Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Iván Prieto ensalza a beleza da diferenza en ‘Humano’

As esculturas que amosa na ourensá sala Alterarte empoderan e democratizan o corpo deforme, segundo a crítica Fátima Otero

As obras que configuran a mostra Humano, inaugurada onte na ourensá sala Alterarte do campus universitario, configuran un relato autobiográfico do escultor Iván Prieto (O Barco de Valdeorras, 1978), posto que segundo a súa comisaria, Fátima Otero, “aborda problemas que aflixen ao artista e, por extensión, inquedan ao cidadán”.

A crítica de arte e curadora –como así se define aos comisarios de cada unha das mostras do proxecto colectivo Estado crítico– considera que “as súas esculturas exhiben rarezas afortunadamente aceptadas e valoradas desde o século XX por consideralas tan humanas como calquera das normalidades, e tentando con iso atopar no estraño un novo lugar”.

Desde o seu punto de vista, “o barquense ve beleza na diferenza, como un xeito de rachar límites e imaxinar formas extremas”.

Unha visión que, ao seu xuízo, “empodera e democratiza o corpo deforme, ora su-bíndoo á peaña da fama, ora enxalzándoo e valorando, precisamente, o defecto físico como un atributo máis do fabuloso circo humano”.

“As súas esculturas, comenta, exhiben sen pudor esas rarezas e, en ocasións, a través de poses moi teatrais”, e semellan establecer “unha relación de irmandade, malia a súa singular individualidade, conformando unha gran familia que nos seduce porque nela nos recoñecemos”.

Na presentación da mostra, engade que “os seus torsos ou figurinos desvelan problemas físicos xunto a trastornos psicolóxicos, como hipersensibilidade ou imaxinación mórbida, evidentes opresores do individuo”.

Considera que trátase de “figuras anómalas que, ás veces, multiplican membros ou portan incómodas protuberancias inflamando ouvidos, testa ou expandindo desde o tórax incómodos elementos; incitan atracción e curiosidade como portadoras de misterios nos que albiscar”.

En definitiva, a crítica de arte apunta que as esculturas de Iván Prieto xa expostas en Ourense “son metáforas de estados de cegueira, enxordecemento, opresión ou outro tipo de bloqueo emocional, que nalgún intre sentimos como humanos, sobre todo nos tempos que nos toca vivir”, gravemente marcados pola pandemia do coronavirus.

Aberta ata o vindeiro 21 de xaneiro na sala Alterarte do pavillón Concepción Ramón Amat do campus universitario de Ourense, o horario de visita é de luns a venres entre as 09.00 e as 21.00 horas.

O proxecto Humano é o décimo traballo artístico en facerse realidade do total de quince programados nesta cuarta edición da iniciativa colectiva Estado crítico. O acto foi restrinxido pola pandemia e asistiron, entre outros, Xosé Manuel Buxán, decano da Facultado de Belas Artes de Pontevedra.

31 oct 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.