Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Julia Lago gaña o premio Castelao da Deputación da Coruña

No súa obra de banda deseñada ‘Nós Seis’ recrea a infancia nun internado franquista

A Coruña. A obra Nós Seis da coruñesa Julia Lago (A Coruña 1994) é a gañadora do XVI Premio Castelao de Banda Deseñada que convoca a área de Cultura da Deputación da Coruña. A que será a primeira obra individual da autora recrea a historia de represión dunha nena ferrolá nun internado no franquismo que é a súa propia avoa.

O xurado composto por Manuel Pena, Matilde Rodríguez, José Pío Barreiro e os gañadores da edición anterior Begoña García-Alén e Andrés Magán, con deputado de Cultura Xurxo Couto como presidente e a xefa de servizo, Mercedes Fernández Albalat, como secretaria decidiu, por unanimidade, premiar a obra da autora Julia Lago.

O xurado estima que a obra “destaca por ter un tratamento maduro, unha composición fluída e ben secuenciada a través dun debuxo de síntese moi efectivo”. Destaca tamén o tema elixido pola autora “polo xeito e como aborda a situación da muller, é unha reflexión sobre a represión durante a ditadura que supón un exercicio moi necesario de memoria histórica, baseado nunha historia real”.

Na obra, a autora relata a historia dunha nena ferrolá que vive nun internado do franquismo dos anos cincuenta que é a súa propia avoa, que hoxe conta con 89. “ Dentro dun breve período de tempo cambiou tanto o contexto que me parece importante tomar conciencia do valor do traballo e da rebeldía de persoas como Mercedes, que non se dobregaron baixo normas opresivas e misóxinas, e conseguiron, grazas á súa resistencia, que hoxe en día sexan consideradas como o que son: represoras, machistas e alienantes”, afirma a autora do obxectivo co que creou a súa obra que busca tamén “coñecer os piares sobre os que están construídos os valores arraigados na sociedade española (machismo, pudor, complexos)” co fin de contribuír a “eliminalos da nosa programación”, di.

SOBRE A AUTORA. Julia Lago, A Coruña 1994. Estudou Belas Artes entre Pontevedra e Granada, e Ilustración e Deseño en Valencia. A súa primeira publicación de banda deseñada foi este mesmo ano, da man da Universidade de Vigo. Combina a ilustración co traballo de xestión no taller de gráfica Laconcongrelos, na Coruña, onde desenvolve a súa obra autoeditada.

SINOPSE DA OBRA POLA PROPIA AUTORA. Nós Seis é a historia dunha nena ferrolá (demasiado rebelde para a súa época) que, nos anos 50, entra a estudar nun internado de Valladolid para continuar os seus estudos e converterse nunha “moza de proveito”. O título fai referencia ao nome que as monxas lle atribuían ao seu grupo de amigas, que tiñan libros, cadernos e pupitres decorados coas iniciais “NS”. Estas iniciais convertidas no seu selo, ocultaban en realidade unha sublevación secreta que facía referencia ao Non Serviam de Lucifer.

Esta sublevación era a vía de escape dun grupo de seis nenas, que retraídas do mundo real e dunha infancia normal nun internado católico da España de posguerra, exploran calquera vía posible para eludir o réxime de rixidez alienante e opresiva que rexía a vida no convento. Ao longo da historia relátanse diferentes escenas onde observar como se pretendía desde a igrexa católica que fose a vida das mulleres naquel momento.

Esta nena ten hoxe 89 anos, teño a sorte de que sexa a miña avoa, e foi quen me contou estas historias.ecg

15 jun 2021 / 17:12
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.