Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Literatura infantil e xuvenil - Elos de lectura

Cómic de aventuras galácticas en contra da opresión

inés mosquera

CRPIH

O selo El Patito Editorial trae aos nosos andeis Astro-Rato e Lampadiña 4. O planeta peperete, cómic escrito e debuxado por Fermín Solís (Madroñera, Cáceres, 1972) e vertido ao galego por Isabel Soto (Vigo, 1969). Continúa así a saga galáctica de Astro-Rato, cunha nova entrega na que deberá opoñerse á opresión e á tiranía que asoballan todo un planeta.

Astro-Rato, Lampadiña e Caca atópanse nunha situación na que carecen de auga, polo que necesitan buscar algún lugar onde poder conseguila. Segundo as rápidas investigacións de Lampadiña, o punto máis próximo con auga potable é o planeta Peperete, ao cal deciden emprender rumbo en busca deste necesario recurso. Unha vez alí, descobren que a poboación do planeta Peperete vive atemorizada por culpa dun grupo coñecido como Os Catro Molestos. Estes malfeitores someten aos habitantes do planeta facéndose cos seus recursos. Ante esta inxustiza, Astro-Rato recorre á axuda dos seus amigos para que lles boten unha man, e, así, xunto con Lampadiña, Caca, Astro-Polo e dous soldados do Planeta Chiklón, idean unha estratexia conxunta para solucionar este problema.

A táctica pensada polo grupo, na que cada un aporta os seus puntos fortes para actuar coma un conxunto equilibrado e que, a priori, parece que vai resultar efectiva, non ten os efectos desexados. Non obstante, o membro máis medroso do grupo, Caca, ármase de valor e improvisa unha enxeñosa estrataxema coa que vence aos inimigos e libera o planeta da condición de tiranía, deixando abraiados a todos os seus compañeiros e demostrando que, como a miúdo acontece, as aparencias adoitan enganar.

Esta entretida aventura galáctica, enfeitada con toques humorísticos, pon de manifesto a importancia do traballo en equipo e da cooperación, facendo entender ao lectorado que as aportacións de todos os membros, aínda que parezan máis débiles, teñen o seu valor e significación para os obxectivos comúns. Por iso, é un excelente exercicio de concienciación sobre a non discriminación daqueles que son ou semellan diferentes á maioría, posto que amosa que todo o mundo pode aportar o seu gran de area ás causas comúns e mesmo chegar a ofrecer importantes contribucións. Coa mesma, tamén brinda unha visión sobre a opresión dos pobos que podemos extrapolar a numerosos casos do mundo actual e así amosar a necesidade de liberdade de calquera colectividade humana, porque todos merecemos vivir exentos de calquera tipo de sometemento imposto.

inesmosquerac@gmail.com

A obra ‘A fuga de Guillermo’: do papel ao mundo real da man da Editorial Galaxia

Mª Lucía González

USC

Helena Villar Janeiro (Becerreá, 1940) é profesora de literatura e lingua en Santiago de Compostela e autora cunha gran traxectoria literaria nos xéneros narrativo, poético, ensaístico e dunha ampla nómina de obras pertencentes á Literatura Infantil e Xuvenil. Coa obra Na praia dos lagartos (2004) conseguiu obter o premio Arume de literatura infantil da Fundación Xosé Neira Vilas e, entre as súas últimas publicacións para o lectorado infanto-xuvenil, atópanse magníficas creacións como Contos do Sol e da Lúa (2017) ou Amor por catro. Catro amores primeiros (2018).

A fuga de Guillermo publícase no presente ano 2021 pola Editorial Galaxia como parte da colección Árbore cunhas marabillosas e nostálxicas ilustracións realizadas por Luz Beloso. Hai personaxes cheos de vida que non poden vivir entre páxinas e que precisan ser rescatados. Este é precisamente o caso de Guillermo, un rapaz de papel que escapa do conto Guillermo, o pelador de mazás para atoparse de cheo con diferentes sensacións, novas aventuras que vivir, novos camiños que percorrer da man dunha compañeira incríble: a avoa. Grazas á complicidade que establece coa avoa, en Guillermo espértase a necesidade de ser un neno humano para mudar as páxinas do libro polo mundo real e poder, así, chegar a coñecer a importancia do valor da amizade.

