Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

INTERSECCIÓN exhibirá obras de máis de vinte artistas galegas

A cuarta edición do Festival de Arte Audiovisual Contemporáneo celebrarase entre o 22 e o 31 de outubro

A Coruña. A cuarta edición de INTERSECCIÓN - Festival de Arte Audiovisual Contemporáneo, que se celebrará entre o 22 e o 31 de outubro, apoia a creación contemporánea de Galicia exhibindo obras de máis de 20 artistas galegas e colaborando con tres galerías da Asociación de Galerías de Arte Contemporáneo de Galicia. Como novidade desta edición, INTERSECCIÓN propón unha nova sección, Conexión Atlántica by 1906, unha maridaxe de arte contemporáneo, gastronomía e cervexa.

Galicia. A sección galega do festival aposta, unha vez máis, por unha selección de obras heteroxéneas en canto a estilos, formatos e perfiles. En palabras de Sara Donoso, unha das programadoras do festival, “nesta edición, tras máis dun ano tratando de asimilar unha nova situación de pandemia mundial que puxo en evidencia o estado natural das dinámicas sociais, interesámonos por aquelas miradas que introducen discursos sobre o espazo e os seus tránsitos, da súa construción social e política, pero tamén poética”. Así, os traballos de Sabela Eiriz, Acacia Ojea, Blanca Rego, Ruth Montiel, Alejandra Pombo, Carme Nogueira y Santiago Talavera, cuestionan o estado xeral das cousas e propoñen outras formas posibles de habitar: dende o dixital, o distópico, o íntimo ou o espectral.

Conexión Atlántica by 1906. INTERSECCIÓN estrea a sección Conexión Atlántica by 1906 que, patrocinada por Cervezas 1906, propón a fusión do arte, a gastronomía e a cervexa para aproximar ao público a outros medios de investigación e experimentación plástica e sensorial. Retallos ao azar, de Iria Vázquez, é a performance que da inicio a Conexión Atlántica. O traballo da artista e o de Iván Domínguez, chef de NA-DO, dialogan nunha maridaxe de arte e gastronomía.

Contemporánea. Como en edicións anteriores, para a sección Contemporánea, INTERSECCIÓN alíase con galerías que forman parte da Asociación de Galerías de Arte Contemporáneo de Galicia. Nesta ocasión, a galería Nordés propón as obras de Narelle Jubelin y Helen Grace; Metro, unha de Lúa Gándara e Vilaseco, unha de Rodríguez-Méndez. Os traballos seleccionados propoñen situacións que nos convidan a ver máis alá do que parece que sabemos e a cuestionar a nosa forma de mirar o mundo.

Escolas. A sección Escolas é un espazo que busca visibilizar e incentivar o talento emerxente que se desenrola nas interseccións das artes. A Galería Solaina, co-organizadora da sección nesta edición, convidou ás participantes da convocatoria a reflexionar nas súas obras no entorno á dicotomía Ciudad vs Rural. Das obras recibidas seleccionáronse 15 pezas de distintas disciplinas. Así, os traballos de Adrián Salgueiro, Ana Sánchez, Antón Zaera, Cinema Semente, Cristina Chiarroni y Rokekes, Daniel Emmanuel Iglesias, Daniel Selas, Elvira Martos, Inma Veiga, Laura MS, Lil Chachi, Nora Galván, Santiago Barandiaran, Seares y Telarete móstranse agora nunha exposición colectiva que reúne diferentes perspectivas do rural.

LAB: mesa de traballo para proxectos artísticos. Despois de estar presente en dúas edicións anteriores, o LAB consolídase como lugar de encontro para persoas de diverso perfil e intereses, implicadas no desenrolo de proxectos artísticos, para facer unha posta en común dos mesmos. Coordinada polo artista Enrique Lista, as artistas seleccionadas para formar parte desta mesa de traballo son Gari Arambarri, Maite Redondo y Judith Adataberna, que poderán debater xuntas sobre os recursos e estratexias que permitan facelas avanzar.

INTERSECCIÓN - Festival de Arte Audiovisual Contemporánea focaliza a súa programación en obras que se atopan no cruce do arte contemporáneo e o cine de vangarda, abarcando unha gran variedade de formatos, técnicas e linguaxes. Tras tres edicións, celebradas en 2018, 2019 e 2020, INTERSECCIÓN xa está consolidado coma encontro para a comunidade artística e o público. Polo festival pasaron artistas como Salomé Lamas, Dora García ou Tatiana Macedo e nel téñense proxectado obras de artistas internacionais coma J.P. Sniadecki ou Kevin Jerome Everson e galegas coma Juan Lesta e Belén Montero, Carla Andrade, Ignacio Pardo, Eduardo Valiña, Lara e Noa Castro, Carme Nogueira, Edu Fernández, Vicente Vázquez, Verónica Vicente ou Alberte Pagán.

Ademais das proxeccións, INTERSECCIÓN complétase con actividades de xeración e transferencia de coñecemento, de formación específica e de diálogo cos diversos públicos, entre os que se atopan investigadoras, galeristas, comisarias e demais profesionais, así coma a cidadanía en xeral. INTERSECCIÓN - Festival de Arte Audiovisual Contemporáneo está financiado, entre outros, polo Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, AGADIC e o Ministerio de Cultura, AC/E - Acción Cultural Española y el ICAA

17 oct 2021 / 13:29
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.