Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

‘Intersección’ converte A Coruña no centro neurálxico da arte audiovisual europea

A terceira edición do festival propón unha programación con tres focos, adicados a Tatiana Macedo, Juan Lesta, Belén Montero e o audiovisual croata

A CORUÑA. Este martes, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o deputado de Cultura da Deputación, Xurxo Couto e o director de INTERSECCIÓN, Gonzalo E. Veloso, presentaron a terceira edición do festival na Fundación Luis Seoane xunto coa súa directora, Silvia Longueira. No acto tamén estiveron presentes Juan Lesta e Belén Montero, coruñeses do colectivo artístico DSK, a quen o festival homenaxea adicando un dos seus focos.

Nesta edición, que se celebra entre o 28 de outubro e o 1 de novembro na Fundación Luis Seoane da Coruña, o festival aposta pola presencialidade para reforzar os encontros coas audiencias e tecer redes entre profesionais das artes. Cunha proposta que pon a mirada sobre o audiovisual europeo contemporáneo, INTERSECCIÓN convírtese na súa terceira edición en punto de encontro entre a arte audiovisual galega e a europea.

Nas circunstancias atípicas nas que ten lugar, o festival consolídase na súa terceira edición coma un dos encontros imprescindibles de arte audiovisual contemporáneo no noso país. A cidade da Coruña será, durante cinco días, lugar de encontro de artistas, comisarias, galeristas e profesionais da arte en xeral, galegas e internacionais.

Inés Rey, a alcaldesa da Coruña, sinalaba que “a arte audiovisual é cultura, é talento, creatividade e a pesar da crise segue adiante, porque ten unha traxectoria que o avala. O Goberno local aposta polo sector; por unha industria que nos deu moitas satisfaccións e que debemos coidar, porque ademais do seu indubidable valor artístico, xera emprego e riqueza económica”.

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, destacou o alto nivel da creación contemporánea no ámbito do audiovisual, “un panorama onde se dan man propostas de corte tradicional, apegadas á identidade tamén, con outras máis arriscadas que nos situarían á vangarda das artes da imaxe”. Neste sentido, defendeu o sector como “estratéxico e de especial relevancia para o obxectivo de exportar cultura que, ao noso ver, é unha das nosas riquezas como país”. Destacou, desta maneira, o apoio decidido da área de Cultura da Deputación da Coruña non só aos festivais do sector senón tamén á difusión de producións galegas ou á creación.

Xurxo Couto aproveitou a súa intervención para felicitar á organización de Intersección, que aposta pola continuidade dunha proposta que se converteu en referencia da arte audiovisual en só tres edicións e animounos a seguir producindo cultura en tempos tan complexos.

Nunha edición cunha forte presenza de Portugal e de Croacia, INTERSECCIÓN non só aposta pola internacionalización da súa programación senón que o fai sen esquecer a importancia de programar audiovisual galego que, ademais de gozar du bo estado de saúde, aumenta a súa presenza no festival por por terceiro ano consecutivo.

Gonzalo E. Veloso, director do festival, explicaba: “INTERSECCIÓN non só amosa o que se atopa no espazo que hai entre a arte contemporánea e o audiovisual senón que ademais tende pontes entre as profesionais que traballan neles; entre as artes e as súas audiencias e, finalmente, entre Galicia e o resto de Europa. Para nós é importante ser permeables coa producción artística internacional pero tamén ollar cara adentro e observar atentamente o que pasa aquí en Galicia”.

“Ademais de programar autoras xa consolidadas como Tatiana Macedo, Juan Lesta e Belén Montero ou Igor Grubić, cuxas obras foron expostas en institucións coma ARCO Lisboa, o Centre Pompidou e a Tate Modern respectivamente, parécenos moi importante dar espazos de visibilizacion a artistas novas, sobre tendo en conta as novas voces que se están formando no noso país”, engadiu o director.

Silvia Longueira apuntou: “fai catro anos comenzamos a darlle forma a un proxecto que tiña como premisa principal visibilizar a creación audiovisual galega no eido da arte contemporánea en relación ao escenario internacional así coma ser unha ferramenta útil para amosar o ámbito creativo que bascula entre os centros de arte, as salas de exhibición e os certames e mostras de cinema e creación audiovisual”.

“Nesta cidade a capilaridade creativa neste eido veu da man da Escola de Imaxen e Son e dos magníficos profesionais que lle deron e lle seguen a dar un plus a encontros coma INTERSECCIÓN, o S (8) ou o programa IN-PUT e que, apoiados pola Fundación Luis Seoane, divulgan o traballo de artistas coma Belén Montero e Juan Lesta e actúan de palanca para novos creadores. Agradezo especialmente a Gonzalo Veloso que dese unha resposta sólida a esta proposta que lanzamos desde a Fundación Luis Seoane por primeira vez fai tres anos”.

INTERSECCIÓN tivo que adaptarse á nova situación sanitaria incorporando un protocolo especial de prevención que garante a seguridade de todas as persoas asistentes. Para o festival é moi importante amosar que a cultura non só é un lugar seguro senón que ademais é necesario.

INTERSECCIÓN, III FESTIVAL DE ARTE AUDIOVISUAL CONTEMPORÁNEA

Esta edición conta con tres focos nos que o festival pon o acento: o foco á portuguesa Tatiana Macedo, ao colectivo DSK (Juan Lesta e Belén Montero) e á arte audiovisual croata. Ademais da sección Galcia, xa presente en edicións anteriores, súmanse este ano as novas seccións Escolas e Contemporánea. As tres seccións teñen carácter competitivo e reúnen obras recentes de artistas novas e consolidadas tanto galegas coma doutras nacionalidades.

Serán cinco días consecutivos de proxeccións, performances, encontros profesionais, masterclasses, mesas redondas e o LAB, un espazo de desenvolvemento de proxectos artísticos.

No marco dunha edición na que Portugal e Croacia teñen un papel destacado, terán lugar encontros de profesionais galegas, portuguesas e croatas apoiados polo Instituto Camões, o proxecto 0101_GNP_AECT_1_E INTERREG VA, promovidos polo AECT da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal e polo HAVC (Instituto Audiovisual Croata), respectivamente. Ademais, o festival contará coa primeira visita oficial en Galicia da Embaixadora de Croacia en España, Nives Malenica.

O festival conta co patrocinio e co apoio de organismos públicos e institucións privadas entre as que destacan a Deputación da Coruña, a Fundación Luis Seoane, o Ministerio de Cultura, AC/E, a Eurorrexión GNP - AECT, o Insituto Camoes, o HAVC (Instituto Audiovisual Croata), Gadis, Alhambra, Audi Arrojo, A Colectiva, Contemporánea, AGAC e CREA.

20 oct 2020 / 14:18
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.