Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ler en outono

    Os días do outono, cando o val vira a cen matices de ocre e verde e as caducas asisten impotentes ao xenocidio das follas; as tardiñas do outono, cando dende as fiestras da casa se enxerga ao lonxe o curuto do Pico Sacro e dunha nube fugaz escapa a última, moribunda raiola do día, téndese un veo de calma, de recollido silencio, e unha inesperada paz semella dicir ao mundo: para, mira, escoita, goza desta marabilla que che regala o outono.

    Nestes días, o outono suxíreme baixar ao soto e perderme no santuario. Eu chamo o santuario á biblioteca do avó, aloxada en andeis que van do chan ao teito, máis de tres mil volumes editados fundamentalmente nos últimos anos do século XIX e no primeiro terzo do XX. Un santuario porque, como os santuarios ou os relanzos do río onde brincabamos de cativos, o lugar impón un respecto, talvez mesmo un certo temor reverencial a designios e vontades xa idas, pero herdadas a través das escuras pontes do tempo.

    O avó, secretario de xulgado, aproveitou uns formularios profesionais para facer o catálogo alfabético da biblioteca. A coña do asunto é que nos formularios, específicos para literalmente Presos declarados en rebeldía, figuran dende hai case un século os nomes de Gómez de la Serna, Nietzsche, Galdós, Freud, Pardo Bazán, Risco, Azorín... primorosamente manuscritos con pulcra caligrafía de pendolista.

    Estes días de outono, coa súa deriva suave do solpor á noite, arrecenden a húmeda faísca e, tamén, a papel vello, ese incomparable aroma dun libro venerable, impreso acaso cincuenta ou sesenta anos antes da guerra civil. Arrodeado, neste calmo outono, no meu santuario, de tantos e tantos libros, atesourados polo amor á cultura dos meus devanceiros, medito, inevitablemente, no seu destino.

    Na contorna dixital, cada vez máis desenvolvida, cada vez máis perfecta (pero aséptica) ler é un acto substantivamente diferente ao que ofrecen os meus indefensos mamotretos. Tomo unhas brillantísimas palabras do gran pensador do libro Roger Chartier, que, en breve imos publicar, coa súa autorización, no boletín (dixital, como non) da Unión de Editores Universitarios: A lóxica da viaxe que rexe a edición e a lectura dos libros impresos trae sorpresas, descubrimentos do inesperado, do descoñecido. A lóxica do mundo dixital transforma os lectores en bancos de datos. Os seus gustos, as súas preferencias, as súas compras son previsibles e vólvense o branco das proposicións comerciais e das propagandas políticas. No universo dixital pódese achar máis rapidamente o que se busca, pero non se pode descubrir facilmente o que se ignoraba.

    Cantas cousas que ignoraba teño atopado nos libros! Xuro que, tras moito vivido e experimentado, aínda non atopei substituto para as emocións, intensas, puras, que O último mohicano, Shanti Andía, Moby-Dick ou Robinson Crusoe deixaban nun pícaro de dez ou once anos que, nas cálidas noites estivais da nenez, beliscaba nos brazos para escorrentar o sono e seguir lendo. Logo, cos anos, lin moito, moitísimo máis pero xa nunca foi o mesmo. Pregúntome, convencido, co filósofo, de que somos a nosa infancia, quen ou que modela agora as emocións dos nenos.

    18 dic 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.