Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Laura e Alejandro son esta semana os protagonistas

O programa ‘A Revista’ falará do Día Internacional da Pel de Bolboreta e das crecentes dificultades para alugar vivendas

Laura, unha artista polifacética asentada na Coruña, prepararalle hoxe, nunha nova entrega do programa 48 horas para o si, unha pedida de man e unha voda por sorpresa ao seu mozo Alejandro, banqueiro de profesión, pero coleccionista de antigüidades de corazón.

Para este reto Laura contará coa axuda do seu irmán Rafa, que a acompañará na busca dos mellores preparativos para o día da voda, mentres Alejandro pensa que está a grabar un programa sobre o seu local.

Por se xa non fose complicado de abondo preparar un casamento en 48 horas, a noiva terá un obstáculo adicional: traballa no mesmo local que Alejandro e iso fará que as sospeitas aumenten.

A REVISTA. No Día Internacional da Pel de Bolboreta, A Revista achegarase a esta enfermidade rara, xenética e incurable, caracterizada pola extrema fraxilidade da pel e as mucosas ante o máis mínimo roce, causando ampollas, feridas, desprendemento da pel e dor en todo o corpo. Para isto, o programa contará coa presenza de Quico Muñoz, pai dunha nena de 10 anos da Mariña que convive con esta doenza desde que naceu.

O espazo da TVG tamén se preocupará polas dificultades crecentes para atopar vivendas en alugueiro tras a pandemia. As capitais estanse a quedar sen unha oferta que se reduciu a máis da metade desde 2014 e os prezos dispáranse cada vez máis. O presidente de Agalin, a Asociación Galega de Inmobiliarias, Carlos Debasa, estará no estudio para abordar esta problemática.

Por outro lado, A Revista seguirá hoxe afondando nos ciberdelitos e as ciberestafas, unha realidade que cada vez sofren máis persoas, da man da voceira da Policía Nacional, Inés Amor, e do inspector xefe do grupo de investigación tecnolóxica, Santiago Reboyras.

Ademais, a presentadora de A Revista, Loly Gómez, falará co presidente da Federación Galega de Loita, José Luis Olazábal, sobre os nove mundiais desta disciplina deportiva que se celebraron durante este mes en Pontevedra, entre eles, as probas universais de grappling e grappling gi e as de catego-
ría sub-23 de loita olímpica,
feminina e grecorromana.

DOCUMENTAL.Nunha nova noite de estrea documental, este martes chega á segunda canle da Galega Aí vén o maio, un microdocumental de memoria poética e musical sobre o primeiro disco de Luís Emilio Batallán, publicado en 1975.

Trátase dun proxecto que busca dar a coñecer, da man do compositor e cantautor, o significado deste traballo, así como historias e detalles sobre a época que hai detrás de cada canción e referencias á relación cos poetas autores dos textos sobre os que se compuxeron os temas do disco, dos que neste documental se poden escoitar novas versións do propio Batallán.

Nel, o artista fai un percorrido polas dez cancións do seu mítico disco ‘Aí vén o maio’, interpretándoas en acústico e compartindo as motivacións, inquedanzas e anécdotas que o levaron a facer deste disco o máis vendido da historia de Galicia.

ZIGZAG.Os membros do grupo Familia Caamagno estarán hoxe no estudio de Zigzag para presentar o seu novo e agardado disco, que leva por título O mundo está derrotado, composto por oito cancións que navegan desde os confíns do garage ata o power pop máis delicado e co que conseguen enlazar novas ideas e sons cos seus proxectos anteriores, pero sen deixar de lado a experimentación e as ganas constantes de descubrimento. Trátase dun disco nostálxico, cómico e político a partes iguais, que nace dunha situación excepcional.

25 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.