Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

‘Luar’ celebra este venres os 30 anos de ‘festa televisiva’

Produción propia da canle pública galega desde 1992, trátase do programa máis lonxevo da TVG e da televisión en España

Con Xosé Ramón Gayoso á fronte do programa desde a primeira emisión, o especial desta semana festexará os 30 anos lembrando as actuacións de grandes figuras da música e recibindo no escenario a colaboradores e personaxes tan queridos pola audiencia como a señora de Palmírez, Socorrito, o carteiro Anselmo ou Os Tonechos, o dúo formado por Roberto Vilar e Víctor Fábregas, que volve ao escenario só por unas horas para celebrar o aniversario do espazo en que se deron a coñecer.

Un cento de enormes profesionáis. Todos eles fan posible cada semana a emisión, os venres en directo (22:00 h) desde o plató 1.000 de Teo, en Santiago. Música, baile, cultura popular e moito humor conforman a clave do programa que presenta, desde 1992, Xosé Ramón Gayoso (A Coruña,1956) e dirixen o realizador galego Teo Manuel Abad e o propio X. R. Gayoso, e que precisa cada semana unha inxente labor de produción e organización de contidos e artistas.

O 30 de setembro de 1992 emitíase o primeiro Luar desde a discoteca Dona Dana de Touro, con 1.200 persoas como público. Desde entón, o que tamén é o programa musical máis lonxevo da televisión en España segue a ser a cita agardada de cada venres, no prime time da canle pública galega. A presenza do público no estudio e a participación dos espectadores desde as casas, por teléfono e redes sociais, forma parte do seu éxito: non se entende un Luar sen a participación da audiencia, tanto de Galicia como da comunidade galega emigrada que foi sempre moi fiel ao espazo desde os seus inicios.

Luar foi e segue a ser un espazo para o novo talento musical e de humor galegos, no que hai que salientar o trampolín que supón para o sector das orquestras e a música popular galega. Proba disto son os concursos Canteira de cantareiros ou Recantos, que cada ano descobre novos talentos. Os coñecidos dúos cómicos Os Tonechos, Mucha e Nucha (Marcos Pereiro e Xosé Antonio Touriñán) ou o actor Luís Zahera, entre moitos outros, creceron profesionalmente neste espazo, que foi imprescindible tamén para moitas outras formacións actuais, como as Tanxugueiras, cuxa primeira actuación no Luar foi en 2017.

30 anos de historia. Entre as grandes actuacións no Luar, figuras da música española e internacional como Chavela Vargas, Mª Dolores Pradera, Joaquín Sabina, Gloria Lasso, Amalia Rodrigues, Miriam Makeba, Franco Battiato, Gilbert Becaud, Boney M, Demis Roussos, Luis Aguilé, Sara Montiel, Imperio Argentina, Peret, Maná, Enrique Iglesias, Chayanne, Juanes, Carlos Vives, Alejandro Sanz, David Bisbal, The Temptations, Village People, Manu Chao, A-ha, Richard Clayderman, Rocío Jurado, Paulina Rubio, etc.

A audiencia de Luar sempre está por riba dos dous díxitos, un fito moi complicado e relevante nunha faixa de tal competencia como o prime time do venres pola noite. Antes da existencia das plataformas dixitais e mesmo nos comezos do espazo nos anos 90, Luar chegou a cotas superiores o 40%. Durante a pandemia da covid, o programa quedou sen público, con distancias, pero a CRTVG considerou fundamental seguir emitíndoo. Continuou acompañando e entretendo a audiencia durante os momentos máis duros da Covid-19.

22 sep 2022 / 21:50
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
TVG
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.