Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Literatura infantil e xuvenil · Elos de Lectura

‘A folla azul’ que nos ensina a respectar á nai terra

imª lucía gonzález castro

USC

Andrea Maceiras (A Coruña, 1987), licenciada en Filoloxía galega e hispánica, iníciase no ámbito da Literatura Infantil e Xuvenil con Proxecto Bolboreta (2008), obra gañadora do Certame de Micronovela de Soutomaior (2007). Posteriormente a autora acada recoñecementos como o Premio Meiga Moira con Violeta Tamurana (2010) e continúa publicando extraordinarias obras como Nubes de Evolución (2013), coa que gaña o Premio Fervenzas Literarias (2014), ou Cando volverás golfiño (2014). Con Europa Express (2015) recibe o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e coas súas últimas obras O que sei do silencio (2018) e Conta nove estrelas (2019), – esta última gañadora do Premio Lazarillo–, pon o selo a unha impecable e excelente traxectoria literaria da cal esta presente obra, A folla azul, consegue o Premio Merlín no ano 2020 e publícase por Edicións Xerais no presente 2021.

A folla azul preséntanos á protagonista Husu Aké. Ela non só pertence a unha tribo da Amazonia, tamén é “habitante do mundo verde” e filla da Nai Terra. A autora desta cautivadora historia trasládanos á serenidade da tribo Tacaré e ao seu estilo de vida pacífico e en contacto coa natureza e cos seres vivos que a habitan. A avoa Arumi proporciónalle a Husu as ferramentas indispensables para unha viaxe que o cambiará todo. Así, esta nena guerreira asume a enorme responsabilidade de salvar a súa cultura, a súa xente e a Nai Terra. Para isto, debe atopar “a folla azul”. Emprende un camiño cheo de aventuras nas que Husu nos ensina a importancia de ter oshoshoro e de que este sexa preservado pola sociedade, especialmente polos Kuben.

A descrición da natureza, dos seres vivos que a habitan, pero tamén da cultura tribal e das súas crenzas ofrece unha porta ao debate ecoloxista dunha forma moi coidada e tenra na que ecoan algunhas resonancias poscoloniais. Os detalles vivos e cheos de cor, que este relato presenta, compleméntanse coas magníficas ilustracións de Sonia García, quen se encarga de darlle luz á vexetación do Amazonas, así como aos diferentes animais que acompañan a Husu na súa viaxe como son os paxaros, monos titís, serpes, xaguares, tartarugas, delfíns rosados, aguias e moitos outros. En definitiva, unha lectura moi rica e chea de matices, orientada ao lectorado xuvenil, que procura concienciar sobre a importancia de crear un planeta máis sostible e de coidar a natureza.

mluciaglezcastro@gmail.com

‘As formiguiñas filandeiras’: Cando a unión no só fai a forza, senón tamén a propia forma

javier cabo

USC

O álbum As formiguiñas filandeiras (Hércules, 2021), de Victoria García e Laura Cortés, relata a historia das deambulantes vicisitudes dun formigueiro para enfrontarse á hostilidade da contorna en canto deciden os seus membros asomarse ao exterior. Neste caso, estendendo o venerable lema, a unión non só fai a forza, senón tamén a propia forma. Os insectos, en efecto, adoptan con exemplar disciplina e acompañamento coral a forma dunha serpe para, deste modo, asustar os seus depredadores, caso das aves. A aparencia temible do conxunto supera así á natureza inerme dos seus compoñentes. Toda unha lección de axuda mutua e defensa común. Resultaría interesante formularlle aquí á nenez a comparación coa camuflaxe, procedemento oposto e de raíz evolutiva, onde en cambio o animal busca fundirse co fondo para pasar inadvertido.