Este doce e fermoso conto recórdanos a importancia dos vínculos afectivos entre os máis cativos e os maiores, facéndonos reconectar coas avoas e avós, pois son elas e eles quen amosan ser excelentes compañeiros de xogos estando dispostos a somerxerse en novas aventuras, pero sempre cumprindo coa imprescindible labor de guía na educación da cativada. Sen ningunha dúbida, A fuga de Guillermo resulta ser unha excelente opción para inculcar os valores do amor e da amizade no lectorado infantil.

mluciaglezcastro@gmail.com

Volume sobre a morte na LIX

ánxela gracián

USC

A Editorial Xerais vén de publicar A morte e as súas representacións na LIX ibérica e iberoamericana, volume coordinado por Marta Neira Rodríguez, Blanca-Ana Roig Rechou e Isabel Soto López. Este monográfico, que conta coas aportacións de máis de 50 especialistas, é a nova achega da Rede Temática “Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano” (LIJMI).

A monografía abre con estudos sobre representacións da morte nas literaturas do panorama ibérico e iberoamericano. Segue unha selección de 76 obras escollidas para a educación literaria e os estudos de 28 títulos para a formación lectora. Finaliza cun artigo centrado na representación da alegoría e a súa manifestación na ilustración para público infantil. Así, o volume preséntase configurando un achegamento á morte para instar á abordaxe deste tema afastándoo dunha vez da súa habitual concepción como indecoroso tabú.

palabrasdepan@gmail.com

Toca recuperar a memoria histórica

MAR fernández-vázquez

UVIGO, LITER21-USC

Pepe Carballude, prolífico autor de LIX e docente de Latín agora xubilado, regresa á liña temática dos conflitos sociais vinculados á historia recente de España coa novela xuvenil In memoriam. O acaído título predispón o lectorado ante a difícil decisión de apoiar ou refutar as escavacións promovidas pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica para contar a verdade silenciada, facer xustiza e recoñecer a modo de homenaxe o labor realizado por fusilados convencidos da súa liberdade pese ás imposicións da ditadura franquista. Manuel, un mestre novo e comprometido, dirixe a un grupo de estudantes voluntarios para desentrañar un segredo oculto baixo a terra do antigo Parque da cidade.

A dedicatoria á súa nai, Clemencia Blanco Pintos e o agradecemento a Carme García Rodeja, implicada tamén na recuperación histórica, adiantan ao lectorado o protagonismo das figuras femininas na novela.

margramanet2004@yahoo.es

Inadaptación tras Chernóbil

CARMEN FERREIRA

UDC/ANILIJ-ELOS

Xa temos nas librarías e bibliotecas a obra gañadora do IV premio Agustín Fernández Paz pola igualdade, A cidade do átomo (Xerais, 2021) de Iria Misa, unha escritora nova que xa foi recoñecida con outros premios literarios.

En doce capítulos, ademais dun mapa da cidade do átomo ou cidade do futuro e un aviso intitulado “Atención, atención!” onde se dan chaves para entrar na ficción histórica, nárrase como, malia que a rapazada tenta manter viva a cidade destruída polo accidente na Estación Enerxética de Chernóbil, a protagonista Lena non consegue adaptarse á cidade sen os seres queridos. Na súa axuda chega outro personaxe para iniciar a busca.

Remata cuns extras: un texto que convida a visualizala en Youtube a partir do QR adxunto; outro dá noticia de onde foron extraídos os textos citados e outro ofrece fotografías de Prípiat onde se desenvolve a trama. Acompáñase das ilustracións de Sonia García.

m.fboo@udc.es

13 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito