debuxos, mapas, poemas e materiais que foron acumulando. Toda esta documentación está agora ao abeiro do Coronel Smirnov, o responsable de investigar os delitos cometidos polos xemelgos. Para isto, anotou toda a información que consideraba relevante para este caso, como se pode ver nas marxes das páxinas, pois el é o responsable de determinar finalmente a inocencia ou culpabilidade dos irmáns e da súa decisión dependen as súas vidas.

A narración de Morosinotto configura unha emotiva mostra dos danos colaterais que exercen os conflitos bélicos na sociedade, especialmente na infancia. Brinda así unha especial oportunidade de reflexionar sobre as múltiples vulneracións de dereitos humanos que se agochan nas guerras e sobre as adversidades que levan a que os cativos perdan de socato a súa inocencia. ela o fixo nesta sentimental novela.

inesmosquerac@gmail.com

22 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.