Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Investigadores da USC destacan nos premios Ernesto Viéitez Cortizo

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) falla uns galardóns que serán entregados nun acto o vindeiro mércores 27 na capital galega

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) falla os Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2021, que este ano cumpren a súa trixésimo primeira edición con catorce traballos presentados nas dúas modalidades: traballo de investigación realizado por investigadores sénior, dotado con 6.000 euros, e traballo de investigación para incentivar a promoción de mozos investigadores menores de 30 anos, dotado con 2.000 euros. Os premios serán entregados nun acto o vindeiro mércores, 27 de outubro, no Pazo de San Roque en Santiago ás 19:00 horas.

O proxecto recoñecido nestes galardóns na modalidade de traballo de investigación realizado por investigadores sénior céntrase no paradigma da criptografía post-cuántica co deseño de esquemas homomórficos máis eficientes e seguros fronte a futuros ataques cuánticos.

O equipo galardoado está formado por Alberto Pedrouzo e Fernando Pérez González, membros do centro atlanTTic da Universidade de Vigo (UVigo); un investigador pertencente á Escola Politécnica Federal de Lausana (EPFL) en Suíza, Juan Ramón Troncoso; e Nicolás Gama e Mariya Georgieva da empresa Inpher.

O proxecto premiado neste 2021 na categoría de investigadores mozos menores de 30 anos foi para o traballo Nanosistemas baseados en quitosano como plataforma de administración de vacinas fronte ao neumococo.

O equipo investigador premiado está composto por Sandra Robla, do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago (USC); Maruthi Prasanna, investigadora da Unité Fonctionnalité et Ingénierie des Protéines (UFIP) da Universidade de Nantes e do CiMUS; Rubén Varela, do departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular da USC; Cyrille Grandjean da UFIP da Universidade de Nantes; e Noemí Csaba do CiMUS da USC.

Sandra Robla agradece esta distinción á RAGC ao “recoñecer a actividade e o traballo que hai detrás e que suporá un gran impulso para continuar promovendo e apoiando a investigación e a ciencia en Galicia”.

A RAGC distinguiu tamén con mencións honoríficas a investigadores da USC.

Concedeu unha mención na modalidade de traballo de investigación a un proxecto sobre bacteriófagos e a evolución bacteriana. Os autores principais deste estudo son o doutor Javier Dubert, da USC; a doutora Fatima Hussain e o profesor Martin F. Polz, do Instituto Tecnolóxico de Massachussets (MIT); e a doutora Fréderique Le Roux, do CNRS francés.

O mesmo Dubert explica que os bacteriófagos (fagos ou virus que matan bacterias) son as entidades biolóxicas máis abundantes na Terra e xogan un papel fundamental en ecoloxía microbiana, xa que estes virus infectan bacterias de maneira específica.

mención
Promoción de mozos de ata 30 anos

··· A RAGC concede tamén unha mención honorífica na modalidade de promoción de mozos investigadores menores de 30 anos a un traballo sobre enxertos óseos sintéticos. O equipo recoñecido está composto polo investigador Víctor Santos, do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Facultade de Farmacia da USC; Beatriz Magariños (Farmacia da USC); Ricardo Starbird (Costa Rica); Javier Suárez (Univ. de La Laguna); José Bruno ( La Laguna;) e Carmen Álvarez e Carlos Alberto García, do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC.

22 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito