Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Leccións de galeguismo a un galego da aldea

    Querido Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Ligüística.

    Moitas grazas polo teu interese nos meus artigos e parabéns pola detallada exposición da vida e obra de Pilar García Negro aínda que xa era ben coñecida por todos, especialmente polos que seguimos a política galega dende hai moitos anos. A valoración da evolución do seu discurso ó longo das últimas décadas non vai ser obxecto destas liñas, e o seu artigo ó que fas referencia está ahí para que todos o poidan ler e sacar as conclusións que estimen, tendo en conta iso sí as túas importantes aportacións-homenaxe. O que si botei en falta no teu texto foi o mesmo grao de pormenorización e detalle na análise do contido do seu artigo, obxecto desta polémica e impropio da súa traxectoria, impregnado de demagoxia, falsas acusacións persoais, análise de galeguidade según apelidos, e ¿Floyd? Un mal día teno calquera.

    Quero pensar que obviaches estas cuestións involuntaria e inocentemente posuído polo espírito irracional de un fan entregado, mais ten en conta que se queres ter credibilidade nas túas análises deberás mostrar maior dose de imparcialidade. Dito isto e tal como comecei dicindo na intervención anterior, reitero o meu recoñecemento á súa labor e á súa valentía na defensa da lingua, deixando aparte os excesos dialécticos e a distancia ideolóxica que nos separa.

    Indo á cuestión que nos ocupa:

    Nós, os que aprendemos galego na aldea, os que o usamos cos nosos amigos da infancia e o berramos nos campos de fútbol de terceira rexional, nas romerías das parroquias, nos ríos, nas fontes e nos regatos pequenos, sentímonos incomodados polos que pretenden apropiarse do monopolio da defensa da nosa lingua e se cren lexitimados para darnos leccións de moralidade. Precisamente a nós, os que falamos a lingua das traballadoras galegas, dos labregos, das gandeiras, dos mariscadores... e da grande maioría de galegofalantes de toda a nosa xeografía, cos seus costumes e particularidades zonais: a gheada, o seseo, os castelanismos recoñecidos oficialmente e os lusismos obviados pola norma.

    Algúns, cegos de realidade e faltos de consciencia, en canto escoitades a alguén dicir que o galego rural estivo discriminado e infelizmente asociado a ambientes “pouco cultivados e economicamente pobres” botades as mans á cabeza, sinalades e dicides que estamos cheos de prexuízos e condicionamentos. Mais sentíndoo moito eu falo dunha realidade sociolóxica que vin, vivín e sufrín. Coñezo ben o mundo rural porque medrei no seu berce e porque a miña nai leva toda unha vida defendendo activamente os seus dereitos sen levar o máis mínimo proveito económico ou político.

    Por si esto fora pouco, actualmente pola miña carreira como asesor de márketing e estratexia corporativa, teño a sorte de coñecer parte do tecido empresarial galego. Pódoche dar boa fe da ausencia da nosa lingua nun mundo onde a partir de certo nivel nin está nin se lle espera.

    Sendo así entenderás que dubidemos das receitas aplicadas ata agora. O galego actual da Real Academia está lixeiramente desconectado dos galegos, fanse algúns progresos, certo, pero camiñanse dous pasos e atrásanse tres porque ademáis da pasividade dalgunhas institucións, hai unha acusada falta de percepción de utilidade do galego por parte da poboación que habería que revertir e non se está conseguindo coa normativa actual, cociñada e alonxada da nosa lingua nai. Inda así é a oficial e debemos respetala.

    A novidade deste momento é que agora algúns, fóra dos círculos tradicionais da esquerda nacionalista galega, vemos con bos ollos as propostas do Reintegracionismo moderado, é dicir, non desexamos que ningúen se vexa forzado a cambiar a forma de se expresar pero sería unha marabillosa oportunidade recuperar oficialmente e para quen voluntariamente o decida, a grafía e a morfoloxía das formas do galego antigo e orixinal, que por sorte para nós ten unha grandísima proxección internacional. Esto podería darlle á nosa lingua a lexitimación definitiva para a integración nas escolas galegas dunha política totalmente bilingüe que enriqueza a sociedade, respete a nosa orixe e se complemente coa utilidade do castelán, que como xa dixen outras veces é unha lingua de inmensa riqueza que tamén sinto como propia.

    Mais para poñer un punto e seguido neste debate con cordialidade e propostas construtivas, e parafraseando o presidente de AGAL, filólogo e cabeza visible do Reintegracionismo actual, Eduardo Maragoto, o importante é destacar os puntos de encontro por riba das diferenzas.

    Por iso é preciso que nos liberemos de prexuízos e fagamos un esforzo por reconectar coa xente, con toda, (incluindo os que votan diferente) para analizarmos obxectivamente a evolución da realidade sociolingüística actual e a súa posíbel proxección futura.

    Desa forma poderemos valorar se é preciso algunha reorientación e sobre todo, se podemos tirar proveito desta nosa lingua universal fomentando acordos trasversais baseados en aspectos sociais, culturais e tamén económicos, á marxe da explotación de intereses partidistas.

    Saúde

    23 jun 2020 / 23:16
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.