Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Literatura infantil e xuvenil - Elos de lectura

Recoñecemento e visibilización dun tempo que estivo silenciado

ánxela gracián

LITER21-USC

Pepe Carballude naceu en Rubín (A Estrada) en 1956, amosando, xa desde cativo, unha clara e firme vocación de amante da palabra narrada, cando, antes de durmir, as súas tías solteiras lle contaban relatos de vidas de santos, contos de aparecidos, lobos, sucesos máis ou menos tráxicos, así como fragmentos da nosa mitoloxía oral, que suplirán nel esa infancia sen libros, ao tempo que forxan nel unha paixón polo relato, aínda que esta tarde anos en callar en forma de libro, algo que só sucede cando, tras os anos de estudo e formación, primeiro o Bacharelato e logo a Universidade de Santiago de Compostela, onde se licencia en Filoloxía Clásica, obteña o posto de profesor de instituto.

Será nese momento cando Carballude, coma todos os escritores e escritoras da súa xeración, bote en falta textos na nosa lingua que lle falen á rapazada do noso e asuma para si tal tarefa, converténdose nun dos escritores máis prolíficos e interesantes da Literatura Infantil e Xuvenil galega. No seu haber conta con recoñecidos premios e máis de tres ducias de títulos moi xeitosos de todos os xéneros e temáticas, aventuras, misterio, denuncia social, ambiental e política, así como narrativa histórica ou mítica, ateigada sempre dun humor retranqueiro, un gusto pola oralidade e o popular e unha fantasía máxica que son selo de autor.

Con A pintora libertaria (Galaxia, 2020), publicada na colección xuvenil “Costa Oeste”, achégase de novo aos frutíferos tempos da República, época que xa abordara en obras anteriores rescatando do esquezo as Misións Pedagóxicas de Malpica, presentando nesta ocasión a instigadora do Surrealismo que foi a pintora Maruja Mallo, visilizándoa para que os máis novos comprendan as achegas e a personalidade desta muller adiantada ao seu tempo. Canda ela desfilan tamén outros dos grandes nomes da historia da pintura a partir da exposición promovida polo concello de Vila do Pazo, transunto de calquera vila galega, que destapará as corruptelas da política municipal coa súa especulación urbanística e a posterior crise do labrillo.

Nesta novela xuvenil de ritmo fluído, que non descoida a intensidade intelectual e cultural, hai tamén hai un espazo para o recoñecemento á iniciativa dos emigrantes que posibilitaron a construción dese proxecto impagable que foron as escolas rurais. Unha interesante lectura que visibiliza un tempo silenciado e recupera a nosa memoria histórica!

Orixinal achega teatralizada á pasaxe bíblica da Arca de Noé

javier cabo

USC

No álbum Na cola para a Arca (Kalandraka, 2021), escrito por Antonis Papatheodoulou e ilustrado por Iris Samartzi, o popular motivo bíblico cede aquí o seu protagonismo á pasaxe, mentres o lector non accede a catecúmeno, e o propio Noé só aparece ao final ao fondo, despois de que as distintas parellas de animais teñan subido a bordo por iniciativa propia. Reducida ao mínimo a escusa relixiosa, a trama limítase a mostrar as diversas reaccións de cada especie, mentres se dirixen á arca. A sorpresa reservada é o tratamento de espectáculo, coa nave convertida en escenario e a pasaxe en audiencia.

A minimización narrativa queda expresada polo emprego de bocadillos de cómic para o texto, a miúdo moi conciso. A páxina transformase en macroviñeta, de feito que as catro últimas son despregables e mudas; e o final literalmente é de obra aberta: do The End a “Arriba o pano”. Trátase dunha orixinal homenaxe ao teatro en clave de humor que xoga cos dobres sentidos.

En rigor non cabe falar aquí de ilustracións, pois neste caso o texto está subordinado á imaxe, que xoga con eficacia ao contraste entre a técnica da colaxe, reservada ás figuras, e o efecto pictórico dos fondos, moi suxestivos, a base de manchas e estampados, en positivo e negativo. En ambos os planos destaca a variedade de efectos, capaz de caracterizar con nitidez cada un dos múltiples personaxes, superpoñendo á súa vez distintos elementos (cuadrículas, textos, etiquetas, códigos de barras etc.) e incluso reciclando obxectos para lograr trucos visuais, como os botóns para os fociños dos hipopótamos. En todos, a personalidade do animal exprésase con acerto, e incluso a actitude que adopta. O carácter plano consusbtancial á colaxe fai aínda máis más notorio o distanciamento dos fondos, de matices á súa vez máis apagados.

franciscojavier.cabo@usc.es

Palabras que se miran dunha forma poética

blanca roig rechou

USC/CRPIH

Antonio García Teijeiro, un poeta pioneiro da LIX, recupera na colección “Xuvenil” de Cuarto de Inverno As palabras están a mirarse arredor da mesa, un poemario xa editado por Everest no ano 2009, que dá conta da súa abondosa produción poética.

Nel recoñecemos o seu bo facer poético, que o levou a ser galardoado co Premio Nacional de Literatura Infantil e a ocupar un lugar de honra na poesía galega. Intertextualiza, como fixo noutros poemarios, con poetas que conforman a súa biblioteca persoal: Gioconda Belli, C. Edmundo de Ory, Leonard Cohen, Pedro Salinas,Luz Pozo, Gil de Biedma, Amalia Bautista e Ramón Cabanillas, que, neste caso, lle serven de inspiración para, en catro partes, falar poeticamente das palabras, colocación, significados que, como se ve na imaxe da cuberta realizada por Lidia Cao igual que as demais ilustracións interiores, un rapaz escribe roubando sílabas para realizar un exercicio poético de amor.

blanca.roig@usc.es

Novidades Xerais para a mocidade

MARTA NEIRA

LITER21-USC/CRPIH

Neste outono Edicións Xerais de Galicia, na súa colección “Fóra de xogo”, agasalla á mocidade con dous títulos de misterio, investigación e resolución de episodios tráxicos.

Un deles é Cando sangren os lobos, do novísimo Adrián Gómez Ramos (Rianxo, 1994), unha novela prima galardoada co primeiro premio “Xuventude crea”, categoría “Novela curta”. Esta narración transcorre na cidade de Santiago onde se produciu un asasinato e hai que buscar o asesino para evitar perigos e máis mortes na cidade. Tradicións, encontros e desencontros entre as persoas entran en xogo.

O outro, O conserxe, do xa experimentado e recoñecido escritor Xosé Luís Vázquez Somoza, é unha novela policial que ten como ambientación espacial un centro de ensino secundario onde aparece unha moza morta. Todo o entramado da investigación implica a todos os colectivos do centro e familias, sobresaíndo o traballo investigador do conserxe.

marta.neira@usc.es

Percorrido polo Camiño francés

CARMEN FERREIRA

UDC/ANILIJ-ELOS

Neste Ano Santo Xacobeo teñen xurdido distintas iniciativas editoriais para dar a coñecer o Camiño de Santiago á infancia e xuventude. Entre elas, hoxe queremos salientar a Edicións do Cumio que publicou un fermoso libro-obxecto con formato grande titulado Bo camiño, peregrino! da ilustradora catalá Rena Ortega. Dá a coñecer ao lectorado infantil o Camiño Francés e as súas distintas etapas a través da viaxe que realizan distintos animais que falan das súas experiencias e que coñecen a gastronomía, a natureza e as paisaxes dos lugares que percorren.

Ademais a obra compleméntase con material informativo, como o que precisa levar o peregrino na mochila, e actividades para avaliar a observación que fai o cativo das ilustracións coloridas e cheas de detalles, que permiten facer unha lectura visual moi gorentosa para gozar, ler e ver. Sen dúbida, unha arriscada e interesante obra con moitas chiscadelas e retos que se deben descubrir!.

m.fboo@udc.es

04 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito