Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

José María Besteiro: “Hai que traballar por obxectivos e non por horarios”

Están recentes as eleccións autonómicas con maioría absoluta e caras novas. Considera que para mellor?

Creo que volver ao mapa do 97 é unha excelente noticia. Entendo que o noso país vai por diante do resto de España xubilando ao Marqués de Galapagar. Feijóo fai a mesma política socialdemócrata que practicaba Felipe Gónzalez e por iso consegue o visto bo da inmensa maioría dos galegos. Incluso de galeguistas que non votan ao Bloque porque saben que detrás está a UPG e que están aliados con ERC e con Bildu. Tamén hai moitos militantes do Partido Socialista que votan a Feijóo porque son demócratas antes ca socialistas e ven con horror como este desastre chamado Pedro Sánchez dilapida todo o crédito acumulado polo seu partido ao longo de décadas. Pacta co demo con tal de seguir no poder.

Aínda colean os amargos estertores . Que debemos facer?

Ser extremadamente prudentes porque aínda non hai vacina. A mellor forma de ser solidario é levar máscara e seguir as indicacións das autoridades sanitarias. Se todos achegamos o noso gran de area, o risco diminúe exponencialmente e pódese manter a actividade laboral e empresarial. Volver pechar todo sería un desastre. Entendo que como na tele deron unha información sesgada e sen mortos nas pantallas, a xente aínda non é consciente dos enormes riscos que corremos.

Practicou o teletraballo? Con que resultados?

Eu levo traballando a distancia dende 1999, cando fundei a miña empresa, así que apenas notei o cambio porque desde hai vinte anos só ía de visita ás oficinas da produtora ou ao plató. E nos dous anos que vivín en Miami entre o 2008 e 2010 xa tiña claro que se podía dirixir unha empresa sen estar presente fisicamente. A pandemia creo que vai acelerar un proceso que era inevitable. Gástase moito tempo e moita gasolina en ir a traballos onde non é necesaria a presenza física. Hai que traballar por obxectivos e non por horarios. No meu caso non notei nada porque xa estaba pechado escribindo un libro desde xaneiro e confinado coma un monxe. Salvo ir nadar, que é o exercicio que fago a diario, apenas notei ningún cambio porque me traían a compra á casa.

Cambiarán moito as súas vacacións?

Hai quince anos que, grazas precisamente ao teletraballo, vivo en Perbes de xuño a setembro. Este ano xa levo aquí desde o once de maio, cando levantaron o confinamento. Se non fora porque o meu fillo menor aínda está en idade escolar, non me importaría vivir nesta casa todo o ano.

Que se pode facer nun mundo tan desigual con millóns de persoas sen recursos tras a pandemia?

Non son un especialista na materia, entón non me gusta opinar como se fose un tertuliano, que saben de todo. Como dicía Juan Ramón Jiménez, amo o campo, pero non me pida que deseñe a reforma agraria. Entendo que crear empresas é a mellor maneira de acabar cos pobres. Xa decía Olof Palme que non hai que acabar cos ricos, senón cos pobres. Os seres máis solidarios son os que crean máis postos de traballo. Neste sentido leo con moita atención experiencias como as dos microcréditos que se conceden na India. Tamén son partidario das axudas sociais e dos subsidios sempre e cando non se convirtan nunha maquinaria de comprar votos nin de fabricar parados. O PSOE gobernou corenta anos en Andalucía grazas, en gran medida, aos famosos PER.

Para quen o seu aplauso e quen merece o seu rexeitamento?

Para os sanitarios e o sector servizos o aplauso. Agora entendemos o verdadeiro valor de cousas nas que a menudo non reparamos. Insisto en que non é posible que sexa máis cara unha botella de auga mineral que unha de leite. Para os que cobran subsidios e seguen traballando en negro, todo o meu rexeitamento. Este é o país da picaresca. Hai xente honrada que ata que encontra traballo merecería non 900, senón 1500 ou 2000 euros ao mes, para manter con dignidade a toda a súa familia, e outros que cobran 900 que deberían estar no cárcere porque son estafadores de libro. Tamén considero que quen cobra subsidios do Estado debería levar a cabo traballos sociais, ainda que só sexa facendo compañía á xente da terceira idade. Ninguén pode cobrar por estar na casa vendo Kaka de luxe ou como leches se chame o programa ese de Jorge Javier. Iso é fatal para a cabeza.

O uso das máscaras levanta polémica ...

