Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Lembranza e homenaxe a Darío Xohán Cabana,
hoxe, no seu cabodano

    Fóisenos coa outonía do ano pasado. Hoxe, 16 de novembro de 2022, hai un ano do pasamento do noso amigo Darío Xohán Cabana. Tiven a sorte, que nunca deixarei de agradecer ó destino, de gozar da súa amizade dende que o coñecín, aló polo ano 1976, ó pouco do seu regreso a Lugo despois dos seus anos de estadía en Vigo, onde traballara nas Edicións Castrelos como estreito colaborador de Xosé María Álvarez Blázquez.

    Cando nos coñecemos el era un mozo de vinte e catro anos que xa contaba cunha significativa obra literaria recoñecida con importantes premios e xa publicara media ducia de libros e eu era un estudante de Filoloxía de 18 que admiraba a obra do Darío dende que, con 14 anos, lera o seu Romanceiro da Terra Chá. Os dous andabamos enguedellados en angueiras políticas moi propias daqueles tempos incertos e arriscados que aínda proxectaban as sombras da longa noite de pedra.

    Teño que recoñecer para, xa de paso, deixar de escribir sobre min mesmo, que dende entón o Darío foi para min un mestre, un irmán maior, un referente e un exemplo, un camarada co que compartín na vida bos e malos momentos e un amigo que estivo cabo de min sempre que o necesitei e nunca me fallou.

    O Darío era acolledor e afable, sempre tiña nos beizos un sorriso aberto e nos brazos unha aperta cariñosa, a súa presenza e a súa palabra confortaban, mesmo nos peores momentos de incerteza e de tribulación. O Darío foi un exemplo de compromiso e coherencia coas súas ideas e coas causas políticas, sociais e culturais que defendeu como consecuencia da súa ideoloxía.

    Probablemente sexa por iso polo que moitas persoas de distintas idades, experiencias e diferentes posicións ideolóxicas, que cadramos con el nos relanzos da vida, o estimamos e quixemos como el nos quixo a nosoutros coa súa proverbial e desprendida xenerosidade.

    O Darío ergueu cos seus, en boa medida coas súas propias mans, habelenciosas para os vellos oficios, a súa casa, no sentido máis tradicional da palabra. Esa casa-lar, refuxio dos seus moradores, ó tempo que lle servía para recollerse, proporcionáballe a paz necesaria para o estudo, a lectura e o exercicio da súa rexa vocación de escritor. Non obstante, esa morada familiar estivo permanentemente aberta para “os amigos da casa”, sempre obsequiosamente recibidos por unha familia disposta á acollida e á conversa demorada e vagarosa.

    Ao tempo que somos conscientes da grandeza da obra de Darío Xohán Cabana como poeta, como narrador e novelista, como tradutor ó galego de clásicos universais, como ensaísta e editor, como privilexiado herdeiro e ousado anovador da nosa tradición literaria e da nosa lingua cremos que, como escribiu Ferrín no limar de Canta de cerca a morte, a sociedade galega débelle homenaxe.

    Con motivo do seu cabodano, un numeroso grupo de amigas e amigos do Darío convocamos un acto na súa homenaxe e que terá lugar o vindeiro venres, día 18, ás 19.00 h no Auditorio Municipal Gustavo Freire. Neste acto, ó redor da súa familia, faremos presente o amigo que se foi deixándonos un recordo inmorredoiro. Convocamos ás súas amizades, ós seus lectores e lectoras e á sociedade luguesa en xeral a acompañarnos na lembranza do noso bo amigo, sempre presente entre nós.

    Xoán Ramiro Cuba

    Débeselle homenaxe a Darío porque el é o que termina de colocar as verbas da Nación no sitio propio. Eiquí évos o galego do século XX, cumio do labor encetado por Rosalía, Curros e Pondal no anterior. (Xosé Luís Méndez Ferrín)

    16 nov 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito