Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Literatura infantil e xuvenil. Elos de Lectura

Miquits, as animadas andanzas dun gatiño negro

INÉS MOSQUERA

CIRPH

Alba de Evan (Vigo, 1987) e Xabier Domínguez (Vilar de Barrio, 1984) levan xa trece títulos de Literatura Infantil e Xuvenil publicados en conxunto. Desta volta, xunto con Paula Chesire (Pontevedra, 1993), presentan o cómic Miquits, editado por Antela Editorial.

Con esta obra iníciase a colección destinada a banda deseñada “Galo Pinto”, que, segundo indican no propio selo, toma o nome do prato tradicional centroamericano resultado dunha mestizaxe, ao igual que o cómic é tamén unha mestizaxe entre técnicas de escrita e imaxe. Lembramos, que todas as súas coleccións levan nomes relacionados coas aves, posto que o seu propósito é crear “libros con pegada”, coma aquelas que deixa a píllara na area das dunas. A propósito das pegadas, a editorial apoia o compromiso ambiental para deixar a menor pegada ecolóxica posible, así como tamén garante unha produción local e a colaboración con labores sociais.

Este volume que abre a nova colección do selo, está protagonizado por Miquits, un gatiño negro coma o carbón, cuns grandes e expresivos ollos amarelos e un adorable fociño rosa en forma de corazón. Miquits é familiar dunha bruxa que se afasta do clixé de anciá malvada, posto que é unha entrañable moza loura que non viste de negro e que namentres prepara as súas apócemas acostuma cantar certa coñecida canción de Andrés do Barro sobre un tren que vai pola beira do Miño.

A obra artéllase en dez capítulos que representan cadansúa aventura. Nesta serie de andanzas, Miquits ten que protexer a súa casa dun rato e dun can e ten que lidar cos perigos de ter un exército de gnomos que quere conquistar a súa morada e que enlean moreas de trasnadas. Tamén asiste a aquelarres, ensínalle a voar en dragón a un rato e exerce de mensaxeiro. Mesmo se encarga da alimentación dunha planta carnívora vexetariana. Nunha das aventuras máis risibles, o gatiño terá que facerse cun combustible ben particular para que a vasoira da bruxa poida cargar con todos os seus amigos e ir gozar xuntos á praia.

O día a día de Miquits é para botar máis dunha gargallada e, se ben en todo o volume destaca o compoñente humorístico, tamén se abordan os valores da amizade e da axuda ao próximo, pois o gatiño está sempre a coidar de todos os que o rodean. Salientamos tamén o trato aos animais, sobre todo, ao non presentar ao gato como mascota, senón como familiar da bruxa, fomentando nos cativos valores de respecto cara aos nosos compañeiros peludiños.

inesmosquerac@gmail.com

Un álbum que recolle a relación entre avoa e netas

JAVIER CABO

LITER21-USC

A terceira idade é unha fonte inesgotable para a literatura infantil, como o demostra o álbum Bos días, avoa, de R. J. Peralta e Blanca Millán. Aquí non hai salto xeracional que valla, dada a innata empatía entre os seus representantes e, neste caso, polo visto, tampouco cultural ou racial. En efecto, ben lonxe do asilo e a cargo dunha parella de nenas negras sen recibir ningún tipo de axuda, comparece unha avoa hiperactiva e polivalente, capaz de enfrontarse a calquera situación doméstica de orde, mantemento ou limpeza, e tamén a cociñar pratos, tanto autóctonos como internacionais. En cambio, os proxenitores – brancos - só asoman como comparsas breves e anecdóticas. As propias nenas se configuran como narradoras, entoando a dúo unha ininterrompida loa á súa benemérita avoa adoptiva.

O protagonismo da avoa reflíctese loxicamente nas diversas ilustracións, cuxa principal virtude radica na variedade con que sorprenden a cada salto de páxina. A debuxante esfórzase en adoptar puntos de vista distintos, incluíndo o cenital, tan insólito como oportuno para amosar o dormitorio das nenas. Altérnanse escenas panorámicas e a dobre páxina, con minúsculas figuras, con aqueloutras que ocupan tan só media páxina sobre un fondo abstracto ou recorren ao primeiro plano. O tratamento dos escenarios resulta bastante máis convincente que o das figuras, en especial respecto á vexetación. Un detalle digno de (boa) nota achégano as nenas debuxando sobre as paredes, feito que introduce ao lectorado infantil na dialéctica do cadro dentro do cadro (aínda que só para que a infatigable avoa proceda a borrar aqueles garabatos).

En suma, se os avós son os mellores personaxes deste álbum ilustrado, os netos serían á súa vez os mellores lectores (e neste caso ata narradores).

Interesante monográfico sobre cómic e literatura

ROCÍO GARCÍA

LITER21-USC

Un ano máis, e van dezanove, a Rede temática “As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano” (LIJMI) sacou a lume o seu monográfico anual, Cómic e Literatura; coordinado por Marta Neira, Blanca-Ana Roig e Isabel Soto, co apoio do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e Edicións Xerais.

Aquelas persoas interesadas neste produto híbrido entre arte e literatura, chamado banda deseñada, cómic, historieta, histórias em quadrinhos etc., atoparán un conxunto de estudos panorámicos da súa situación nos ámbitos castelán, catalán, galego, portugués, vasco, brasileiro e mexicano. Tamén unha selección e comentarios de obras que son exemplo de biografía gráfica literaria, adaptacións de obras clásicas ou cómics atractivos formal e tematicamente, sen deixar á marxe a importancia de educar literariamente e artisticamente con pautas para levar a cabo esa metadoloxía.

rociogpedreira@gmail.com

Un fermoso libro-disco que une música e poesía

BLANCA ROIG RECHOU

LITER21-USC

A Editorial Elvira, fai pouco, sacou a lume un fermoso libro-disco, un verdadeiro artefacto que conxuga varias artes (literatura, música, pintura) para acoller dous poemarios de Antonio García Teijeiro, Cando caen as follas e Palabras envoltas en cancións, cadros pictóricos de Xulio García Rivas e un CD no que se musicalizan poemas na voz de Paco Ibáñez e Alberto Cunha.

O título do libro e o limiar avisan de que se trata dunha homenaxe a Paco Ibañez pola súa traxectoria, chea de ética, por ser amigo e por levar polo mundo varios dos poemas do noso poeta, un soño do que Antonio García Teijeiro non quere espertar. O poemario ademais lembra a paixón do poeta e narrador pola música, pola palabra, polas follas de papel que a acollen, pola natureza, pola vida, pola consideración e admiración que constantemente mostra na súa escrita por creadores galegos e universais nas dúas expresións artísticas.

blanca.roig@usc.es

Novidades Xerais: nova aventura dos minimortos

carmeN FERREIRA

UDC/CIRPH

.A recoñecida escritora Ledicia Costas (Vigo, 1979), acompañada da ilustradora Mar Villar (Alacant, 1984), acaban de publicar baixo o título Ai, que risa! (Xerais, 2022) nacolección “Sopa de Libros” a quinta aventura protagonizada polos Minimortos, un grupo de rapazada de ultratumba que habita no Outro Barrio e que se acompaña de mascotas animais e vexetais.

Nesta ocasión, a Petunio, Pochiña, Maya, Penoso e Dinamito ocórreselle multar a todos os habitantes do Outro Barrio que digan cousas contrarias de alegre coa intención de tentar animar a oso Penoso, que está triste de verdade. Mais como esa idea non ten éxito, Pochiña organiza un concurso de números cómicos para conseguir facer rir a Penoso. Sen dúbida, unha lectura moi divertida e retranqueira sobre a vida no Alén para recomendar á infancia nestas datas próximas á celebración do Samaín, cando mortos viventes e todo tipo de monstros andan soltos.

m.fboo@udc.es

05 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.