En canto ás ilustracións, apostan por un carácter claramente pictórico, con formas ben provistas de volume, dando á paisaxe boscosa unha entidade moi destacada (de feito a portada, fronte ao propio título, céntrase no mesmo deserto). As múltiples protagonistas, pola contra, comparecen retratadas cunha certa indefinición, como se a súa propia estratexia de disfrace colectivo lles supuxese un hándicap de anonimato. Conveñamos, por outro banda, en que un formigueiro non constitúe precisamente un crisol de individualidades. En todo caso, a ilustradora parece un tanto incómoda á hora de caracterizar tales insectos. Resulta significativo que só o consiga de pleno sobre unha páxina negra, o interior do formigueiro, onde unicamente os ollos son visibles, pois a distinta disposición das pupilas logra un efecto máis convincente e combina moi ben á súa vez coas onomatopeas. Por outra banda, a ave que pretendía atacalas non se amosa, senón parcialmente e en primeiro plano, implicando o espectador no punto de vista entomolóxico.

franciscojavier.cabo@usc.es

Dous white ravens galegos 2021

blanca roig rechou

USC/CRPIH

A mediados de outubro, coincidindo coa Feira de Frankfurt, a Biblioteca Internacional da Xuventude de Münich daba a coñecer a súa listaxe anual White Ravens 2021 cos 200 títulos seleccionados polo comité de expertos, procedentes de 54 países. É unha alegría saber que, entre eles, se atopan dúas obras en galego. Son elas o álbum ilustrado Ninguén coma min (Kalandraka, 2020), de Ignacio Chao e ilustracións de Eva Sánchez, polo seu carácter “inusual e desconcertante”, que xa fora recoñecido con senllas mencións no XI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado e o Premio aos Mellores Libros para Nenos e Mozos 2021 do Banco do Libro de Venezuela.

E a novela híbrida xuvenil Santoamaro (Xerais, 2021), de Antonio M. Fraga, Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2020, da que salientan os “breves e incisivos capítulos”, os personaxes cribles dos que se captura o seu ton e rexistro emocional e o uso dos chats de WhatsApp.

blanca.roig@usc.es

Novela gráfica cunha muller protagonista

MAR fernández-vázquez

UVIGO, LITER21-USC

A segunda novela gráfica de Inés Vázquez (Carral, 1993), Aldara. A lenda do cervo branco, xorde da lenda tradicional que recompilara Leandro Carré Alvarellos. A importancia dun profesorado involucrado e observador das capacidades do alumnado explica a publicación deste proxecto visual e textual.

No paratexto da extensa dedicatoria, a autora agradece, ademais da familia e amizades, a aprendizaxe adquirida da man da súa docente de galego, Teresa Pastor, o equipo docente de bacharelato artístico do coruñés IES Durmideiras, os mestres da escola de ilustración O Garaxe Hermético e o editor Manel Cráneo. Unhas ben elixidas cores de fondo marcan os saltos espaciais entre os lugares da trama: un bosque nevado, as labouras do campo, a lareira da casa familiar da protagonista e o bosque recreado para representar a lenda salientada no temático subtítulo. Regresaremos para contarvos a afouteza de Aldara!

margramanet2004@yahoo.es

Cuarta aventura de ‘Os Minimortos’

CARMEN FERREIRA

UDC/ANILIJ-ELOS

Logo de éxito acadado coas anteriores entregas, Benvido ao Outro Barrio, Criando Malvas e Escola de salvaxes, a escritora Ledicia Costas (Vigo, 1979), acaba de publicar O Día dos Vivos (Xerais, 2021), a cuarta das entregas da súa serie Os Minimortos, que desdramatiza a morte, relatando as divertidas aventuras dunha peculiar panda de rapaces que viven no Outro Mundo. Os títulos acompáñanse duns paratextos, nos que se presentan os protagonistas e o peculiar mundo de ultratumba no que viven, e das fermosas ilustracións de Mar Villar (Alacant, 1984).

Desta volta, a cuadrilla dos Minimortos, sempre en compañía dos seus axudantes animais e vexetais, agardan con moito entusiasmo o convite para a festa de disfraces da Bruxa Xefa na noite do Samaín. Mentres, preparan os seus disfraces terroríficos para a ocasión. Unha serie moi orixinal e recomendable para ler neste Samaín coa que fomentar o gusto pola lectura.

mariadelrocio.garcia.pedreira@usc.es

15 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito