Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Intelixencia (s)

    Que a intelixencia é selectiva é unha incontestable verdade, ben doada de comprobar. Eu mesmo, que non me teño por parvo noutros respectos, confésome negado para os traballos manuais domésticos, eses que, dende que Leroy Merlín e Bricomart entraron nas nosas vidas, a xente tanto valora, etiquetando a quen os practica con proveito na sublime categoría dos manitas. Particularmente odio as librarías de Ikea, de nomes escandinavos bastante cursis: Kattrup, Merete, Mårde (coidado coa orde das vogais) e por aí, que, segundo indica a caixa, se montan en 45 minutos. Eu milito no partido dos que quintuplican ese tempo e, tras cinco horas, protestan, entre suores e sonoras blasfemias, que á libraría do carallo lle faltan pezas ou lle sobran parafusos. En fin, que cambiar unha bombilla sinala o meu máximo nivel en materia de bricolaxe, que lle imos facer.

    O manitas moderno, tan valorado, ten o seu correlato na cociña, neste caso baixo o cualificativo, tamén diminutivo, de cocinillas. O cocinillas convídanos a cear e, para quen, coma min, as habelencias culinarias comezan e rematan en fritir un ovo, resulta un insondable segredo preparar unha corvina con salsa de chile doce ou un pan de carbón activado ao jackfruit. O peixe sabe a faneca podre e o pan lembra o miolo da broa resesa pero hai que poñer cara de póquer e gabar moito a arte coquinaria do cocinillas, non vaiamos pasar por uns pelandráns, ignorantes das últimas tendencias gastronómicas.

    Di un amigo meu, moi enxeñoso e retranqueiro, que na vida se pode ser moi listo para os polinomios e moi tonto para os recados, unha sentenza que, ademais de ser ben chusca, sinala esa desigual repartición da intelixencia nas persoas. Eu, que, por razóns profesionais, me movo nunha contorna, a universidade, onde sobrancean algunhas persoas listísimas para os polinomios, coñezo outras ás que nunca encargaría un recado, convencido de que farían exactamente o contrario do encomendado. A razón? Acertou vostede, claro: a intelixencia emocional, unha magnitude que, como a outra intelixencia (a puramente intelectiva), é, ao meu xuízo, tamén inherente ás persoas e, se non se ten, mal pode adquirirse. No coñezo cousa máis inútil que eses cursos para desenvolver a intelixencia emocional, impartidos normalmente por falabaratos: na maior parte dos casos, e falo do que levo experimentando moitos anos, non se pode desenvolver o que non se posúe. Lembro un excelente investigador da casa que un día me preguntou que era o karaoke. Dixen para min que é difícil vivir tan absolutamente divorciado da vida real, para alén das lindes dun laboratorio, as probetas e o microscopio.

    Xa postos, eu creo que na vida é infinitamente máis importante, por rendible, ser listo para os recados que para os polinomios, unha convicción que, sen medias tintas, traslado a todo o alumnado que fai as súas prácticas na editorial universitaria. Alguén ben listiño, claro, ten que fabricar a lavadora pero alguén, en certo sentido máis listiño aínda, ten que vendela. Non digo que editar un libro con esmero non teña mérito. Pero convencer a alguén de que o merque, iso si que ten, dicimos en galego, o seu aquel.

    04 jun 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.