Persoalmente penso que o estado de alarma foi usado polos que lle reclamaban transparencia a Rajoy para facer o que lles veu en gana. Temos un goberno de España que non goberna, senón que fai marketing. E así nos vai. Este é un país que vive instalado na demagoxia e non nos datos. Estamos moito peor que con Rajoy e hai xente que aplaude coas orellas. Está pasando, pero non o estamos vendo. Un desastre. Dito esto, teño que recoñecer que foi unha sorte que os Picapiedra estiveran no poder porque do contrario incendiarían o país. Repase os videos do que lle fixeron a Rajoy co Ébola. Cando Pablo Iglesias na súa condición de vicepresidente dixo que se facía cargo das residencias da terceira idade, respirei tranquilo. É un xestor impresionante. Se De Guindos gasta 600 mil euros en comprar un ático é un puto capitalista, pero se eses 600 mil euros son gastados por Pablo en comprar un chalet, enton é unha inversión para toda a familia. Impresionante. Pasa o mesmo cos escraches.

Teme que as consecuencias económicas poidan variar ?

Teño claro que esquecemos moi pronto e que non aprendemos nada. Non hai máis ca darse unha volta polas praias. Eu son de datos, non de opinións . Saíndo da ruina na que nos deixou Zapatero, Rajoy creou 3 millóns de postos de traballo. Seguro que a reforma laboral precisa unha manicura, pero desde logo que non se poden cortar as unllas cunha motoserra, que é o que quere Podemos. Agora as cousas son moito máis complicadas. O problema é estrutural: Europa vai camiño de ser o parque temático de China.

Cre que, como indica unha enquisa, os mozos de hoxe vivirán peor que os seus pais?

Os nosos fillos asisten a unha das transformacións máis grandes e rápidas da historia da humanidade, así que terán que remar duro para non afogarse, pero estou seguro de que ao longo da súa vida, cando as cousas asenten, volverá a bonanza. A Historia é cíclica.Eu nacín na Idade Media, con xente que che contaba que de neno pasara fame, así que case todo o que vexo agora me parece moito mellor. Ademais, xa estou de retirada porque frente os nativos dixitais síntome como as dilixencias cando chegaron os trenes. Só sei que os veciños supostamente pobres que tratei na miña infancia de Riotorto non eran menos felices ca os meus veciños do barrio no que vivo na Coruña. Creo que a calidade de vida non só se mide en termos económicos. Relacionar a felicidade só co tema económico é un dos graves erros da época que vivimos.

En que orde de preferencia situaría familia, profesión, estudo, relevancia social ou amigos?

Saúde, familia, amigos. O resto é todo moi relativo. Hai xente que prefire ter un BMW diante da porta en lugar du bo colchón para dormir pracidamente.

En que proxecto está centrado?

O ano pasado, despois de 37 traballando, decidín pechar a persiana da produtora para dedicarme soamente a ler e escribir, de maneira que agora son amo de casa e do meu tempo, e escritor cando non cociño. Estou escribindo un libro sobre Álvaro Cunqueiro, o home que me ensinou a escribir os meus soños, un gran descoñecido. Curiosamente, o home que fixo que o galego durase mil primaveras máis e que escribía en galego cando facelo era chorar, foi “obsequiado” polos nacionalistas cunhas galiñas cando o nomearon Doctor Honoris Causa pola Universidade de Santiago. Case medio siglo despois da guerra civil. Son os mesmos que queren resucitar a memoria histórica. Porca miseria.

Algunha persoa tivo influencia na súa vida? Cal é o mellor consello que recibiu e de quen?

Meu avó José María Cabanas ensinoume a soñar, miña nai Alicia a querer e meu pai Emilio a emprender. Non se pode pedir máis. Según o fagades así o veredes, decíannos as miñas irmás Aurora e Susi, e a min. Tamén aprendo moitas cousas cos meus fillos. Como dicía Cunqueiro, a nosa existencia é unha flor que nace á beira do camiño (en Riotorto decimos camín, pero o meu fillo Marcos di que non falo ben o galego porque non é normativo ) e nunca se sabe se acabaremos decorando a coroa dunha princesa ou esmagados pola roda dun coche. Salvo tres graves accidentes de coche, dous divorcios, unha operación de corazón, un infarto cerebral, e vivir en máis de vinte casas, a miña vida foi un conto de fadas.

18 ago 2020 / 00:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito